top of page

AA.VV. San Brais de Acedre

Hoxe témolo pracer de conversa ca asociación de veciños San Brais de San Romao de Acedre, máis concretamente con Silvia socia deste colectivo e que tan amablemente respostou ás nosas preguntas. 
Para coñecermos mellor esta fermosa freguesía e as actividades que realiza esta proactiva asociación.

Dende aquí agardecemos á asociación de veciños San Brais de San Romao de Acedre a súa participación neste noso espazo de entrevista e desexamos que esta fermosa parroquia siga tendo tanta e tanta vida.

-SdP. Antes de todo,contádenos que fai de diferente o voso lugar, San Román de Acedre?

-AA.VV. San Romao de Acedre é unha parroquia situada nun recuncho do concello de Pantón,mollada polas augas do cabe e arroupada polas ribeiras de Sober. Enclavada no medio dunha paisaxe pintoresca a cal se presenta coma un remanso de tranquilidade onde o bulicio da cidade queda atrás.Este idílico lugar distínguese por ser o punto onde a estrada decide dar paso a serenidade rural, marcando o fin das rutas transitadas e o comezo dun camiño máis pausado.É unha parroquia constituída por seis pequenas aldeas que fan que a nosa parroquia sexa única e inigualable:O Cotillón, Budián, San Romao, Acedre, parte de Abelaira e parte de Cima de Vila. Contamos con tradicións, as cales enriquecen a diversidade e preservan o patrimonio cultural como é o Entroido de Budián ou a antiga escola na aldea de San Romao; temos unhas características paisaxísticas e arquitectónicas as cales atraen turistas contando así cunha cova con decoracións na parede na aldea do Cotillón,Neste ámbito e como nova creación tamén contamos cunha casa rural na aldea de Budián; desfrutamos de producións agrícolas obtidas a través da gran calidade das terras, o clima e abundancia de mananciais , tendo así viños de calidade,meles e hortalizas de primeira.

-SdP. Ao longo do ano qué actividades están no voso calendario coma imprescindibles?

-AA.VV. Na apacible parroquia de San Romao de Acedre, cada festividade é un acontecemento que une a comunidade. O calendario está marcado por eventos que forman parte da nosa tradición durante xeracións.

Todas os martes contamos con actividades como a ximnasia onde algúns dos nosos veciños maiores van exercitar un pouco a súa musculatura. Así arrincamos o ano coa festividade do San Brais na aldea de San Romao os días 3 e 4 de febreiro: O San Brais sae a procesión polo medio da aldea con multitude de cintas de cores que a xente coloca ó santo para ser bendicidas. Seguimos co Entroido de Budián o día 11 de febreiro, o cal sae do campo de Budián e percorre os camiños de toda a parroquia. Este recuperouse fai uns anos rememorando os antigos traxes e xentes desta aldea. Chegamos á primavera e con isto á Festa da Pascua, concretamente o día 9 de abril onde nos xuntamos na antiga escola para festexar as nosas tradicións relixiosas e rituais locais.

Despois chegamos ao verán coas grandes festas da parroquia: “o día do patrón San Romao” os días 9,10 e 11 de agosto. A festa comeza con música xa o venres para os vindeiros días renderlle homenaxe a través dunha misa solemne e unha procesión polo centro do pobo de San Romao.

Chegamos ao outono e temos o magosto alá polo comezo do mes de novembro. Facemos unha xuntanza dos veciños na antiga escola con castañas e viño novo do pobo.

Finalmente pechamos o calendario coa festa da Virxe da Porta, o 21 de novembro. Celébrase na capela do aldea de Budián onde os habitantes sacan en procesión  a santa e se lle ofrece unha misa solemne na súa honra.

WhatsApp Image 2024-02-04 at 13.03.43.jpeg

Fotografía nunha pancetada organizada por esta asociación.

- SdP. Contádenos que supón para vós e para a parroquia o “Entroido de Budián?


- AA.VV. O Entroido de Budián  e máis ca unha simple celebración; converteuse xa fai uns anos nun evento anual que transforma a vida cotiá do pobo nun espectáculo de alegría, creatividade e liberdade. Este entroido non só é unha oportunidade de camuflarse e desfilar polas aldeas senón que é un vínculo entre xeracións pasadas e unha maneira de poder renderlle homenaxe as xentes que fixeron que a parroquia de San Romao de Acedre sexa como a vemos hoxe en día.

Por isto, días antes da súa celebración os habitantes das aldeas esperan con entusiasmo e ilusión a chegada deste gran día.

- SdP. Como se plantexan as festas parroquiais este ano?

 

- AA.VV. As festas parroquiais deste ano están sendo planificadas con maior entusiasmo por mor do éxito que tiveron as do ano pasado. A colaboración dos veciños e o bo facer fan que está tarefa sexa mellor levada. Seguiremos un mesmo plan de execución a través de música, cantina e moitas sorpresas que xa se irán descubrindo.

- SdP. Como acostuma reaccionar a xente ás cousas que organizades? Sodes unha parroquia activa e unida?

- AA.VV. Na nosa aldea, a resposta da xente as actividades organizadas soe ser boa, reflectindo así unha mestura única de entusiasmo, unidade e un forte sentido da comunidade. A participación nos eventos demostran o seu aprecio polas tradicións, a súa conexión coa terra e o desexo de fortalecer os lazos comunitarios.

Cando se aproximan os eventos culturais,relixiosos ou festividades a primeira reacción da xente soe ser de anticipación. Así, involúcranse de cheo na organización e execución destas celebracións converténdose así nunha parroquia unida e activa.

WhatsApp Image 2024-02-04 at 13.04.11.jpeg

Unha imaxe dun días nas festas da parroquia de Acedre.

-SdP. Tendes algunha nova actividade pensada para este 2024?

- AA.VV. Neste ano 2024 non se prevé engadir ningunha actividade das demais ditas con anterioridade.

-SdP. Ao ser un colectivo vencellado á xente vedes que haxa algún tema que preocupe especialmente aos vosos veciños?

- AA.VV. As  preocupacións dos veciños reflicten unha mestura da conexión coa terra, a sustentabilidade e a preservación dun modo de vida tradicional. Aínda que a vida no campo está impregnada de serenidade, os habitantes desta parroquia comparten inquietudes comúns que afectan o seu día a día.

Un dos temas centrais é a despoboación e a migración dos mozos cara zonas urbanas deixando así algunhas aldeas da parroquia con poucos habitantes. Isto non axuda o tema do avellentamento da mesma xa que a media de idade na parroquia supera os 60 anos.

Outro dos temas é a indispoñibilidade de servizos. A distancia do centro urbano supón xerar inquietudes en termos de acceso a atención médica,educación e servizos esenciais.

Ademais, as cuestións relacionadas coa conectividade dixital tamén son motivo de preocupación. Os avances tecnolóxicos poden brindar oportunidades, pero tamén plantexan desafíos para aqueles  que desexan manter unha vida equilibrada entre a modernidade e a preservación da autenticidade rural.

A pesar destas preocupacións, a comunidade demostra unha resiliencia notable. A solidaridade entre veciños, a preservación de tradicións e a búsqueda activa de solucións colaborativas demostran esa determinación de confrontar retos e preservar a esencia única da vida no campo.

WhatsApp Image 2024-02-04 at 13.03.43 (3).jpeg
WhatsApp Image 2024-02-04 at 13.03.43 (2).jpeg

Unhas imaxes polo magosto  de Acedre.

bottom of page