
Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Almudena Bouzón Custodio
Hoxe entrevistamos a Almudena Bouzón, unha gran estudiosa da Orde do Temple, que desta volta vainos falar sobre esta orde militar e sobre todo da Bailía de San Pedro de Canaval, se queredes saber máis quedade e ollade esta gran entrevista!
Sen máis dilacións aquí a entrevista e mil grazas por todo Asunción!
SdP: Para comezar unha serie de preguntas rápidas:
-
Como descubriu que a súa paixón era a historia? Vimos que realizou varias investigacións sobre a Orde do Temple, de onde lle vén ese interese?
Dende que era moi pequena gustábanme moito as películas e series históricas, sobre todo as ambientadas na Idade Media. Pero sen dúbida o punto de inflexión tivo lugar cando tiña 13 anos. O momento que cambiou todo tivo lugar unha mañá normal de sábado, eu estaba vendo unha das miñas series favoritas nese momento, Cazatesoros, e estaban poñendo un episodio que non tiña visto e que xiraba ao redor do fin da Orde do Temple. Quedei absolutamente fascinada coa historia da Orde e cun montón de preguntas e dúbidas na miña cabeza: ¿que eran as cruzadas? Terra Santa? Ordes militares? Cal foi o fin real do Temple? Como nese momento buscar información en internet non era tan doado como hoxe en día, acudín a xunto de Pilar, a miña profesora de Xeografía e Historia. Ela explicoume todo e respondeu as miñas miles de preguntas, e días mais tarde tróuxome un artigo de revista. Sen dubida, ela soubo como encamiñar o meu interese por este tema. Co paso dos meses fun acumulando libros sobre a Orde e tomei a decisión de estudar historia, para o día de mañá poder investigar e saber máis sobre os templarios.
-
Pensa que hai moita romantización da orde dos Templarios?
Sen dúbida. Dende antes do século XIX teñen corrido ríos de tinta sobre unha historia desta Orde militar decorada con datos imaxinarios, esotéricos ou lendarios centrados no seu tráxico final ou nas supostas cerimonias que os seus membros levarían a cabo en segredo. Uns relatos que co tempo fixeron que se crease unha idea moi idealizada e romántica da Orde do Temple. A isto súmase o feito de que moitas igrexas de pasado incerto ou descoñecido foron identificadas como antigas posesións templarias. Un recoñecemento que acabou estendéndose e asentándose na crenza popular, e que ás veces intentar desmentir ou romper é moi complicado. Ademais, e pese o paso do tempo e a publicación de traballos académicos centrados na historia real dos templarios, este tipo de narrativa segue sendo defendida en certos ámbitos, o que fai que intentar desmentila ou desmitificala sexa moi complexo. En relación con isto, nestes últimos anos parece que existe unha fixación en acrecentar o papel e presenza desta institución militar no Camiño de Santiago e na cidade de Compostela, e tamén en relacionala como creadora do tradicional Xogo da Oca. Unhas teorías que teñen máis de inventado que de real, pois os templarios si tiveron algunha propiedade dentro do trazado do Camiño, pero non dun número e relevancia importante, e non hai constancia nas fontes documentais de que posuísen algún inmoble na cidade do apóstolo. E por suposto non tiveron nada que ver na invención do Xogo da Oca, un entretemento que aparece citado por primeira vez nos textos en época moderna.
En resumo, parece que a Orde do Temple ten dúas historias, a real e a lendaria, pero o certo, é que podemos considerar que é unha dividida en dúas partes. Por un lado, a primeira, a real, a que vive durante a súa existencia; e por outro, a segunda, a lendaria, a que se crea trala súa disolución. Hai certos mitos que son moi bonitos e creo que deben de ser contados, pero sempre deixando claro que son iso, mitos que rodean a historia dunha Orde cuxo pasado leva décadas fascinando a sociedade.
-
Pensa que a xente coñece as ordes militares?
Non moito. A miña propia familia cando lles expliquei o concepto de Orde militar chamoulles moito a atención, pois o final non deixan de ser relixiosos que combinaban a súa vida máis relixiosa coa militar. Logo teño atopado casos de persoas que pensaban que a Orde do Temple e a Orde de San Xoán de Xerusalén eran a mesma. Unha situación que tampouco me sorprende, pois xa na Idade Moderna as confundían.
SdP: Lendo unha das súas investigación constatamos que a Orde do Temple estivo en varios lugares de Galicia, tivo moito poder?
ABC: Sen dúbida, o Temple foi un señor territorial e xurisdicional máis do noroeste peninsular, pero as escasas fontes documentais conservadas sobre a Orde en Galicia impídennos coñecer o alcance do seu poder e importancia. Pese a isto, podemos puntualizar que o seu papel non debeu de ser menor, pois estes freires chegaron a ter ata nove entidades organizativas: as bailías de Faro (Cambre) -a cabeza da Orde en territorio galego-, San Fiz do Hermo (Guntín), Amoeiro (Amoeiro), Coia (Vigo), San Sadurniño (San Sadurniño), Canaval (Sober), Betanzos (Betanzos), Lendo (A Laracha) e Neira (Láncara?), as cales se situaban en distintos puntos de case toda a xeografía galega. O coñecemento de cada unha destas bailías é desigual, debido o diferente número de referencias documentais preservadas de cada unha delas. Un exemplo desta situación refléxana as tres bailías lucenses, pois San Fiz do Hermo é unha das que máis datos coñecemos, unha situación que contrasta con Neira, da que non estamos o 100% seguros que a súa sede central se localizase na parroquia de Santa María de Neira de Cabaleiros. No medio atoparíase a bailía de Canaval, da que coñecemos datos aínda que non moi numerosos.
SdP: E por que se asentaban en X lugar e non noutro?
ABC: Tense proposto que as razóns que motivaron as eleccións destes emprazamentos para situar as sedes centrais destas bailías están relacionadas coas súas localizacións estratéxicas nas vías de comunicación, e no caso galego tense vinculado sobre todo ao Camiño de Santiago. No noso caso, pensamos que estes argumentos son importantes, pero consideramos que o motivo máis relevante e o de máis peso estivo vinculado ao feito de que nestes lugares, xeralmente, a Orde posuía unha igrexa e un couto xurisdicional, o que lles outorgaba un destacado poder relixioso e señorial nesas zonas.
SdP: Na nosa comarca houbo unha bailía, San Pedro de Canaval. Na documentación histórica hai moitas mostras desta bailía?
ABC: A bailía de Canaval foi a entidade administrativa encargada de xestionar todas as propiedades da Orde militar na Terra de Lemos. Antes da súa fundación esta área era administrada pola veciña bailía de San Fiz do Hermo, a primeira entidade organizativa do Temple en terras lucenses. Desafortunadamente, a súa historia énos bastante descoñecida, debido a que nas fontes conservadas só se atopan un total de seis referencias documentais sobre Canaval. A pesar de ser poucas, grazas a elas sabemos que os templarios xa tiñan propiedades nesta zona a principios do século XIII, que a bailía xa existía en 1244, ano no que a institución xerosolimitana firmou unha concordia co bispo de Lugo, e que dende as décadas finais desta centuria as bailías de Canaval e de Neira eran xestionadas por un mesmo comendador. Unha situación que permanecería ata a disolución da Orde en 1312.
SdP: Que poder tivo?
ABC: Ante esta situación, contestar a pregunta sobre cal foi o poder de Canaval dentro da rede de bailías da Orde militar é complicado, aínda que a historiografía ten tratado o tema e a ten considerado como unha casa templaria de pouca importancia ou intermedia. Non obstante, eu quero destacar o feito de que en 1296 a doazón, as rendas e beneficios da bailía de Canaval unida á de Neira, e xunto coas casas de Faro e de Ceinos de Campos, foron confirmadas polo papa ao templario João Fernandes. Neste caso a importancia non radica na concesións destes beneficios, o feito destacable é que Canaval-Neira aparece citada xunto a dúas entidades de relevancia: a bailía de Faro, a cabeza do Temple galego, e a de Ceinos de Campos: a primeira unidade administrativa da Orde en terras leonesas. Ante isto, debe de valorarse a posibilidade de que Canaval asociada a Neira, tivese un marco patrimonial considerable.
SdP: E como estaba organizada?
ABC: No que respecta a organización dentro da bailía, esta sería igual ou moi similar a do resto das casas templarias. A cada entidade organizativa asignábaselle unha circunscrición territorial específica, e dentro dela había unha sede central, un punto dende o que se xestionaban os bens dese territorio. Neste caso, este núcleo administrativo atopábase na igrexa de San Pedro de Canaval e nas edificacións de carácter residencial e de traballo que os freires tiveran ao redor do templo. Proba da súa existencia, é que nun documento de 1391 se fala dos palacios e heredades de canaual.
ABC: Tense constancia dalgún resto mobiliario da orde na Terra de Lemos ou doutro tipo?
Desafortunadamente a resposta é non. Os únicos vestixios materiais que se conservan coetáneos á presenza da Orde neste territorio lucense son os exiguos restos románicos preservados nas igrexas de San Pedro de Canaval (Sober), Santa María de Vilaescura (Sober) e Santo Estevo de Espasantes (Pantón). Estes tres templos foron propiedade da institución militar, pero descoñecemos se foron reconstruídos ou se a súa fábrica, xa previamente existente, foi modificada polos freires.
SdP: Poñendo como exemplo esta bailía. Que supuña para unha parroquia estar baixo o mando da Orde do Temple?
ABC: Depende. Por unha banda, temos os casos nos que a Orde militar ademais de posuír a igrexa tamén tiña o couto xurisdicional, o que lles daba máis poder no lugar. Algúns destes templos, como o de San Pedro de Canaval, foron escollidos para establecer a sede central dunha das súas bailías. Nas ocasións nas que os freires só tiñan en propiedade a igrexa, a situación non cambiaba moito con respecto as demais, sendo quizais o feito máis destacado e que en moitos casos era o Temple o encargado de nomear capeláns para estes templos, relixiosos que non obrigatoriamente tiñan que ser membros da Orde. Todas as igrexas tiñan que pagar unha serie de décimos e privilexios, e na maioría destes casos estes acabarían repartidos entre a Orde, o bispo ou outros relixiosos importantes da diócese na que se encontraba o edificio parroquial. O certo é que a repartición destes beneficios fixo que houbera moitos conflitos entre o Temple e os prelados, o que derivou na firma de acordos para o seu reparto. Un exemplo desta situación atopámolo nunha concordia que o mestre provincial templario firmou co prelado lucense en 1244, na cal se establecían os dereitos episcopais das igrexas pertencentes a esta institución militar na referida sede e que eran xestionadas polas bailías de San Fiz do Hermo e Canaval.
SdP: Como foi a caída da Orde do Temple? Por que foi perdendo poder?
ABC: Temos que ter en conta que o contexto social de principios do século XII non era o mesmo que o do XIV. A idea da loita por Terra Santa e das Cruzadas perdera certo peso na vida política de Occidente. Ademais, a sociedade estaba empezando a condenar a preocupación templaria por xerar ingresos, pois pensaban que non correspondían as súas necesidades reais (que si as eran). Pese a isto, sen dúbida, o como e o porque da caída do Temple está relacionado coa complexa situación económica que estaba a pasar Francia durante o reinado de Felipe IV (1285-1314), en parte debido á política exterior levada a cabo por este monarca. Os templarios xestionaban as contas do reino galo e prestáranlle unha gran cantidade de diñeiro ao soberano. A gran solución de Felipe IV foi destruír a Orde e quedar con todo o que puidese, usando para elo a súa influencia sobre o papa Clemente V. O venres 13 de outubro de 1307, coa detención de todos os templarios de Francia daba inicio un proceso que levaría á disolución da Orde cinco anos máis tarde, o 22 de marzo de 1312.
É certo que durante este proceso en Francia os templarios foron engaiolados e brutalmente torturados, pero na Coroa de Castela e León, e polo tanto tamén en Galicia, a situación foi moi diferente. Non existe constancia documental de que Fernando IV (1295-1312) chegase a ordenar encerro dos freires, é mais parece que se movían con total liberdade. Realmente a gran preocupación do soberano castelán-leonés era o patrimonio da Orde, é unha das súas primeiras medidas foi apropiarse das fortificacións que tiñan dentro do seu territorio: entre elas a situada na bailía de Faro (O Temple, Cambre). No que respecta o procedemento máis relixioso, este estivo encabezado polos arcebispos de Toledo e Santiago de Compostela (Rodrigo de Padrón), e rematou coa celebración de dous concilios provinciais en 1310 celebrados en Alcalá de Henares e Salamanca, nos que os templarios foron declarados inocentes de todos os cargos que se lles imputaban.
SdP: En quen recaeron as súas propiedades?
ABC: Trala desaparición da Orde, e desobedecendo os diversos mandatos papais, a coroa continuou apropiándose do patrimonio templario e dispoñendo del a súa vontade, repartíndoo en doazóns e entregándoo sobre todo ás ordes militares hispánicas e á nobreza. Esta situación continuou durante o goberno dos seus sucesores. No que respecta aos bens galegos, sabemos que en 1319 un pequeno lote de propiedades foron entregados á Orde de San Xoán de Xerusalén, a quen o papado tiña designado como herdeira do Temple na Coroa de Castela e León. A pesar disto, sen dúbida, o primeiro gran tenente das antigas posesións templarias neste territorio foi o importante nobre Pedro Fernández de Castro O da guerra, conde de Lemos, Monforte e Sarria, as cales lle terían sido doadas por Alfonso XI sobre os anos 30 do século XIV. Tralo seu falecemento, foron herdadas polo seu fillo Fernán Ruiz de Castro, pero debido ás consecuencias socio-políticas da guerra dinástica entre Pedro I e Enrique II, este nobre perdeu todo o seu patrimonio, títulos e dereitos nobiliarios, morrendo no exilio.
De volta á coroa, as outrora propiedades templarias volveron ser repartidas entre a nobreza e outras institucións. Nesta ocasión, os bens situados en Lugo, Ourense e arredores, foron entregadas a Pedro Enríquez de Castela, o conde de Trastámara e Lemos. E o resto dos inmobles foron repartidos entre Pedro Ruiz Sarmiento, Paio Sorredea de Soutomaior, Fernán Perez de Andrade O Boo e as catedrais de Santiago de Compostela e Tui.
Agradecemos de todo corazón o traballo de Asunción e a súa disposición para esta entrevista. Mil grazas por todo!