top of page

Antonio Quintela

Desta volta con Antonio Quintela namorado dos coches e seica tamén de Pantón, pertence ao clube de Fórmula Student da Universidade de Vigo, onde está a cursalos seus estudos.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!

- Dende cando conduces?

Dende fai 3 anos, ao sacar o carné de conducir. Pero xa de antes, sempre que podía, botáballe man a karts, buggies, quads ou o que fora. Se tiña rodas e motor, servía para matar as ganas.

- Coche preferido?

Pregunta difícil, pero decantareime polo Porsche 911. Todo un clásico.

- Todoterreo ou deportivo?

Deportivo, sempre.

- Carlos Sainz ou Fernando Alonso?

Son fan de Carlos, pero non hai ningún piloto que me levante a paixón coma fai

Fernando.

- Cando comezou a túa afición polos monoplazas?

Pois precisamente, por enlazar coa pregunta anterior, ten moito que ver Fernando Alonso. Antes dos anos 2000, a F1 “viaxaba” entre televisións, dende Canal +, ata Telecinco ou Televisión Española. O habitual era que as carreiras se emitisen de madrugada, atrasadas e non todas. En 2003 iso cambiou. A F1 comezouse a emitir en aberto en TVE, coincidindo co debut de Alonso en Renault. Na miña familia había certa tradición polo automobilismo, destacando meu pai, que seguía o deporte dende fai décadas, así que os domingos de comidas familiares dese ano 2003 comezaron a ser domingos de Fórmula 1. Alonso acabaría o ano 6º, con 1 vitoria, 3 podios e 2 poles na súa segunda tempada en F1, sendo o máis novo da historia de aquelas en conseguir unha pole, subirse ao podio e gañar un Gran Premio. España fíxose eco de todo isto, e eu subinme ao carro. Sempre recordarei ese coche azul e amarelo cruzando a meta en Hungría, mentres meu pai me dicía “este fenómeno está facendo historia”. E dende entón, a miña afección empeceu a crecer máis e máis co paso do tempo, seguindo cada vez un maior número de competicións e aprendendo máis do mundo do automobilismo.

IMG-20210510-WA0002.jpg

- Plantéxaste tentar traballar no mundo automobilístico?

Por suposto, é o meu obxectivo. Gústame o mundo da informática, froito da miña inclinación pola tecnoloxía e a miña curiosidade. Pero por riba están os automóbiles. Busco que a carreira de enxeñería informática sexa un trampolín de cara a outros estudos mais especializados, para poder formarme no mundo do automobilismo de competición. É un camiño duro, nun sector moi específico. Vai estar marcado por paixón e moito traballo, e formar parte do equipo de Formula Student é unha das primeiras pezas do crebacabezas. Aspiro a poder formar parte dun equipo profesional como enxeñeiro. O tempo e o meu traballo dirán.

- Cóntanos un pouco sobre o equipo de Fórmula Student da Universidade de Vigo e o UM21? (Nesta pregunta era para saber algo sobre o coche autónomo, os proxectos nos que estades e as competicións)
UVigo Motorsport, fundado en 2014, é un equipo de Formula Student formado na súa totalidade por estudantes da Universidade de Vigo, a cal representamos nas diversas competicións que teñen lugar cada ano. A Formula Student é unha competición automobilística interuniversitaria e internacional, na cal rétase a que un equipo formado por estudantes de distintos campos da enxeñería traballen no desenvolvemento dun pequeno coche de carreiras estilo Fórmula. Cada equipo de estudantes deseña, constrúe e proba un prototipo cumprindo unha normativa técnica e administrativa, cuxo propósito é garantir a seguridade na pista (os monoprazas son pilotados polos propios estudantes) e promover a resolución de problemas. Como xa mencionei, os equipos deben estar formados integramente por estudantes da universidade a cal representan. Os membros do equipo poden recibir consellos e críticas de enxeñeiros profesionais ou profesores, pero todo o deseño do coche debe ser exclusivamente feito por eles mesmos. Os estudantes tamén son os únicos responsables da captación de fondos para financiar o equipo e de dotalo dos recursos necesarios para poder levar a cabo as súas actividades.
Nesta liña, a Universidade colabora co equipo, ofrecendo soporte loxístico para as súas operacións. Xunto a isto, o apoio en calidade de aporte financeiro e asistencia do profesorado que aportan as distintas Escolas. Tamén destacar a contribución de institucións publicas, como o Concello de Vigo e a Zona Franca, potenciando o proxecto, expandindo así as posibilidades dos estudantes para investigar, desenvolver e construír.


Destacar a inversión do sector privado no proxecto, onde mediante plans de patrocinio, empresas colaboran co equipo de diversas formas. Unhas dotan aos estudantes de materiais, ferramentas e liquidez necesarias para o desenvolvemento técnico dos monoprazas. Outras, ofrecen acceso a equipamento de carácter industrial co que se preparan compoñentes claves, ou brindan as súas instalacións especializadas e a cooperación dos seus profesionais para a posta a punto dos monoprazas. Nas competicións corremos fronte a equipos de todo o mundo, onde o noso proxecto é valorado en diversos ámbitos por un xurado formado por expertos do mundo do automobilismo, o sector do automóbil e provedores. Por un lado, encóntranse as probas estáticas, Nestas, presentase ante un xurado o deseño técnico completo do monopraza e as decisións detrás dese deseño, un plan de negocio realizado polos alumnos sobre o proxecto e a súa viabilidade, e finalmente a planificación e costes asociados a construción do monopraza, coa súa debida xustificación. Por outro lado, as probas dinámicas, onde os monoprazas saen a pista, onde se avalía o rendemento e fiabilidade en diversas configuracións de trazado. Para disputar esta batería de probas, o prototipo pasa por unha inspección técnica ao comezo da competición, no cal debe cumprir os requisitos de freada, estabilidade e niveis de ruído. Volvendo ao noso equipo, os seus 41 integrantes están organizados en departamentos, sendo cada un responsable dunha área dentro do equipo, sexa técnica ou administrativa. Atópanse á súa vez baixo unha xefatura de equipo e unha dirección técnica, as cales xunto ao resto de membros conforman ditos departamentos, os cales son: Organización e Marketing, Propulsión e Transmisión, Dinámica, Chasis e Seguridade, Aerodinámica, Electrónica e o máis recente, Autónomo.
Actualmente, encontrámonos en metade do desenvolvemento do monopraza desta tempada, o UM21, concretamente na fase de fabricación. O noso obxectivo é mellorar a fiabilidade, e o rendemento en todos os aspectos posibles con respecto ao seu predecesor, o UM19, monopraza da tempada 2018/2019 co que seguimos a realizar diversos tests, nos cales se proban novas pezas e configuracións. Mediante os seus respectivos exames de acceso, obtivemos o noso posto na Formula Student Germany, que ten lugar no circuíto de Hockenheim, e a Formula Student Spain, en Montmelo, as cales disputaremos co UM21 este verao. Con respecto ao monopraza autónomo, atópase actualmente en desenvolvemento. Esta é a segunda tempada dende a fundación do departamento. O noso obxectivo é deseñar un prototipo con todos os sistemas necesarios para que o monopraza poida disputar as probas dinámicas das competicións sen necesidade da actuación de ningún piloto. Para acadar isto, precísase traballar con tecnoloxía moi sofisticada, aínda experimental no sector da automoción, e con altos costes económicos. En liñas xerais, a nosa labor consiste en substituír en todos os aspectos a un piloto humano, os cales clasificamos en 5 bloques. Sensórica, onde se investiga, configura e instalan cámaras e outros sensores, xunto aos xa emprazados no monopraza actual, para dotar ao monopraza da capacidade de recibir una gran cantidade de
información sobre o seu estado e funcionamento, á vez que do seu entorno. Procesamento, onde se analizan os datos recibidos por parte da sensórica, os cales se converten en información tratada que permite determinar a súa posición, mapear a pista xunto posibles obstáculos, determinar trazadas a seguir estimando velocidades e dirección do monopraza. Control, o cal leva a toma de decisións en base a información obtida por Procesamento, dando como resultado comandos que controlan os actuadores, ou outras accións en función do estado do coche. Actuación, na cal se leva a cabo investigación, preparación e montaxe de diversos servomotores e actuadores lineais que actúen sobre a dirección e pedalera do vehículo tal e como indique Control. Telemetría é responsable das comunicacións, o cal implica o deseño e implementación dun sistema de transmisión e recepción de información. Non só entre o monopraza e terminais externos, senón entre os propios sistemas do vehículo. Todos estes sistemas deben dispoñer dunha estrutura hadware e software que permita procesar, gardar e transmitir toda esta información de forma fiable, potente e
segura en todo momento e tempo real co monopraza operativo. 
O departamento Autónomo, xunto co resto do equipo, traballa moi duro para poder disputar a copa Driverless das competicións no verao de 2022, co que será o primeiro monopraza do equipo con capacidade autónoma.

DSC_0087.JPG

- Como estudante de enxeñaría informática que aportas ao equipo?

 

 

Principalmente, o meu traballo céntrase no desenvolvemento do prototipo autónomo para as competicións Driverless. Esta tempada estou encargado do desenvolver o sistema de telemetría no prototipo, que basicamente consiste en acadar unha comunicación de carácter remoto co coche, para poder monitorizar o seu estado e funcionamento en tempo real. Indispensable de cara a recibir información do coche, para detectar problemas rapidamente e saber onde traballar para acadar maior rendemento de forma precisa. Ademais, a normativa da competición esixe por cuestións de seguridade, unha comunicación establecida co monopraza para poder detelo de forma remota en caso dunha emerxencia. Durante os últimos meses, estiven investigando e deseñando potenciais sistemas de telemetría, baseándome en diversas tecnoloxías das telecomunicacións, coma Wi-Fi, radio ou WAVE, esta última enfocada ao mundo do vehículo autónomo e aínda moi experimental. Debo ter en conta factores coma o medio, dispositivos emisores de sinal, protocolos de comunicación, software que procese o envío, recepción e presentación da información, entre outros. E isto todo, integralo co resto de sistemas do monopraza, a estrutura do chasis, á vez que facelo o máis eficiente e económico posible.
O ano pasado, ao ser o primeiro ano do departamento, foi máis un ano de investigación, familiarizándonos coa tecnoloxía, ferramentas e requisitos que nos impón a normativa da competición autónoma en tódalas súas áreas. Non somos un departamento moi grande, polo que o traballo é en certa parte transversal. É dicir, aínda que cada un está centrado nalgunha sección do desenvolvemento, é habitual moverse dentro deste para botarnos unha man e colaborar no traballo dalgún compañeiro. Por poñer un par de exemplos, fai tempo estiven tratando máis de cerca coa futura actuación do monopraza, investigando modelos e funcionamento dos servos e motores que substitúen ao piloto na utilización dos controles do coche; ou cos meus compañeiros encargados de Hodometría, os cales traballan para estimar mediante ferramentas software a distancia relativa que hai da posición na que se encontra o coche nun intre determinado, aos elementos detectados en imaxe pola cámara, o que supón un mapeado máis preciso da pista.
A súa vez, mantemos un estreito contacto co resto de departamentos cos cales
traballamos, non só con respecto ao desenvolvemento do prototipo autónomo, senón en outras cuestións onde a nosa experiencia coa informática e as telecomunicacións poden resultar de axuda. Sen ir máis lonxe, recentemente estiven xunto ao noso departamento de Propulsión para axustar o funcionamento de certos sensores Lambda a través do software de xestión da ECU do UM19.
Igualmente, os nosos compañeiros sempre nos asisten onde é necesario. No último test levado a cabo polo equipo, membros de electrónica axudaron na conexión e montaxe de varias pezas, para probar unha primeira versión dun sistema de telemetría, co que se obtivo en tempo real e a distancia información da ECU do UM19 rodando. Ao mesmo tempo, o equipo puido mapear o motor e configurar distintos parámetros do monopraza. Isto é un equipo, e todos tiramos de todos.

IMG-20200218-WA0010_1.jpg

- Como entraches no equipo de UVigo Motorsport?


Todos os anos, ao rematar unha tempada, planease a ampliación de cara a seguinte, para buscar potenciais novos membros. En Setembro de 2019, membros do equipo acudiron ao Campus de Ourense, anunciando o período de ampliación desa tempada, destacando que buscaban enxeñeiros informáticos para un novo departamento que estaban a fundar, o Autónomo. Apunteime sen dudar, con interese en varios dos departamentos (senón recordo mal, Organización & Marketing, Electrónica, e Autónomo). Pasei por unha entrevista na primeira fase do proceso, e na segunda asistín a varios cursos organizados polo equipo, onde nos familiarizamos con varios programas que se utilizan no  desenvolvemento dos prototipos do equipo. Unha vez superada esta fase, comecei o meu tempo de proba no equipo, como un dos primeiros integrantes do recentemente inaugurado departamento Autónomo. Unhas semanas despois, xa era membro establecido na estrutura do e

quipo.

 

 

- E para rematar como amante dos coches, que ruta por Pantón recomendarías para facer?

Cal non! Todas elas levan a lugares cheos de historia e ás paisaxes máis fermosas do mundo, que son as nosas viñas. E sobre todo para os que crecemos aló, todas teñan algunha que outra historia para nós, e coñecémolas coma a palma das nosas mans. Os tramos por Pantón, Deade, Espasantes, Mañente, Acedre, Següín… Pero se hai que destacar unha, o tramo da N-120ª, que percorre todo o concello, pasando polo Castro de Ferreira, encontrándose entre Monforte e Os Peares. É a vella C-546 que unía Ourense e Nadela. Nunca me cansarei dela.


 

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/en-profundidade/31295-o-enxeneiro-informatico-pantones-que-sona-con-alcanzar-o-automobilismo-de-competicion/

bottom of page