top of page

Asociación de veciños San Romao de Moreda.

Hoxe no noso espazo falamos con Elenas dos Santos, presidenta da asociación de veciños de San Romao de Moreda, pàra ver como naceu este colectivo, cales son as súas inquedanzas e como valoran a súa vida ata agora e o que conseguiron ata ao día de hoxe.

Moitas grazas por participar neste espazo con nós!

 

WhatsApp Image 2021-09-13 at 12.24.36.jpeg

Unha imaxe da actividade do programa "Musiqueando" organizado pola asociación.

Para comezar, Elena, como é iso de ser a presidenta da asociación de veciños? Que tal o levas, acostúmaste?

Pois o de ser presidenta foi algo circunstancial, por como xurdiu a asociación. Creo que é un papel que tes que desempeñar con moita responsabilidade. O meu obxectivo principal é acadar a unión de tódolos veciños e veciñas. Pero teño que recoñecer a labor de todos os que formamos parte da asociación, sobre todo das miñas veciñas, que son as que colaboran para que tódalas actividades saian adiante.

WhatsApp Image 2021-09-13 at 12.28.30.jpeg

Unha imaxes da tradición de Comadres que recuperaron en Moreda.

Por que decidístedes fundar en Moreda unha asociación de veciños? Cal era a vosa intención?

A idea da asociación xurdiu de forma espontánea e creo que foi algo moi bonito. Eu sempre me defino como unha herdeira de historias, porque dende moi pequena levo escoitando miles de historias dos meus veciños e veciñas, de cousas que pasaron na parroquia, de veciños e veciñas que xa non están, de como era a vida antes… Por outra parte, tamén me gusta moito a fotografía antiga e sentía a necesidade de poñerlle cara a todos eses protagonistas das historias que levaba escoitando tantos anos. Entón, ocorréuseme facer una recollida de fotos antigas e creei un grupo de Whatsapp. E a resposta dos veciños e veciñas foi moi positiva, achegaron un montón de fotografías. E a partir de aí fixemos unha primeira reunión, que naquel momento era co obxectivo de levar a cabo unha exposición de fotos, pero da que xurdiu a idea da asociación. E foi así como a puxemos en marcha a finais do 2019.

Tentades alonxarvos da idea de que a asociación só existe para as festas da parroquia e un par de eventos máis no ano e realmente organizar cousas ao longo do ano?

Si, esa é a idea. Dinamizar un pouco a parroquia, ter máis contacto entre os veciños. Intentar recuperar o patrimonio natural e cultural da parroquia, algunhas tradicións… De momento a festa da parroquia ainda non a chegamos a recuperar, jajajaja. Pero todo se andará. Creo que con ilusión se poden chegar a facer moitas cousas.

Ao serdes vós a voz directa do pobo, que temas vedes que preocupan máis sobre a parroquia aos habitantes?

Pois creo que os temas que máis preocupan aos veciños e veciñas son os servizos básicos. Ter estradas en boas condicións, ter os camiños limpos, que todos os servizos como auga, saneamento, acceso a internet cheguen a tódalas parroquias.

WhatsApp Image 2021-09-13 at 12.28.30(4).jpeg

Unha fotografía dunha cea organizada pola asociación de veciños.

Ata o día de hoxe tedes organizado de novo as comadres e compadres e organizastes xunto a nós unha ruta. Como vedes e como o ven os veciños toda a vosa actividade?

Dende que naceu a asociación fixemos unha cea-xuntanza, recuperamos a tradición dos compadres e comadres que levaba máis de cincuenta anos sen celebrarse na parroquia (ainda que no 2020 non a puidemos levar a cabo pola pandemia), organizamos xunto con Segredos de Pantón unha ruta por toda a parroquia e este ano participamos tamén no programa Musiqueando da Deputación de Lugo e organizamos un concerto de música tradicional. Creo que aos veciños e veciñas lles gusta que se fagan actividades na parroquia. É unha maneira de xuntarse, de pasar un rato divertido e a verdade é que sempre agradecen que se leven a cabo actividades.

 

Tedes en mente algúns proxectos novos para a vosa freguesía? E podemos coñecelos ?

Pois temos pensado facer outra ruta de sendeirismo agora no outono, polo monte da Escrita. E ainda temos pendente organizar a exposición de fotos antigas, que por tema de espazo para ubicala ainda non fomos capaces de levala a cabo.

Para rematar, Elena, cóntanos o que fai diferente e único a San Romao de Moreda.

Pois eu non son obxectiva, porque para min é a parroquia máis bonita do mundo, jajaja, pero creo que o que a fai diferente é o seu patrimonio natural. Por un lado, o val do río Carabelos, que é un espazo case virxe. O leito do río está cheo de cachóns e pozas e unha vexetación moi variada que fai que te sintas como se estiveras fóra da civilización. Por outro lado, temos un montón de camiños tradicionais, ou de carro, como lle chamaban antes, polos que dar longas camiñatas. E por último, temos unha vistas impresionantes do val de Lemos, Castro Caldelas, a serra do Courel…

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/movementos-sociais/34823-asociacion-de-vecinos-de-moreda-en-panton-un-colectivo-que-naceu-a-partir-dunha-recollida-de-fotos-antigas/

bottom of page