top of page

Casa Louro

Limitando coas parroquias de Deade, ao norte, e con San Fiz de Cangas, ao oeste, atópase o lugar de San Xulián de Serode. Alí, entre as diferentes vivendas, salienta unha moi especial, A Casa do Louro. Unha cantina con moita historia, que a día de hoxe sobrevive no esquecido rural. Lar de anécdotas, de noites de esmorga, onde se verbalizan os anhelos, os problemas, os temas sociais e políticos, lugar onde se vive e sinte.


Onde hoxe nos recibe Lina e o seu fillo, José Dimas, noutro tempo, facíao Celia, nai e avoa. Unha muller doce, acompañada sempre dun sorriso, que impregnaba de tenrura e bondade a cantina. 

-SdP: Bo día, en primeiro lugar, queremos darvos as grazas por abrirnos as portas da vosa cantina e brindarnos a oportunidade de concedernos esta pequena entrevista. Para dar comezo, cando foi que xurdiu a cantina Casa do Louro?


- CL: Pois a inauguración da cantina sucedeu no 1945, tras a voda de meus pais Daniel e Celia. Pero a cantina a pesar de emprazarse en Serode, estaba ubicada noutra zona. Era propiedade de Elisa López que tiña un estanco e traspasoulle o negocio aos meus pais para irse a Monforte a montar un restaurante. No comezo dispoñían de moi pouco material pero foron traballando coa axuda tamén da miña avoa, a nai de Celia. No ano 1952, foi cando se trasladaron, eu xa nacida, ao actual lugar.

 

- SdP: Seus pais eran de Serode?
- CL: Non, meu pai, Daniel, era de Ferreiroá. Naceu en xaneiro de 1920. O seu pai, que era natural de Marce, foi asasinado nunha festa, xa que ao intentar separar aos participantes dunha liorta, recibiu unha ferida mortal de arma branca. Posteriormente, o irmán de seu pai casou coa súa nai, sumando dous fillos máis, aos catro que eran. Miña nai, Celia, naceu en Sernande na parroquia de San Fiz, en 1922, tendo unha única irmá.

Antiga eles.JPG

Fotografía onde podemos ver a Lina en brazo, José Dimas (fillo) e  Dimas (pai).

- SdP: Dedicábanse plenamente a cantina ou tiñan outros traballos?

- CL: Miña nai, adicábase principalmente á tenda e ás tarefas do fogar. Meu pai, pola contra era tamén carteiro. Recollía a paquetería en Santo Estevo para logo repartir por diferentes parroquias, concretamente por Deade, San Xulián, San Fiz, Cangas, San Román de Acedre, Frontón, A Torre, A Barca, Santo Estevo e o embalse de Santo Estevo. Ademáis, tamén repartía mercancías a parte do correo.


- SdP: Cal eran os principais produtos que se comercializaban na tenda?

- CL: Pois produtos de primeira necesidade, tabaco, material para agricultura e gandeiría. O leite, por exemplo, comprábaselle aos gandeiros da zona, ata os anos 90, e logo recollíano empresas como COFILESA, LARSA e CELEGA. 
Ademáis, vendíanse pensos Norgasa e pensos Sil.

 

-SdP: Nunca se ofertou o servicio de comida?
- CL: Nalgunha época, miña nai facía comidas que lle encargaban algunhas veciñas e veciños. Pero nunca transcendeu a máis.

Cantina.JPG

Imaxe do establecemento, fóra podemos ver que teñen unha terraza que nos días de bo tempo é un lugar idóneo para xuntanzas improvisadas.

-SdP: A que fai referencia a “Escuela do truco”?
- CL: Pois ben, fai referencia ao xogo do truco, un xogo de cartas de orixe arxentino, que se xogaba principalmente os domingos, organizando, en numerosas ocasións concursos.

- CL: Cando foi Lina que tomou relevo dos seus pais, para porte ao fronte da Cantina?
Xunto ao meu home, puxémonos ao fronte da cantina no ano 1985, no mes de febreiro. Foron moitos os bos momentos vividos.

- SdP: E vostede José Dimas, cando foi que colleu os mandos do negocio familiar?
- CL: Pois principios do 2019, coa axuda tamén da miña muller e contando coas directrices de miña nai.


- Sdp: Que idea tendes para o futuro da cantina?
- CL: Pois tiñamos pensado celebrar nun futuro próximo os 85 anos da cantina. A idea era facelo para os 80, pero por causa da pandemia non o fixemos. A cantina Casa Louro segue a vender alimentos de primeira necesidade e a parte de bebidas e aperitivo, ten unha función social para as veciñas e veciños da contorna e mesmos os estranxeiros e estranxeiras que nos visitan.

 

Moitas grazas de novo Lina e José Dimas, ogallá poidamos desfrutar deste marabilloso lugar moitos anos máis.

Dende aquí animamos a que vos visiten!

Antiga.JPG

Imaxe antiga de Celia e Daniel, os primeiros propietarios deste establecemento.

bottom of page