Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Tuta Fruta
Hoxe conversamos con Emmely Föhring, unha muller alemá que veu vivir a Tanquián dende xa fai moitos anos. Agora ten unha empresa de conservas naturais e unha explotación agrícola rexenerativa.
Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!
Segredos de Pantón: Para comezala entrevista queríamos saber como decidiron vir dende Alemaña a Pantón e que lles fixo decidirse polo noso municipio e non outro?
Tuta Fruta: Chegamos a Galicia, vindo dende Andalucía despois de vivirmos en España durante varios anos. Buscabamos terras fértiles, onde sería fácil vivir da terra e crear un lugar autosuficiente para a miña familia e amigos. Escollimos Galicia pola abundancia de auga, ausencia de plantas nucleares e outras industrias contaminantes. Ao final asentámonos en Pantón pola recomendación e axuda duns amigos que viven en Espasantes.
SdP: Cando e por que decidiron dalo paso cara á produción de marmeladas e zumes?
TF: Despois de dedicar 10 anos a levantar o sitio e as leiras, chegabamos a producir máis froita da que necesitabamos para o autoconsumo durante un ano. Decidimos converter isto en conservas e así evitar os problemas que causa a venda en fresco e aumentando o valor da froita.
Unha imaxe traballando as fincas.
SdP: De onde ven o nome de "Tuta Fruta"?
TF: Xa era un costume deixar escoller os nomes para os nosos animais e sitios da leira aos cativos. Foron eles quen inventaron "Tuta Fruta"; pensando en "Todo Froita".
SdP: Cales son as diferentes mermeladas e zumes que elaboran en "Tuta Fruta"; e cal pensa que sería o seu maior éxito comercial?
TF: As nosas marmeladas e zumes son elaborados exclusivamente da nosa propia colleita. Como vimos da autosuficiencia iso significa pequenas cantidades de gran diversidade. Neste momento ofrecemos 14 sabores distintos en marmeladas: Framboesa, Pexego; Figo; Claudieira; Claudieira e Noz; Pera e Sabugueiro; Pexego e Casca de Limón; Froitos do Bosque; Grosella negra; Grosella vermella e Grosella negra; Xelea de grosella vermella; Framboesa e Ruibarbo; Amorodo e Ruibarbo. Zumes de prensa directa: Mazá, Uva negra e Uva branca. Siropes, concentrado líquido para diluír con auga: Grosella vermella, Grosella negra e Frambuesa. É imposible dicir cal é o mellor produto, porque cada persoa ten outras preferencias de sabor.
Unha imaxe dos produtos de Tuta Fruta.
SdP: Tras todos estes anos elaborando conservas ecolóxicas, como vai a súa traxectoria e como ven o seu futuro, con algún proxecto?
TF: Estamos constantemente inventando novas combinacións de sabores, dependendo das colleitas que varían segundo o ano. Tamén gustaríanos ofrecer talleres para persoas que queiran aprender sobre a arte de conservar froita e elaborar medicamentos procedente de herbas e raíces. Encantaríame poder atopar torradas ou sobremesas cos nosos productos en calquera restaurante do Castro de Ferreira, que se atrevan apostar máis polos produtos locais.
SdP: Para rematar a entrevista de modo máis persoal, cal é a súa marmelada favorita e cal sería o seu lugar favorito de Pantón para desfrutar desa torrada?
TF: A miña marmelada favorita é a de froitas do bosque, que está elaborada combinando amorodos e framboesas máis grosella vermella e negra. O meu sitio preferido para tomar algo cos amigos é no Castro da Feira pola súa terraza tan bonita e no Mesón da praza do concello, polas súas tapas tan boas.
Unha imaxe na elaboración dos seus produtos.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: