Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Beatriz Blanco
Desta vez conversamos con Beatriz Blanco, violoncellista e profesora de música clásica recoñecida en toda Europa. Nesta entrevista falaremos deste novo festival que naceu nas nosas ribeiras.
Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!
Segredos de Pantón: Para comezar coa entrevista queríamos saber como naceu este festival e á par academia?
Beatriz Blanco: Levaba moitos anos coa idea na cabeza de crear un Festival de Música de Cámara, traer artistas de primeiro nivel e facer música xuntos. Ofrecer concertos abertos ao público para así facilitar o acceso á cultura para todos.
SdP: Que foi o que os motivou a querer crear un evento así nesta zona?
BB: Os meus avós paternos son da zona, en concreto de Parada de Sil e do Saviñao, aínda que de mozos tiveron que emigrar a Barcelona. O meu pai, pasou moitos dos seus veráns na aldea da miña bisavoa, Galegos de Diomondi e desde hai bastantes anos dicía que quería volver establecerse por aquí.
Cando tiven a oportunidade de vir visitar a casa e a rexión, souben que sen dúbida era o sitio ideal para facer un evento destas características. Para nós, é un lugar único de beleza e inspiración, e se con esta idea podemos contribuír un pouco á vida cultural e á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, estaremos máis que contentos.
SdP: Como é posible levar a cabo un proxecto así na nosa zona?
BB: Traballamos de forma moi intensiva desde que decidimos levalo a cabo, máis nada que a principios de 2019. Nun momento parecíanos difícil conseguir organizar algo así en tan pouco tempo, pero sorprendeunos moitísimo a disposición e axuda das entidades e empresas que desde o principio quixeron axudarnos e colaborar nun proxecto tan novo e mozo como este. Tamén a reacción e boa acollida dos veciños aos que lles contamos a idea. Só esperamos ser capaces de ter uns bos resultados coa difusión, para que o maior número de xente posible asista aos concertos.
Logo do festival de música clásica.
SdP: Sabemos que a súa base de actuación está nos Peares, que lles fixo escoller este lugar e como é para vostede levar un proxecto así a un lugar tan icónico e histórico das nosas ribeiras?
BB: Por unha casualidade: a casa da miña familia está aquí e descubrimos o Centro de Inmersión Lingüística de Peares, onde hai capacidade dabondo para poder aloxar aos músicos e aos alumnos que estarán connosco durante toda a semana. Que exista en Peares un centro destas características é un luxo para calquera organización.
SdP: Falando máis do evento en si, as artistas traídas ata aquí para os diferentes concertos dentro de que xénero musical as podemos encadrar?
BB: Somos músicos de clásica e gustaríanos facela accesible a todo tipo de público. Haberá unha persoa encargada de comentar brevemente as obras que se van a interpretar para que a xente sexa capaz de escoitar máis activamente. É como ir a un museo con guía.
O repertorio que imos interpretar é moi fácil de escoitar e ademais é clave na literatura da música de cámara para corda.
SdP: Á par que o festival sabemos que terán unha academia para novas músicas, que elementos son atractivos para as participantes?
BB: Diría que o nivel de calidade do profesorado. Traemos á Ribeira Sacra a artistas de recoñecido prestixio que serven de incentivo aos mozos para querer aprender deles e compartir eses días de música xuntos. O cadro de persoal de músicos é de nivel nacional e internacional. En violín temos a Anna Göckel de París e a Helena Satué de Barcelona, profesora na ESMUC, en viola a Predrag Katanic, de serbia e profesor na Privatuniversität Linz, Austria, en violoncelo a Fernando Arias, de Madrid e profesor no CSMA de Aragón e na Escola Reina Sofía de Madrid e eu, Beatriz Blanco, de Valladolid, son profesora no Vorarlberger Landesonservatorium de Feldkirch, Austria.
Tamén nos acompañará Miguel Ángel Ortega Chavaldas, profesor de piano no CSMA de Aragón e repertorista na Escola Raiña Sofía de Madrid, quen tocará no concerto de mozos intérpretes.
Unha imaxe dos integrantes do campamento de música clásica.
SdP: Para rematar coa entrevista, a título persoal do concello de Pantón ten algún lugar onde lle gustaría ofrecer un concerto?
BB: Tiñamos programado xa para este ano o concerto de clausura no Mosteiro de Ferreira de Pantón. Por causas externas, tivemos que mover ese evento á Igrexa de Santiago de Carracedo, pero esperamos poder levalo a cabo para a próxima edición.
A igrexa do mosteiro é unha marabilla e acusticamente podería funcionar moi ben para certo tipo de repertorio.
Dende aquí volver agradecer a participación de Beatriz Blanco na nosa sección mensual. Desexarlle sorte na súa traxectoria e ao seu festival de música clásica nas ribeiras!!!!
Unha das actuacións durante o festival.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: