top of page

Rosal Moda

Hoxe conversamos con Socorro López, propietaria de "Rosal Moda", tenda do Castro de Ferreira. A única que queda deste tipo en Pantón. Así na entrevista falaremos da súa historia, do presente, de como ven a compra por Internet.

Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!

Segredos de Pantón: Cando abriu Rosal Moda?
Rosal Moda: Abriu no ano 1967.

SdP: Como foi que os seus pais decidiron abrir unha tenda?
RM: Porque os meus pais estaban no estranxeiro e víronse obrigados a volver á casa por motivos familiares.

SdP: Dende cando se fixo cargo vostede da tenda?
RM: Fíxenme cargo da tenda no ano 2001.

SdP: Lembra algunha anécdota graciosa?
RM: Miles. Desde chamarte ás 2 da madrugada para comprar uns cordóns de zapatos, a ver a persoas coa roupa posta e despois duns días traíancha a cambiar.

SdP: Ten unha clientela fiel ao paso dos anos?
RM: Si, temos moita clientela fiel, que xa sabemos as súas medidas e gustos, de feito temos anotadas as tallas e medidas de moitos clientes.

SdP: Como intenta combater a competencia das grandes tendas e da venta por internet?
RM: Iso témolo moi fácil; o servizo que prestamos é totalmente distinto ao das grandes superficies e ao das páxinas web, o servizo que damos é moi personalizado.
O trato e atención tan personalizadas que damos non o atopan en ningunha superficie nin tendas en liña. Temos clientes que nós deixan a deber durante un ano, axudamos a centos de persoas, por non dicir miles ante os seus problemas económicos, dándolle facilidades de pago.

Rosal_Moda_3.jpeg

Interior da tenda.

SdP: Como é iso de ser a última tenda de roupa no Castro de Ferreira?
RM: É a última e máis completa da comarca, é a tenda que máis servizo dá, temos unha gran oferta de produtos. Somos mercería, paquetería, zapatería e confección tanto para señora, cabaleiro e nenos, ofrecemos unha gran variedade de produto, calidade e prezo.

SdP: Na actualidade como vai o negocio?
RM: Pois ben. É verdade que mantemos a tradición e actualizámonos, contamos
coas necesidades dos nosos clientes.

SdP: Como ve o futuro para a súa tenda?
RM: Aínda que o futuro é incerto, cando non o foi? Seguimos a traballar coa mesma ilusión de sempre. E sempre daremos un servizo profesional e personalizado a todos os clientes do municipio e da comarca e a tódolos clientes que nos visiten.

SdP: Tras vostede como se plantexa a continuidade de Rosal Moda?

RM: As próximas xeracións innovarán como fixemos sempre segundo as necesidades do mercado e a conxuntura do momento.

Rosal_Moda_8.jpeg

Parte da roupa que podemos atopar en Rosal Moda.

SdP: Na época do Nadal, ten clientela que ven mercar os seus agasallos a súa tenda?
RM: Si, a verdade que moita clientela. Sobre todo para Reis; neste momento que a economía non está moi ben os clientes apostan por agasallar cousas útiles, e a roupa e o calzado sono.


SdP: Para rematar, se tivera que convencer alguén de que merque en tendas de aldea
que lle diría?
RM: Non fai falta convencer a ninguén. Toda a nosa clientela sabe que por comodidade, calidade, prezo e servizo profesional, temos un valor engadido que ninguén pode igualar, ten unha explicación. Todo che sae máis económico porque mercas no momento que o necesitas, non te deixas levar por mercar porque cho rebaixen; pola compra impulsiva acabas a mercar de todo menos o que precisas. A parte no comercio local non gastas o diñeiro no transporte, en comer, en tomar algo, en comprarlle un capricho aos nenos e tempo, que tamén é un custo. No comercio local tomas o teu tempo para pensar o que realmente necesitas e se non che interesa devólvelo ou cámbialo, pero non che supón un gasto volver devolvelo ou cambialo.

As persoas non se dan conta que se están descapitalizando ao mercar produtos que logo non empregan, logo non teñen cartos para adquirir o que realmente precisan. Este é o xogo do mercado, facer que a xente consuma, pero está en mans das propias persoas consumir adecuadamente, non tirar co diñeiro e despois non telo, os cartos teñen que empregarse pero adecuadamente. A nosa tenda non ten competencia con respecto ás tendas online , porque o noso produto non é fácil de atopar ao ser unha confección moi personalizada, de moi boa calidade , tallas moi adaptadas a cada cliente e cun prezo económico.
Animo a todos a visitar o pequeno comercio, seguro que se sorprenderán.

46491671_2306253899445651_47961177982228

Escaparate de Rosal Moda.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/sociedade/6831-rosal-moda-en-ferreira-de-panton-non-lle-temos-medo-a-internet/

bottom of page