top of page

Estudio Gnomo

Conversamos cos nosos veciños, Iria Iglesias e Dani Viéitez, sobre o "Estudio Gnomo", situado en Castillón. Falaremos desta volta sobre os seus traballos e a creación da devandita empresa.

Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!

Segredos de Pantón: Para comezar coa entrevista, como naceu a idea de crear un estudio de ilustración?

Dani + Iria: Levabamos tempo traballando dende a casa en deseño gráfico para empresas e concellos, trala publicación dos primeiros libros da colección de Rufo xurde a necesidade de establecer ese traballo coma algo máis "oficial" que ao mesmo tempo nos axude a identificar o noso traballo. Foi aí cando decidimos poñer as bases para o comezo de estudio Gnomo como tal, con dúas ramas de traballo diferenciadas, aínda que moitas veces vencelladas, coma son o deseño gráfico e a ilustración.

SdP: Vostedes estánafincadas no rural, que os levou a quedar en Pantón e deixar atrás a cidade de Vigo?

Dani: Chegou un día no que nos decatamos que non queriamos vivir a nosa vida como o estabamos facendo. Un traballo estable, un piso, os nosos coches... pero unha vida de présas, de estrés, de falta de tempo para facer cousas.

Queriamos algo máis, outra cousa, e decidimos romper coa cidade, deixar os nosos traballos e probar a vivir outra vida, unha nova aventura.

Pola miña banda, meus pais son pantoneses emigrados. A miña familia por ámbalas dúas ramas ten raíces nesta terra e eu levo desfrutando dela desde cativo. Cando xurdiu a idea non tiven dúbidas.

Iria: No meu caso é diferente, non teño lazos familiares, pero coñecía a zona polas festas de Monforte. Cando comencei con Dani xa viña máis a miúdo e gustoume o ritmo de vida de aquí.

60194495_2672263269511377_50400654895947

Unha imaxe de Iria e Dani, membros de Estudio Gnomo.

SdP: A cada un de vostedes, cal é a súa relación coa ilustración e o deseño?

Dani: A miña paixón pola ilustración ven dende a infancia. Cando era cativo pasaba o día inventando historias e creando personaxes. Despois, no canto de xogar con bonecos, debuxaba as aventuras deses personaxes en papel continuo de impresora matricial que traía meu pai cando o desbotaban no traballo.

Co deseño gráfico topei máis tarde, na carreira especialiceime en Marketing, ligado intrinsecamente co deseño gráfico. Tempo despois coñecín a Iria e aí o contacto xa foi total.

Iria: Eu sabía que o de debuxar era o meu, ata estudaba con debuxos! (máis adiante descubrín que o que facía eran pictogramas). Así que desfrutei moitísimo estudando deseño gráfico, e formándome para transformar ideas en imaxes. Posteriormente traballei como deseñadora en publicidade, comunicación e moda.

 

SdP: Son as creadoras dunha saga con éxito como é "O raposo Rufo", pero tras todo isto que lles fixo decantarse pola literatura infantil?

Dani: Particularmente o mundo editorial foi algo que sempre me gustou. Coma xa vos dixen o de contar historias lévoo facendo dende cativo. Dentro do mundo editorial, a literatura infantil paréceme a máis máxica e fermosa, pois permite reunir dun xeito natural a ilustración coa historia para facerlla chegar aos nenos.

SdP: Para rematar con algo máis persoal, que paisaxe ou monumento de Pantón preferirían ilustrar?

Dani: O certo é que temos un concello moi ilustrable, moito monumento, a ribeira do Miño... Pero eu coido que me quedaría cunha paisaxe que vivín dende pequeno e que me inspira, coma os camiños da devesa que soben dende A Veiga ou Ral cara Cardomato.

Iria: Eu quédome coa Igrexa de O Mosteiro, polas súas peculiaridades arquitectónicas, e co seu ceo pola noite, limpo de polución e cheo de estrelas!

SdP: No mes de febreiro publicaron un novo libro, Pelo de nube. Como foi a aceptación desta nova obra?

Iria: Tivo moi boa acollida, e un libro que fala de inclusión, de aceptación e de respecto, e chegaron a nós mensaxes preciosas tanto dos pequenos lectores coma dos seus pais.

 

SdP: Falando en futuro como ven o porvir da literatura infantil, os libros electrónicos poden supor unha dura competencia?

Iria + Dani: Non concibimos o libro electrónico coma competencia xa que o noso traballo pode adaptarse tamén a ise formato. Aínda que no caso da literatura infantil, penso que o libro físico vai seguir sendo moi empregado xa que para os nenos segue a demandarse este formato. Os cativos precisan tocar, pasar as páxinas, e hoxe en día hai libros que ofrecen cousas que o electrónico non pode, coma texturas ou pop-ups.

Coido que a nosa máxima competencia pode ser a falta de lectores, motivado pola falta dun hábito de lectura ou a plena dedicación que lle damos as novas tecnoloxías.

60701987_2672292406175130_84221935705128

Un dos seus últimos libros publicados.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/opinion/11374-iria-iglesias-e-dani-vieitez-do-estres-de-vigo-a-tranquilidade-de-panton-para-escribir-e-ilustrar-libros-infantis/

bottom of page