Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Eugenio Linares
Desta volta falamos na nosa entrevista con Eugenio Linares, famoso veciño de Tuiriz pola realización de esculturas en madeira con motoserras, ten obras por todo o estado español.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!
-Segredos de Pantón: Para comezar coa entrevista queríamos saber, como comezou no mundo da escultura en madeira con motoserra?
-Eugenio Linares: Comecei fará uns 7 anos de xeito accidental. Estaba na casa cortando madeira e probei a facer unha cabeza de cocodrilo e rematei facendo o cocodrilo enteiro, pareceume moi sinxelo e rápido de facer. Logo seguín a elaborar máis esculturas, comeceinas coleccionando na casa e aos pouco funas vendendo a coñecidos e amigos.
-SdP: Para que coñezamos máis este mundo, unha serie de preguntas rápidas:
- Que madeira soe empregar?
-EL: Pódense empregar moitos tipos de madeiras cada unha coas súas ventaxas. As máis duras permiten máis detalles pero son máis complicadas de traballar. As brandas ao revés máis sinxelas á hora de traballar pero non se poden facer tantos detalles. A miña favorita é a de cedro, que é unha combinación perfecta.
-Precisa dunha motoserra especial?
-EL: Non. Cunha motoserra da que todos temos en casa podo facer o 99% da escultura. Aínda que grazas a miña colaboración con Arbogal podo acceder a tódalas ferramentas de Husqvarna, non acostumo a traballar con elas excepto en exhibicións, xa que prefiro desenvolver un estilo de escultura que non me faga depender das ferramentas.
-Como consegue tanto detalle?
EL: Sorprenderíadesvos o detalle que podo conseguir cas puntas da espada da motoserra, ata eu cando comecei quedei sorprendido. Logo para detalles máis pequenos, emprego un cúter de papelería.
-Trala talla bótalle algún producto á madeira?
EL: Depende do encargo en si, xa que se é para exterior precisarao pero se é de interior non. Pero ao meu gusto prefiro que non leven ningún produto a maiores.
-Pódese vivir desta práctica?
-EL: Si, pódese vivir disto. Sempre que sexas capaz da dar co nicho de mercado que cho permita. Pero sobre todo é importante ser versátil en canto ao produto que poidas ofrecer e que poidas ofrecer presupostos variados tamén, ca mesma calidade pero de menor prezo. Ao final a versatilidade é o segredo.
Eugenio esculpindo un cabalo.
-SdP: Cales foron os seus primeiros encargos e como os conseguiu?
-EL: Os primeiros traballos eran cousas que me apetecía facer e fíxenas.
Ademáis tiña a sorte de vivir no faro de Estaca de Bares, e as fins de semana facía as esculturas e deixábaas fóra no xardín. E cando volvía á semana seguinte, o meu pai dicíame que un turista mercara unha ou outra obra, foi así pouco a pouco que comecei.
-SdP: Agora vostede realiza os seus encargos por medio da empresa de arboricultura “Arbogal” a cal lle consegue os traballos. Como foi posible este feito?
-EL: Con Arbogal comecei dende o primeiro día. O dono da empresa é moi amigo meu, e ademáis é embaixador da marca Husqvarna e cando fixen a escultura do cocodrilo e estaba a buscar xente para facer exhibicións, ao ver a miña obra gustoulle e xa fun contratado por eles. Tiven a inmensa sorte de poder estar respaldado pola marca máis potente do mercado como é Husqvarna e o respaldo dunha empresa como é Arbogal, de traballos de xardinaría, podas e trepas.
Eugenio cunha aguia.
-SdP: Que tipo de encargos de esculturas son os máis frecuentes? E cales son cos que máis desfruta?
-EL: Os encargos máis frecuentes son temáticas de natureza, animais sobre todo, para os xardíns. Aínda que na maioría das veces conxenio a natureza co mobiliario. Xa que nontodo o mundo ao mellor quere ter unha escultura pero si un banco, así que é moi freceunte que faga un banco cunha aguia por un lado. Ao final son obras únicas e orixinais, seguindo as peticións expresas do cliente.
E co que máis desfruto é ao facer animais que si que algo que me encanta.
-SdP: Ten vostede algún elemento característico do noso concello co que lle gustaría realizar unha obra? E por que?
-EL: Sobre todo desfruto o trato coa xente, poder amosar o que fago onde vivo, mesmo conversar mentres estou a facer unha obra.
Uns dos produtos que máis fago son as denominadas demostracións en directo, xa que entre 1-2 días podo levar a cabo unha obra, e é algo moi visual polo tema das motoserras. Chámanme de media España, tendo traballos en Jaén, Cantabria, Catalunya, Euskadi, León... Contactan comigo de toda España pero sen embargo de aquí onde vivo é máis complicado, entón estar nunha feira facendo unha exhibición si que me gustaría para amosalo á xente e sobre todo aos meus veciños.
Un fermoso corzo esculpido en madeira.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:
http://xornaldelemos.gal/sociedade/18032-esculpindo-en-madeira-con-motoserra/