top of page

Escalada Sostible

Desta vez conversamos con Miguel Feijóo, escalador e representante de Escalada Sostible en Galicia. Nesta entrevista abordamos a problemática sobre a escalada no espazo protexido do Canón do Sil.

Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!

Segredos de Pantón: A modo de introdución, que tipo de escalada se practica no canón do Sil? Cantos sectores ou zonas para esta práctica hai no noso concello?
Escalada Sostible: Dentro da Ribeira Sacra hai diferentes zonas de escalada, tanto no lado ourensán do río Sil coma no lado de Lugo, onde predomina case en exclusividade a modalidade de escalada deportiva. Esta modalidade consistente en ascender rutas de pequena altura, de non máis de 40 metros, onde as ancoraxes de seguridade están fixas e non se utilizan para progresar, senón para protexer a posible caída dos deportistas.
Concretamente, nas ladeiras lucenses do Sil hai na actualidade 3 sectores de escalada, dos cales dous se atopan dentro do Concello de Pantón, concretamente no carón do sendeiro que comunica Pombeiro e San Cosmede.

 

SdP: Sabemos que nos sectores de escalada están as vías, cantas destas vías hai en Pantón e de
que nivel son?
ES: Nos dous sectores que hai podemos atopar vías de tódalas dificultades, dende rutas de iniciación ata rutas que aínda son proxecto e non conseguimos aínda facer sen caer. Hai un total de 9 vías no sector Calendario e aproximadamente 30 no sector Maqui, o muro máis
grande e o que ten máis rutas na Ribeira Sacra. Estas zonas destacan porque pola súa orientación sur son ideais para escalar en inverno, sendo posible trepar en días soleados nos días máis fríos cunha temperatura moi agradable.

Maqui03.jpeg

Vista dun escalador nunha das paredes de Pombeiro.

SdP: Cal é a intención do colectivo "Escalada Sostible"? Que labores levan a cabo?
ES: Os nosos obxectivos podémolos dividir nos seguintes puntos:
● Servir de mediadora entre o colectivo e as Administracións.
● Promover e fomentar o coidado e mantemento do medio natural.
● Poñer en valor e preservar os principios da escalada, como actividade
tradicionalmente sustentable.
● Demostrar que a práctica da escalada é compatible coa aplicación das diferentes
normativas de conservación do medio ambiente.
As labores que levamos a cabo van moi relacionadas coa consecución dos nosos obxectivos.
Podemos dicir que centramos os nosos esforzos que se dividen en dous grupos principais:

● Traballos coa Administración, principalmente cos servizos de conservación da
natureza, mantendo reunións de maneira regular para expresar en que consiste a
nosa actividade, facendo propostas de regulación e buscando exemplos de xestión
similar noutras zonas con maior tradición escaladora que sirvan de modelo para a
nosa comunidade.
● Facendo campañas de concienciación e mellora das zonas onde levamos a cabo a nosa
actividade. Para elo, levamos a cabo diferentes accións como poden ser: Programa
rocódromos activos, programa de formación guías AEGM, facendo o documental
Prohibido Escalar, as campañas “Del Roco a la Roca” , “No dejes ni huella” ou “La
basura no vuelve sola”, levando a cabo campañas de limpeza e charlas divulgativas,
ademais de suxerir puntualmente recomendacións en relación á apertura e
mantemento de novas zonas de escalada.

 

SdP: No sector lugués do canón do Sil, existe unha problemática sobre os permisos e as datas.
Cal é o conflito?
ES: En Galicia en xeral, máis da metade das paredes de escalada atópanse en zonas que contacto con algún tipo de protección medioambiental, a maioría delas reguladas polo DECRETO 37/2014, que é o plan director da Rede Natura 2000.
Esta normativa é moi xenérica e as autorizacións están xestionadas por cada delegación provincial. No caso concreto da Ribeira Sacra, atopámonos con dúas delegacións provinciais implicadas, a de Ourense e a de Lugo, e a relación que temos con ambas é totalmente diferente.
No caso concreto de Ourense a sintonía é total, hai unha moi boa comunicación con eles e souberon ver como realizar accións de colaboración conxunta: pechando paredes se hai a posibilidade dun aniñamento, abrindo a zona se non hai postas, os escaladores piden autorizacións e estas concédense de maneira regular e fluída, etc. En xeral, estamos moi satisfeitos coa relación que temos con eles, porque entenden a nosa actividade e a experiencia. Eos feitos indican que é compatible a escalada coa conservación se o facemos con cabeza. No caso de Lugo, a relación xa non é igual. Non hai comunicación, non temos nunca unha chamada pola súa banda, non buscan compatibilizar o noso deporte e a única proposta non formal que tivemos, era dar autorización para escalar nos meses de xullo, agosto e setembro nunha parede con orientación sur onde a súa época ideal é de novembro a marzo.... Para nos foi coma un insulto, é coma se pides autorización para bañarte na praia e che dan permiso para os meses de decembro, xaneiro e febreiro. Isto sen ter comprobado se a escalada é realmente prexudicial para a integridade duns potenciais valores a protexer. E estas paredes en concreto están en Pantón, polo que a día de hoxe a escalada neste concello se podería dicir que está practicamente prohibida.

Maqui02.jpeg

Escalador no sector "Maqui".

SdP: Dende o seu grupo de escalada que solucións propoñen ante esta disxuntiva?
ES: En primeiro lugar o que lle pedimos os servizos de conservación é que se acerquen á nosa actividade, que coñezan de primeira man en que consiste, que analicen detalladamente o noso impacto no medio e que se fagan regulacións dinámicas da actividade, é dicir, que haxa un 
seguimento das zonas de escalada e que as regulacións sexan adaptadas en cada momento ás circunstancias existentes nese momento.
Entendemos que con comunicación e con vontade por parte dos axentes implicados, a práctica da nosa actividade é compatible coa conservación do medio natural e o cumprimento da normativa, e así se demostra en multitude de zonas en toda a península.

No caso de espazos da Rede Natura, dende o noso colectivo avogamos por eliminar as autorizacións nominais que hai na actualidade e que son moi limitantes. Pensamos que é necesario facer un estudo específico a nivel galego das paredes onde se escala, para determinar os impactos que pode causar a escalada nesas zonas e establecer as regulacións pertinentes que fosen precisas, sempre buscando a maneira de facer compatibles a practica deportiva e a conservación do medio.


SdP: A modo de remate, cal é a vía que prefire para escalar en todo o canón do Sil?
O Canón do Sil sen lugar a dubida é un lugar máxico e non podería elixir unha ruta ou parede
para quedarme. En verán é incrible poder escalar xunto ao río e poder desfrutar dun baño ao carón das paredes. No inverno, é fantástico poder quentarse ao sol na ladeira ourensá cunhas rutas dunha gran dificultade técnica, mentras que en outono e primavera é fantástico poder elixir segundo o día entre paredes ao sol ou ir á sombra. Para nós, o Canón é moi especial e somos os primeiros que queremos que se protexa. Levamos aos nosos fillos a pasear, a escalar e a desfrutar das súas ladeiras, limpamos e mantemos os camiños limpos, levamos o lixo que atopamos e velamos polos seus animais e plantas.

Maqui04.jpeg

Miguel Feijóo escalando nas ribeiras do Sil.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/opinion/15255-opinion-escalada-sostible-na-ribeira-sacra/

bottom of page