top of page

Ecomuseo de Arxeriz

Hoxe falamos cun dos referentes do coñecemento e da posta en valor da cultura ribeirá, como é o coñecidísimo Ecomuseo de Arxeriz.

Dende aquí agradecemos a súa participación e como non o traballo que fan polo patrimonio das nosas ribeiras.

Segredos de Pantón: Para comezala entrevista queríamos saber cando e como naceu a idea do Ecomuseo de Arxeriz?
Ecomuseo de Arxeriz: A idea xurdiu a principios de século, aínda que xa se comezara a falar do Ecomuseo de Arxeriz como centro de recuperación e divulgación cultural a finais dos 90, momento no que comecei coa busca e recompilación de material. Naceu, basicamente, como froito de dúas circunstancias, a recuperación de Arxeriz e a necesidade de conservar e divulgar o rico patrimonio cultural da zona.


SdP: O pazo onde está ubicado o ecomuseo está totalmente restaurado. Sempre estivo así de ben conservado ou sufriu diferentes remodelacións?
EdA: A actividade no Pazo de Arxeriz cesou nos anos 70, cando deu comezo a súa decadencia. Despois de vinte anos desocupado e sen ningún tipo de actividade, no ano 1993 moitas das edificacións estaban en ruína. Nesa data deu comezo a súa restauración e a recuperación das edificacións, labores que se poden considerar como rematadas no 2013, aínda que se seguen a
realizar obras de conservación. Durante estes traballos non se realizaron alteracións no conxunto, xa que se mantiveron os volumes e materiais orixinais.


 

logo_fundacion3.png

Logo da fundación e do museo.

SdP: Vemos que as diferentes accións que levan a cabo son de diferente índole pero sempre están ligadas á Ribeira Sacra. A que se debe esta especial unión e con promovela en tódalas súas facetas?
EdA: A razón principal é que nos atopamos no corazón mesmo da Ribeira Sacra que empata coa labor fundamental do Ecomuseo de Arxeriz, a recuperación, conservación e divulgación do patrimonio; o seu ámbito de aplicación é a propia zona.


SdP: Observando os diferentes temas a visitar, pódese vislumbrar a súa vontade de ensalzar a
cultura ribeirá. Que lles levou a querer poñer en alza esta cultura tan nosa?
EdA: Ó ser unha cultura moi específica dentro do ámbito da Ribeira Sacra, ademais de que se trata dunha unidade socioeconómica e xeográfica que experimentou moitos cambios a causa do éxodo migratorio e da construción dos encoros; cremos fundamental a recuperación dos seus elementos referenciais, tanto materiais coma inmateriais, legado dos nosos devanceiros.

42205437_2190819847655724_22271424708634

Imaxe da sala adicada á cultura ribeirá, cas barcas diante.

SdP: Ten pensado o Ecomuseo de Arxeriz sorprendernos con novos proxectos nun futuro próximo?

EdA: Si, na medida en que o proxecto cultural e natural de Arxeriz está a medio construír e aínda queda moito por desenvolver.
A curto prazo, o próximo proxecto no que estamos a traballar é unha exposición permanente sobre o carro galego, cun apéndice dedicado ó folión de carros de Chantada en colaboración coa súa asociación. Nestas dúas novas salas de 250 metros cadrados queremos reflectir todos aqueles elementos consubstanciais ó carro, dende as madeiras utilizadas para a súa elaboración ata o elemento final; recollendo a maior parte das tipoloxías de carros do noroeste peninsular exemplificadas nas súas rodas como elementos diferenciadores. Xugos, bitillos, fungueiros, ladraias, documentación gráfica de época, documentais, información... conformarán o resto da exposición.
Na sala do folión, comunicada coa do carro, estará representada a escena da malla, acompañada de elementos gráficos desta laboura e do propio folión.


SdP: Para rematar a entrevista, farémoslles unha pregunta moi relacionada co mundo ribeirao. Que aldea pantonesa ribeirá é a súa favorita e por que?
EdA: Tódalas aldeas conservan parte da súa pegada orixinal; dentro delas, por destacar algunhas, citaría a de Pesqueiras de Atán e as da parroquia de Ribeiras de Miño, que dan unha idea da importancia que tiña o cultivo da vide e da riqueza da zona plasmada neses extensos lugares.

42249300_2190819640989078_30482874670702

Panorámica do castro de Arxeriz e o Cabo do Mundo.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/sen-categoria/4258-o-ecomuseo-de-arxeriz-todo-un-referente-na-cultura-da-ribeira-sacra/

bottom of page