top of page

Tuiriz con U

Hoxe falamos con Tania Arias Cancelinha, arqueóloga, sobre a problemática toponímica que teñen as veciñas de Tuiriz ao pretender as administracións que o topónimo oficial é Toiriz, aínda que esté non sexa o que esté preservado na fala.

Agradecemos a Tania a súa participación neste noso espazo de entrevistas.

Segredos de Pantón: Para comezarmos a introducirnos neste tema, gustaríanos saber a partires de cando se comeza a evidenciar este problema do erro toponímico e confundir Toiriz con Tuiriz?

Tuiriz con "U": De momento, a evidencia máis antiga que atopei no uso confuso deste topónimo está no Catastro de Ensenada, nun documento escrito data de 1753 no Interrogatorio da feligresía de Santa María de Tuiriz. Falamos entón de fai 265 anos que se constata, nun documento oficial e público, a confusión do escribán de entón entre empregar o topónimo Toiriz ou Tuiriz. Isto vese claramente xa no inicio, onde decide remarcalo “o” nun intento de rectificar a forma que usou inicialmente con “u”. Ao longo deste documento sucédese este acto de rectificación continuamente, así mesmo, decide empregar ambas formas en varias ocasións. O que nos vén a demostrar isto é que semella que xa daquelas existían ambas formas e había unha loita por impoñer algunha delas na linguaxe oficial. Documentos posteriores como a Carta Xeométrica Galega de Domingo Fontán do 1835 ou o Diccionario de Madoz do 1845 xa reflicten o topónimo con “u”. Como historiadora recordo na miña etapa de estudante que tiven nunha ocasión un documento do arquivo do Mosteiro de Samos do século XII onde aparecía a forma con “o”. De todos xeitos, o importante é remarcar que a loita na escrita por impoñer unha forma ou outra parece reflectir unha realidade social que chega ata os nosos tempos. O que parece que facían os comisionados da Coroa de Castela, encargados de realizar estes inventarios polas feligresías galegas, era castelanizar os topónimos, pode ser que iso afectara á forma “Toiriz”, pero non sendo eu experta en lingüística ou etimoloxía, o que está claro é que a forma “Tuiriz” é a que se mantivo na fala viva.

D1tyz8ZX0AEFeUL.jpg

Imaxe de Tania Arias, a nosa entrevistada.

SdP: Se realizamos unha rápida búsqueda sobre este tema no internet observamos enseguida que hai un grupo de Facebook, vemos que a xente se uniu e manifestou o seu malestar. Como foi que lle xurdiu esta iniciativa a vostede como creadora do grupo?

TcU: O grupo de facebook “Tuiriz con u” debe a orixe do seu nome á busca de algo que nos representa a todos neste pobo: a loita pola aceptación pública e oficial do nome do pobo coa forma “u”. O grupo fíxeno coa intención de que funcionara como lugar na rede no cal os habitantes de Tuiriz se comunicaran entre sí e tamén cos moitos veciños que están na emigración. Actualmente tamén funciona como plataforma dende a cal mostrar Tuiriz ao resto de xente. É unha frase de loita colectiva e cabreo, os veciños estamos acostumados a rectificarlle tanto á administración pública como a particulares que “non é Toiriz, é Tuiriz con u!!”.

SdP: Vemos que o BNG local xa fai case 2 anos que presenta dunha moción para cambialas denominacións das dúas parroquias de Tuiriz. Pero como conseguiron este cambio de pasar de grupo de Facebook a unha moción real e aprobada polo concello para presentar á Xunta de Galicia?

TcU: O BNG de Pantón e, en especial, a súa voceira Rosana Prieto, mostrouse interesado no malestar dos veciños de Tuiriz. Recolleron a queixa e consideraron que se podía propoñer unha moción e unha petición á Comisión de Toponimia de Galicia.

SdP: Ademáis gustaríanos saber en que estado se atopa a petición realizada polo concello de Pantón á Comisión de Topinimia do Goberno galego.

TcU: A petición está parada, non temos recibido resposta ningunha e non parece que desde o Concello haxa moito ánimo en levar adiante este trámite.

Capela do Carmen 2.JPG

Santuario do Carme, o emblema de Tuiriz.

SdP: Cal é a súa opinión respeto ás declaracións do alcalde de Pantón, na “Voz de Galicia” do 12 de maio de 2016, onde afirmaba que non lle preocupaba se o nome das referidas parroquias era Toiriz ou Tuiriz?

TcU: Paréceme esperable que ao alcalde de Pantón non lle preocupe en demasía cal é forma coa que nos identificamos en Tuiriz. Dende logo, existen temas de índole socioeconómica moito máis relevantes para os intereses da súa veciñanza que unha cuestión toponímica. De todos modos, non debería esquecer que se trata do “patrimonio inmaterial” dos pobos, a fala viva, a identificación cun lugar, un lugar cun nome concreto que nos define. Unha parte importante da veciñanza de Pantón vive en Tuiriz non en Toiriz. Entendo que se os alcaldes se mostran fríos ou pouco empáticos ante unha queixa colectiva do tema que sexa, non están atendendo ao que lle preocupa a súa veciñanza. Esperamos que a petición ante a Comisión de Toponimia vaia adiante e poidamos asentar o topónimo tal e como o mencionamos os veciños dende tempos pasados.

bottom of page