top of page

Serafín González (SGHN)

Hoxe témolo pracer de conversar co presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González. 

Nesta entrevista aboradaremos o arroteamento ilegal dun bosque de ribeira en Espasantes, devandita masa arbórea pertencente ao LIC Canón do Sil.

Segredos de Pantón: Para comezar coa entrevista queríamos saber como, dende a Sociedade Galega de Historia Natural, se fixeron eco dos feitos relacionados co proxecto de viñedos de Pantón?

Sociedade Galega de Historia Natural: Dende hai bastantes anos, SGHN é unha das entidades ás que a Consellería de Medio Ambiente solicita que emitan informes sobre plans ou proxectos, públicos ou privados, con posible incidencia sobre o medio ambiente. Entre os centos de proxectos que SGHN informa anualmente, o 04/12/2019 SGHN respostou ás consultas sobre dous proxectos de Adegas O Castro SL para arrotear e plantar viñedos en 349 predios (71,6 ha) de catro parroquias (Pantón, Santa María de Ferreira, Espasantes e Serode) na Ribeira Sacra (Pantón, Lugo). Desa superficie, 57 ha eran terreos forestais con “abundantes árbores frondosas (carballos, castiñeiros, amieiros, bidalos, ) de idade reducida (10-15 anos aproximadamente) nados por rexeneracion nunha parte das parcelas… Hai alguns exemplares de árbores frondosas (carballos, castiñeiros, amieiros, bidalos, ) de idade mais elevada (25-30 anos aproximadamente) pero illados ou en recintos e parcelas pequenas, sen continuidade.”

SGHN solicitou que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático desestimase a solicitude de arroteamento dos terreos incluídos na Rede Natura 2000 (ZEC Canón do Sil ES1120014) e os cubertos por frondosas autóctonas. SGHN solicitou, así mesmo, que a D.X. de Calidade Ambiental pedise un informe á D.X. de Patrimonio Natural sobre a veracidade ambiental da documentación presentada polo solicitante e que se incluise como mínimo no condicionado unha idade ou dimensións máximas para as árbores que se poderían talar, un mínimo de cabida cuberta a conservar e unha supervisión do cumprimento do condicionado por parte do axente ambiental de zona.

serafin.JPG

Imaxe do presidente da SGHN, Serafín González.

SdP: Mesmo hai unha zona dentro do proxecto de viñedos en intensivo que supuxo a tala de bosques caducifolios integrados na Rede Natura. Isto pódese facer? E neste caso seguíronse tódolos procesos para levalo a cabo correctamente?

SGHN: A tala de formacións forestais de frondosas autóctonas en terreos agrícolas para adicalos á viticultura intensiva é incompatible cos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000, tal como establece o seu Plan Director para Galicia.

De todos os xeitos, mesmo para proxectos ou actividades que puideran ser autorizables en Rede Natura (que non é o caso), a súa execución NUNCA podería comezar antes de ter todos os permisos preceptivos pero Adegas O Castro SL realizou as obras sen ter recibida a autorización da D.X. de Calidade Ambiental.

SdP: Que supón dende o punto de vista da biodiversidade o arroteamento destes bosques caducifolios?

SGHN: Nunha comunidade como a galega, onde as formacións forestais de especies exóticas (eucaliptos, piñeiro de Monterrei, acacias,...) son xa máis abondosas que os bosques autóctonos, a tala destes supón unha perda dende o punto de vista da paisaxe tradicional galega e un grave perxuizo para a conservación da biodiversidade, que é sempre moito máis reducida nas plantacións de especies exóticas. Lamentablemente, o que estamos a ver dende SGHN é que a meirande parte dos proxectos de cambio de uso de forestal a agrario para os que se solicitan permisos, sobre todo na provincia de Lugo, pretenden arrotear formacións de frondosas autóctonas. Para maior sen sentido, e como mostra da carencia absoluta de ordenación do territorio, a miúdo esas formacións de frondosas autóctonas son as últimas que quedan nunha contorna literalmente inzada de plantacións de especies exóticas realizadas sobre terras agrícolas.

81001365_3284988138238884_18645560317454

Visualización no SIXPAC da zona deforestada.

SdP: Malia todos estes feitos medioambientais do lado do dereito á información dos expedientes que está a acontecer?

-SGHN: No caso dos arroteamentos en Pantón, SGHN leva solicitando insistentemente dende hai sete meses toda a información sobre os expedientes de Adegas O Castro, que a Consellería debería entregar no prazo dun mes. É un dereito recoñecido pola Convención de Aarhus e a normativa europea (Directiva 2003/4/CE, Directiva 2003/35/CEE), estatal (Ley 27/2006, Ley 42/2007) e galega (Lei 5/2019). Un dereito que está a pisotear dende hai medio ano a Consellería de Medio Ambiente nun gravísimo incumprimento da lexislación vixente.

 

SdP: Estes proxectos intensivos na nosa terra, que impacto teñen na natureza en todo o seu conxunto?

SGHN: Basicamente, a alteración da paisaxe e unha perda de biodiversidade, como sinalei antes, un incremento das perdas de solo por erosión ao arrotear e destoconar as árbores en terreos de forte pendente, ademais dun consumo intensivo de agro-químicos e unha alteración do ciclo da auga.

79676678_3284988251572206_37431361066699
79681932_3284988214905543_77304096005323
80839441_3284988334905531_24008008320029

Unha serie de imaxes da área arroteada.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/medio-ambiente-patrimonio/16206-a-alteracion-da-paisaxe-e-unha-perda-de-biodiversidade-serafin-gonzalez-investigador-cientifico-do-csic/

bottom of page