top of page

Francisco Domínguez

Desta volta falamos na nosa entrevista con Francisco Domínguez, resineiro na parroquia de Tuiriz.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!

Segredos de Pantón: Como acaba un rapaz orixinario de Bueu na aldea de Sta. María de Tuiriz exercendo de resineiro?

Foi un percorrido bastante longo, que comezou cando cheguei a Lugo para estudiar na EPS e rematou, polo de agora, no pobo de Tuiriz, despois de cursar perito agrícola e pasar por distintos traballos practicamente en toda a comunidade galega. E nos últimos 6 anos batallando por conseguir demostrar que a resina é unha oportunidade laboral para o noso rural.


SdP: A labor de resineiro defínese como unha actividade sostible e de respeto ao medio, que se pode realizar nos montes de Galiza. Pode contarnos en que consiste e cales son os usos para os que vai destinada?

Gústame máis denominalo traballador multifuncional. Porque igual que o noso monte ten multitude de oportunidades, a persoa que traballa nel tamén debería saber desempeñar ou aproveitar todas estas posibilidades, entre elas as laborais.

No caso da extracción da resina, o que facemos é obter dunha maneira sostible e tradicional o produto que temos nos nosos piñeiros. Facemos unhas preparacións previas na época de parada vexetativa e na época de produción practicamos unhas incisións, que xunto coa aplicación dunha pasta estimulante, axúdanos a conseguir a nosa materia prima, nalgúns lugares ben chamado "ouro verde".

Dos seus usos e compoñentes, cada ano aprendo algunha aplicación nova e tamén dos seus subprodutos, que se obteñen de forma industrial nas sucesivas destilacións. Dende o emprego máis antigo coma o de prender o lume nas cociñas de leña, case en desuso, pasando polas épocas de grandes producións na zona de Castela, onde boa parte ía destinada á "brea" dos barcos, como impermeabilizante da madeira.

Na actualidade a industria de cosmética e farmacéutica son as que demandan a maioría dos subprodutos que se producen, esencia de trementina para perfumes e cremas ao igual que en moitos produtos alimenticios, onde se usa para fixar aromas. Na parte farmacéutica úsanse subprodutos de segundas e terceiras destilacións que van destinados ultimamente ás coberturas de moitos medicamentos, ou como soporte de vacinas debido o seu carácter orgánico ou comestible, entre outros usos. A colofonia, outro dos seus subprodutos é moi empregada para pegamentos, pinturas ou vernices.

resina (38 de 69).jpg

Francisco realizando unha pica nun piñeiro do Ferroedo

SdP: En qué medida considera que a profesión de resineiro é unha opción real que contribúe á revitalización das aldeas axudando a atraer novos veciños asociados á práctica desta actividade? Cómo se manifestou isto no caso concreto de Tuiriz?

 

Creo que esta pregunta resúmese na miña propia experiencia. O motivo do meu interese neste sector foi darme conta do abandono xeral do monte que temos en Galicia, acordámonos del cando o cortamos ou cando arde desgraciadamente.

Cando coñecín a extracción da resina pareceume que podía ser unha ferramenta para visitar algo máis o noso monte. A medida que fun avanzando e aprendendo dinme conta, xunto cos meus compañeiros, de que a extracción da resina podía ser unha escusa de entrada nas parcelas e dende onde se podía comezar a propia xestión sustentable e multifuncional do monte.

A maiores, e falando do caso particular de Tuiriz, como resineiros pensabamos que podiamos desempeñar unha actividade moi importante na defensa contra a lacra dos incendios, que foi unha das premisas máis interesantes que valoraron os comuneiros de Tuiriz. Como exemplo, tamén cabe citar a experiencia que tiven en Loiba, onde comecei o meu camiño como resineiro, e onde os propietarios non me cobraban o aluguer das súas parcelas porque chegáballes verme nos seus montes traballando, xa que dicían que había trinta anos que ninguén pisaba esas parcelas.

 


SdP: Tódolos veráns vemos perigar o noso patrimonio natural e cultural coa chegada dos lumes aos nosos montes. Como axuda a presencia dos resineiros a evitar estas catástrofes? Considera que as diferentes administracións deberían apostar pola implantación desta actividade dunha maneira firme? Que papel poden xogar as comunidades de montes e demais asociacións?

Dáse a casualidade que o primeiro ano de traballo en Tuiriz, sufrimos nos arredores un incendio forestal de 700Ha que pasou a 3-4 km do noso monte, onde iniciamos o aproveitamento resineiro. Imaxinade a preocupación e nerviosismo polo que pasamos os tres resineiros vendo perigar todo o noso traballo, xunto coa preocupación conxunta dos nosos veciños. Ó final, chámalle prevención, acción directa ou disuasión, creo que podemos chegar a ser unha ferramenta máis na loita e concienciación neste gran problema que temos en Galicia.

Tanto as rozas que realizamos, a permanencia que nos obriga o desempeño do noso traballo diario no monte, coma a concienciación que facemos nas charlas e cursos que realizamos dende a asociación e a empresa na que traballo, supoñen unha gran acción non só contra o problema do lume senón que tamén nos axuda a darnos conta do gran potencial que temos nos nosos montes e o infravalorado que o temos.

No canto da administración, é moi difícil valorala, xa non por realizar traballos directamente para ela, senón que creo firmemente que somos nós os que temos que facer que a administración actúe/traballe. E poño un exemplo, dende a nosa asociación de resineiros sempre intentamos conseguir cousas de cara a este sector tan incipiente e para os propios resineiros. Pero nunca imaxinaríamos que gracias a percorrer case toda Galicia, e incluso Asturias, dando charlas e cursos formativos, chegaríamos a colaborar en normalizar o sector e incluír o aproveitamento resineiro case ao nivel doutros aproveitamentos con moita máis presenza no forestal galego.

Respondendo á última parte da pregunta, xa vedes a importancia que pode chegar a ter unha asociación de tan só 14 persoas. No caso dos MVMC creo que aínda é máis fundamental, xa que aparte do legado de responsabilidade que teñen sobre toda a herdanza anterior que trae consigo, poden ser un gran exemplo de boa xestión dos nosos montes. No caso que nos toca, sen o Ferroedo non teríamos esa gran ocasión de demostrar que xa vivimos fundamentalmente da resina, deixando múltiples beneficios no lugar que nos ofrece esa oportunidade.

 

 

resina (37 de 69).jpg

Francisco colocando un pote para recoller a resina que saia do piñeiro

SdP: A parte da labor profesional existe unha labor de investigación que axuda a evolucionar o asentamento desta profesión a nivel galego. Que tipo de labores exerce vostede na profesión? Como se está conseguindo formar á xente para que se inicie nesta actividade?

Temos que pensar que en Galicia non existe unha ampla tradición resineira, como pode ser no caso de Castela. Cando comezamos este aproveitamento no noroeste da Península Ibérica, collemos de referencia a metodoloxía que se levaba tantos anos traballando nas zonas onde levaban máis de 200 anos extraendo resina, pero tíñamos claro que era preciso un axuste no método que se adapte as diversas características da nosa contorna, como por exemplo as condicións edafoclimáticas ou a tradición forestal principalmente madereira.

Dende a empresa teño a oportunidade de participar en parte dos estudos que se están levando a cabo en Galicia e que nos axuda a identificar modificacións na metodoloxía de extracción que nos axuda a obter mellores rendementos. Esta parte é imprescindible para que o sector continúe collendo forza e máis traballadores inicien a súa experiencia no rural.

No caso da formación estamos nuns momentos complicados debido ás restriccións. Aínda así o ano pasado conseguimos realizar a maioría dos propostos polo AGACAL. O que fixemos en Monforte (Parcela de Tor) é outro dos exemplos desa gran importancia destes cursos gratuitos. Xa que nesta finca continúase o aproveitamento resineiro a cargo de dous alumnos do propio curso, o igual que no caso de A Pontenova. Creo que son pequenas accións que axudan a impulsar e divulgar este sector dunha maneira moi directa e sinxela o mesmo tempo.

 

 


SdP: Cal é o consello que ofrecería vostede a todos aqueles que nestes momentos están pensando en introducir este aproveitamento nos seus montes? Como nos definiría a acollida que tivo na aldea de Tuiriz por parte da veciñanza, como novo veciño e como resineiro?.

 

O primeiro que aconsellamos sempre é que coñezan o seu monte, posto que como dicimos nos cursos “todos os piñeiros teñen resina, pero non todos os piñeiros son resinables”. É importante que os piñeiros mantiveran unha actividade silvícola activa para asegurar unha boa produción e coñecer os principais condicionantes que nos poden limitar o noso rendemento. Tamén sempre é recomendable saber o tempo que vamos poder dedicar a este traballo, se vai ser un complemento a unha renta principal ou se vamos ter dedicación completa, posto que iso vai  condicionar o número de piñeiros que podamos traballar.

Tendo isto claro, só queda recomendar que veñan con moito ánimo. A pesar de que é un traballo que require de certo esforzos, como todos os ligados ao rural, é unha experiencia única da que cada día obteño grandes sorpresas positivas.

Sen palabras. Porque non chegan para contar tódolos detalles que tiveron os veciños de Tuiriz dende que chegamos fai 3 anos. Tanto aparecían na casa con ovos e un culeiro de patatas, como viñan buscarnos para arrancar o abono da corte e quedar a comer, por suposto probando o viño de cada casa, que é case sagrado. No meu propio caso non sei se será o mellor exemplo, xa o dirán os que veñan detrás, pero levo dous anos arranxando unha casa en Tuiriz coa idea de acabar por ser outro comuneiro máis e desfrutar dun lugar tan bonito e acolledor.

 

resina (40 de 69).jpg

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:
http://xornaldelemos.gal/en-profundidade/29387-o-aproveitamento-da-resina-unha-oportunidade-laboral-para-o-rural/

bottom of page