top of page

Aida Menéndez

Nesta nova entrega falamos con Aida Menéndez, presidenta da "Asociación de Camiños a Santiago de Compostela pola Ribeira Sacra". Falaremos sobre o propio Camiño de Inverno ao seu paso por Pantón e a propia historia desta ruta.

Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!

Segredos de Pantón: A partir de cando se comezou a tentar promocionar e defender esta variante de peregrinación a Santiago?

Aida Menéndez Lorenzo: En 1999 naceu a “Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra-Camiño de Inverno” chamada así dado que en Monforte de Lemos confluían 3 variantes de camiño a Santiago; para promover os camiños de Santiago polo sur de Lugo. Dende aquelas presido a Asociación. O concello de Monforte, do que eu era concelleira de cultura encargou un estudo a USC sobre o Camiño polo Sur de Lugo, un informe que foi entregado no ano 1999. Logo houbo que contactar coas outras comarcas, facer traballo de campo, sinalizar con frechas amarelas …Logo en 2004 publicábase a primeira guía do Camiño pola Ribeira Sacra e a primeira web co Camiño de Inverno dos que son autora, que se completaría coas das outras comarcas, sacando unha edición completa en castelán no 2013 e en inglés no 2017. Nunca deixei de indagar e publicar sobre esta ruta, e, actualmente estou facendo a miña tese doctoral sobre o Camiño de Inverno. Esta asociación foi pioneira na recuperación do Camiño de Inverno, así como a primeira en sinalizar o Camiño pola Ribeira Sacra en 2008, con 100 fitos de granito, homologados ós colocados no resto dos Camiños de Santiago. Na actualidade temos máis de 500 asociados e xa é unha vía de peregrinación oficial e recoñecida.

60437709_2671635179574186_64980213568844

SdP: Sábese dende cando se comeza a optar por esta vía de peregrinaxe?

AML: A referencia máis antiga que se coñece desta vía de pelegrinación é un documento de 1566 sobre a ponte de Barxa de Lor entre a Pobra de Brollón e Quiroga que falaba sobre a necesidade de arranxar a ponte dada a gran afluencia de peregriños. Ademáis posteriormente no ano 1671 esta vez mencionando a ponte de Vilaverde en Quiroga.

 

SdP: No camiño francés a Santiago dise que moitas aldeas e vilas naceron á marxe do propio camiño, dase algún caso no camiño de inverno pola Ribeira Sacra?

AML: En realidade en ningún camiño de Santiago vilas e cidades naceron deste primeiro dado que as vías eran empregadas non só polos peregrinos senón por tódalas persoas do entorno. A maiores debemos de entender que estes medios de comunicación aproveitaban os servizos das ciudades e vilas xa existentes

 

SdP: Algún monumento ten símbolos amosando que se atopa ó carón do Camiño de Inverno?

AML: Hai diversos monumentos que se poden asociar perfectamente a esta vía. Un deles é o Castelo de Novaes en Quiroga que pertenceu á Encomienda de San Xoán de Xerusalén datado no século XIII, esta orde protexía os peregrinos nas principais vías e a presenza desta orde ubicada ao carón do Camiño de Inverno é un sinal claro. Ademáis en toda a zona temos un gran número de parroquias co santo Santiago, así en Pantón, Santiago de Castillón ou Santiago de Pantón ademáis destacar que na igrexa de San Miguel de Eiré data unha talla do século XV do Santiago peregrino.

Logo da asociación de camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

60217537_2671634799574224_75628225879825

Aida Menéndez falando sobre o Camiño de Inverno.

SdP: Que opinión lle merece que o propio Consorcio da Ribeira Sacra non se preocupe polo camiño de Inverno e só lle adique unha páxina secundaria e non o integre nos seus mapas?

AML: Dende o comenzo non se apoiou o suficiente. Recentemente no ano 2017 solicitamos pertencer ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a día de hoxe aínda estamos a esperar resposta, tras ter que aportar numerosa documentación das actividades realizadas en prol do camiño así coma outros documentos. Pensamos que a nosa pertenza ao Consorcio pode ser importante ao poñer en valor un ben patrimonial da nosa zona. Valoramos a importancia do camiño neste entorno ao ser un nexo de numerosos concellos e ser un medio de poder coñecer e desfrutar da verdadeira esencia da Ribeira Sacra, ao descubrir as zonas rurais, reservas da nosa tradición e cultura.

 

SdP: Persoalmente, para vostedes que detalles fan deste camiño unha opción diferente ás demáis e cal é a súa opinión xeral sobre esta vía de pelegrinaxe?

AML: Os principais atractivos deste camiño son a tranquilidade e a paz. Ademais atravesa lugares dun enorme valor patrimonial e paisaxístico coma son As Médulas e a Ribeira Sacra, mencionando a maiores que dende Puente Domínguez Flórez ata San Clodio en Ribas de Sil neste tramo en case 70 km o Camiño de Inverno discurre ao carón do río Sil. Outro punto destacable é Belesar onde se cruza o pai Miño e atravesase unha parte clave da esencia da Ribeira Sacra, pola monumental e histórica vila de Monforte de Lemos, vinculada ós grandes Condes de Lemos.

60589447_2671635349574169_49442593549299

Unha imaxe pintando un punto quilométrico.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/cultura/10670-aida-menendez-20-anos-loitando-polos-caminos-de-santiago-polo-sur-de-lugo/

bottom of page