Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Alba María
Desta volta falamos na nosa entrevista con Alba María, un artista nova con raíces en Tuiriz. Moi famosa pola súa faceta de regueifeira e noutros estilos.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!
Segredos de Pantón: Pra comezar ca entrevista unha serie de preguntas rápidas:
- Onde se formou musicalmente? Comecei estudando acordeón no CMUS de Vigo e despois estudei canto n’aCentral Folque.
- Cal foi o seu 1º concerto? Foi no 2012, en Vigo, no café Detrás do Marco.
- O seu concerto máis especial? Habería moitos... Pero quizais o primeiro que dei en Compostela co meu irmán, Queco Díaz, á guitarra, na Gentalha do Pichel. Ou calquera ao que viñese vernos a nosa familia.
- Concerto nunha sala ou ao aire libre? Nunha sala, para facerlle xustiza ao verbo “arreconchegarse”. Unha sala pequeniña. Ou o salón dunha casa mesmo mellor, para verlle as caras e as almas ao público.
- Regueifa ou canción? Ultimamente improviso cancións. Así que... elixo as dúas, que combinan ben!
SdP: Sabemos que foi a súa avoa de Tuiriz quen a animou ao canto. Como foi isto? Lembra algunha canción ou cantiga en especial?
AM: Vivín toda a vida con meus pais e meus avós, que marcharan de novos desde Tuiriz a traballar a Vigo. Miña avoa Carmiña é a única que canta habitualmente na casa. E din que se te crías con persoas que teñen bo oído quizais o desenvolvas mellor. Así que ao mellor foi iso. A canción que máis cantamos xuntas é “La violetera”, porque as dúas somos fans de Sara Montiel, haha. Lembro que para durmir me cantaba de pequena “Arronrón cascarrón”. Agora ensínolle eu a regueifar, e mesmo algún rap xa se marcou aos seus 80 anos. É unha xefa.
SdP: A súa carreira musical pegou un xiro ao gañar o "I Certame de Canción de Autor" organizado polo concello de Teo. Que obra presentou ao concurso? E que supuxo pra vostede?
AM: Presentei ao concurso a “Habaneira de Berlín”, unha peza que falaba da emigración xuvenil a Alemaña, cunha letra da que aínda hoxe, 6 anos despois, me sinto moi orgullosa. Para min gañar ese concurso supuxo comezar a ter consciencia do mundo profesional da música galega, coñecer persoas que tiñan as mesmas ganas de facer música en galego ca min... O premio era gravar un disco e iso tamén foi un grande camiño.
Unha imaxe de Alba María.
SdP: A día de hoxe ten un disco publicado, Aínda (aCentral Folque, 2014). Como foi para vostede a experiencia de poder gravalo e de poder reflectir desta forma a súa música?
AM: Gravar "Aínda" foi un enorme reto e unha grande aprendizaxe para min, que tiña por aquel entón 19 anos e nunca me metera nun estudio. Eran as miñas cancións e n’aCentral Folque, que considero a miña casa, fornecéronme non só de edición discográfica, senón tamén de asesoramento, músicos acompañantes, produtor musical... Poder reflectir a miña música nun formato feito para “permanecer” supuxo un impacto grande na miña carreira como cantora, e tamén unha conciencia de que esa permanencia da gravación está ben mais non é o único. De aí que goste de facer cancións mais tamén de improvisalas, de crear letras e melodías que só se poden escoitar no aquí e no agora e nunca máis.
SdP: Sabemos que dentro da improvisación e unha das voces máis novas. Como empezou neste arte? E que ten de especial pra vostede a regueifa?
AM: Unha das cousas que máis me gusta dicir é que, sen contar os ámbitos profesionais, non son unha das voces máis novas. Actualmente teño compañeiras regueifeiras de 6 anos ou menos, o que me fai moi feliz ao ver que este xénero ten continuidade, sobre todo tendo en conta que hai nenas e mulleres que se atreven a mostrarse no espazo público.
Comecei nesta arte como alumna dos obradoiros que organizaba (e segue a organizar) a Asociación ORAL de Galicia na área de Vigo, a miña cidade, en 2009. Tiña 14 anos cando Luís O Caruncho e Pinto de Herbón, dous grandes regueifeiros, viñeron ao meu instituto. Eu daquela era unha neofalante con moitas ganas de mesturar poesía e música, e na regueifa atopei o formato perfecto para me expresar. Despois cambiei de instituto e atopei outra compañeira tamén interesada na regueifa, Sara Marchena. Con ela comecei a improvisar nos recreos e ata agora, cando nos convertimos en formadoras.
A regueifa e toda a improvisación oral para min implica asumir: asumir a realidade e os estímulos que atopas no momento, para así poder permanecer, adaptarte e seguir improvisando. Non hai unha mellor aprendizaxe tamén para a vida.
SdP: Cóntenos un pouco que é o proxecto "é-Romance/é-Brindo" d’aCentral Folque?
AM: É-Romance e É-Brindo, son dous proxectos artísticos e educativos d’ aCentral Folque vinculados ao Xacobeo 2021, cuxo obxectivo é poñer en valor dúas realidades culturais que constitúen unha parte ben relevante do patrimonio inmaterial galego: os brindos (xénero de improvisación oral das montañas orientais galegas) e os romances (xénero oral de poesía narrativa). Dentro deste proxecto houbo edición de libros de divulgación, obradoiros para a infancia, conferencias e concertos.
SdP: Sabemos que sobre este proxecto fixoun obradoiro no C.E.I.P. Monte Baliño e un concerto no mosteiro do Divino Salvador no Castro de Ferreira. Como foron estes actos?
AM: A verdade é que foi moi especial, por ser o concello de onde vén a miña familia. O obradoiro démolo a zanfonista Uxía Muíño e mais eu, e no concerto acompañounos á guitarra eléctrica Queco Díaz, meu irmán. Foi lindo porque veu vernos a nosa familia de Tuiriz, e mesturamos o contemporáneo da guitarra eléctrica co tradicional da zanfona. Sentímonos moi arroupados e fíxonos moita ilusión devolver á comunidade todo o que aprendemos dela.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: