Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Máis que románico
Hoxe conversamos coa empresa de turismo, Máis que Románico, para coñecer de primeira man as súas ofertas e un pouquichiño máis o románico das nosas ribeiras que din que é algo especial.
Agradecemos a súa participación e esperamos que vós agrade!
Segredos de Pantón: Para comezar a entrevista queremos coñecer un pouco máis de que é "Máis que románico". Para iso cóntennos cando naceu esta iniciativa e o por que?
Máis que Románico: Somos unha empresa de guías de turismo que nacimos como Máis que Románico a raíz do proxecto "Agroturismo en Terra de Lemos" (Proxecto Ronsel) que puxo en marcha a Universidade de Vigo na comarca de Terra de Lemos. Plan piloto de aproveitamento turístico, coa idea de revertir, a súa vez na posta en valor e conservación do patrimonio cultural. Un dos productos que crearon foi o das rutas do románico ("Hai mil anos..."). Levouse a cabo entre xuño de 2010 e xuño de 2011, tres rutas polos concellos de Sober, Pantón e O Saviñao. A idea inicial do proxecto era poñelo en marcha e que os implicados, neste caso nós como guías oficiais de turismo, continuasemos ao rematar. E así foi, porque desde xuño de 2011 facemos as visitas ao románico da Ribeira Sacra grazas ao convenio que temos co Bispado de Lugo. Non obstante, levamos traballando como guías de turismo desde hai máis de 20 anos.
SdP: Vemos que están especializadas no románico e realizan a maioría das súas rutas na Ribeira Sacra, por que este ímpetu con esta rexión galega e con este estilo?
MqR: : Realizamos moitas visitas ao románico da Ribeira Sacra porque é a nosa zona e consideramos que é un recurso cultural e turístico que nos permite non ter que saír a traballar noutras zonas. Pero non só traballamos na Ribeira Sacra, tamén nos vemos obrigadas a traballar noutras zonas de Galicia. Estamos máis centradas no turismo cultural e de natureza que é o que demandan os nosos clientes. Ao facer tantas visitas ao románico e formarnos neste tema, facemos unhas visitas moi específicas que é o éxito do noso proxecto na Ribeira Sacra en particular e en Galicia en xeral.
Máis que Románico nunha visita en San Miguel de Eiré.
SdP: Realizan a miúdo charlas, como amosando instrumentos musicais do románico. Vemos que teñen unha gran vontade de acercar o románico á xente, a que se debe esta intención?
MqR: Como complemento a nosa actividade como guías de turismo, organizamos xornadas formativas abertas a calquera persoa interesada no ámbito da cultura e da natureza. Non hai ningunha intención específica. Este ano, efectivamente, organizamos unha xornada sobre o universo musical no medievo, e ademáis, outra de recursos naturais "Do val á montaña" e a nosa III Fin de semana románica centrada na simboloxía que levamos a cabo nos concellos ourensáns de Boborás, Leiro e Ribadavia. Pero non podemos obviar que a paisaxe da Ribeira Sacra é en boa parte o resultado do periodo Medieval e por eso centramos a nosa actividade no seu coñecemento.
SdP: Para vostedes ten algo de especial o románico pantonés dentro da Ribeira Sacra?
MqR: Para nós todo ten algo. Na Ribeira Sacra temos un románico moi rico, na maioría dos casos, ubicados nun entorno paisaxístico espectacular que é o que nos diferencia doutras zonas de Galicia. No caso do concello de Pantón, temos cinco igrexas moi ricas e un dos exemplares máis importantes do románico galego como é a igrexa de San Miguel de Eiré. Tamén hai que valorar e recoñecer a importante labor que dende hai décadas diversas persoas e o propio concello de Pantón levan desenvolvendo para poñelo en valor e nós recollemos en parte os froitos deste traballo.
Máis que Románico nunha visita en tempos de pandemia.
SdP: Dentro do patrimonio relixioso de Pantón hai unha edificación que ten unha maxia especial tanto pola súa historia coma polo pouco que se coñece dela que é a cova-templo do Cotillón. Coñecen algo dela? E que opinión teñen cara este monumento tan descoñecido?
MqR: Sí que coñecemos o lugar. É un dos lugares máis interesantes da zona xunto co mosteiro de San Pedro de Rocas no concello de Esgos (Ourense), xa que todo indica que pudo tratarse dun eremitorio da Alta Idade Media. É unha pequena mostra da realidade histórica que non se pode estudar e conservar ao estar nunha casa privada e carecer de protección legal. Por outra parte, isto abre novas vías de investigación que sería interesante levar a cabo.
SdP: Para rematar esta entrevista cunha pregunta máis persoal. Poderíannos dicir cal é o seu templo favorito da Ribeira Sacra? E o seu favorito de Pantón?
MqR: Difícil pregunta...Hai moitas xoias na Ribeira Sacra e cada unha delas ten algo especial. Quizás imos destacar as menos coñecidas que albergan tesouros no seu interior para saír do habitual, como por exemplo Santa María de Seteventos no Saviñao e a súa pintura mural do século XV; San Pedro de Bembibre en Taboada pola súa portada espectacular; San Salvador de Asma polo seu retablo manierista ou San Xoán da Cova en Carballedo situada nese lugar marabilloso a carón do río Miño. De Pantón, pola nosa relación especial que temos coa comunidade, sen lugar a dúbidas a igrexa do mosteiro do Divino Salvador.
Máis que Románico nunha visita no mosterio do Divino Salvador do Castro de Ferreira.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: