top of page

Liga de Birlos

Desta volta falamos na nosa entrevista con varios integrantes da Liga de Birlos de San Fiz de Cangas e Serode, que contan cunha gran historia e coa peculiaridade de ser unha modalidade de birlos única no país. 
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!

Segredos de Pantón: Cóntennos un pouco, cal é a historia deste xogo en Pantón?

Liga de Birlos: É un xogo moi arraigado no noso municipio, en tódalas aldeas había pedras ou lastróns, pros birlos. Entre aldeas podiamos ter diferenzas. Normalmente xógase con 9 birlos e na Torre de Vilamirón, xogan con 6 birlos, pero as mesmas normas sempre. Antigamente a persoa que facía os birlos e bólas, era o seu dono polo que para xogar había que pagar. Era coma un encargado de campo, que ía buscalos birlos e ocupábase de todo respecto ao xogo. Nas partidas antes facíanse apostas con cartos. Algúns dos xogadores históricos do noso concello pola forma de xogar eran o Pedro de Castillón e Arturo de Ferreiroá.

Tamén, é importante saber que o noso concello é único en canto a normas de xogo. Así os últimos lugares en xogar de forma tradicional foron San Fiz de Cangas e o Castro de Ferreira. Que nós coñezamos, só en Ribadeo xogan parecido a nós e en Asturias teñen unha modalidade parecida, denominada, “Birlos vaqueiros”.

Tamén vemos que ao longo da recente historia da nosa liga, apreciamos un maior nivel de xogo, acompañado a súa vez de puntuacións máis altas. Estes feitos tamén poderían estar influenciados polo material, que mellorou considerablemente.

92711824_3656209744450053_18284177731899

Un xogador a piques de tirar o bóla contra os birlos no lastrón.

SdP: Uns cantos datos técnicos do deporte:

De que madeira é a bóla? De mazaira, ao estar mollada aguanta moi ben os golpes.

E os birlos? De bidueiro.

Canto pesa a bóla? A grande 2,5 kg e a pequena 2 kg.

Onde se xogaba antes? Nun lastrón, pouco por riba do Calvario, pero ao asfaltar o camiño, asfaltárono tamén.

E actualmente? No campo de birlos “Suso Prado”.

Cando fan o sorteo? Na penúltima fin de semana de febreiro xunto cunha comida.

Canto dura a liga? De marzo a xullo.

Cando e cada canto xogan? Xógase os domingos e un xogador xoga cada 15 días.

 

SdP: Como naceu a actual Liga de Birlos de San Fiz de Cangas e San Xulián de Serode?

LdB: Foi por iniciativa de Suso Prado, que polas festas de San Fiz de Cangas, organizou un torneo, ao facer el mesmo uns birlos e bólas pra poder xogar. Este ano estaremos na 36º edición deste campionato. Logo disto, vimos que había moita xente interesada e involucrada, e decidimos facer unha liga. E así levamos co noso torneo dende o 2007, coa 14º Liga.

 

SdP: Sabemos que teñen un blog onde informan de tódalas novas sobre a liga, que poden dicir sobre el?

LdB: O blog comezou á par que a liga, aló polo 2007. Nel poñemos toda a información sobre a competición, os grupos dos sorteos, as clasificacións, os resultados de cada xornada, as imaxes e vídeos das competicións e das nosas comidas. É un medio moi cómodo pra saber da liga, ten moitas visitas, actualmente preto de 60.000. Xente de todo o mundo o mira, incluso temos noticias de que dende Arxentina.

92639823_3656251617779199_72285770059633

Imaxe do público asistente ás partidas.

SdP: Que torneos teñen a día de hoxe?

LdB: Temos unha liga regular, campión da embirla e unha supercopa, cos 16 mellores da liga. A final desta, celébrase o día do Cristo, cando celebramos o “Memorial Suso Prado”.

Mesmo tivemos campionato xuvenil, outro con maiores de 65 anos e organizamos un feminino.

 

SdP: Tiveron algún contacto con outros clubes de birlos ou mesmo coa Federación Galega de Birlos?

LdB: A verdade, é que si. Xa fomos xogar á Pontenova, no norte de Lugo, alí xogamos cas súas normas e eles a súa vez viñeron competir aquí cas nosas directrices. Tamén iamos ir a Vigo xogar, pero finalmente por diversas circunstancias non puidemos acudir.

Xa tivemos contactos coa Federación Galega, onde nos propuxeron federarnos e xogar no seu campionato. Non aceptamos pola gran unión que temos aquí e polo feito que cando xogáramos fóra, teríamos que adoptar as normas da Federación. Aínda que logo ao xogar na casa, sería coas nosas normas. Ademais só podíamos competir 12 e naquel entón eramos 30. Era unha desvantaxe pro resto.

 

SdP: Teñen ou tiveron algún apoio por parte das institucións?

LdB: A maioría das cousas que precisamos facer, argallámolas nós mesmos. Así cada participante paga 30€ para as comidas e os custos. O único apoio que tivemos foi por parte da área de deportes da Deputación de Lugo, pra facer o valado de madeira ao redor do campo. Logo temos a empresa viguesa, Distribucións Irago, que nos dan os trofeos e as equipacións.

93175522_3656274711110223_64703206775460
93095056_3656275551110139_15976771105482

Imaxe dos trofeos da Liga de Birlos. 

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/opinion/20005-os-birlos-un-xogo-moi-arraigado-en-panton/

bottom of page