Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Arroteamento ilegal
Desta volta falamos na nosa entrevista con Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), sobre un arroteamento ilegal ao carón da igrexa de San Romao de Moreda, un claro ataque á nosa natureza.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!
Segredos de Pantón: Que ocorreu na parcela próxima á igrexa de San Romao de Moreda?
Sociedade Galega de Historia Natural: Houbo un cambio de uso de forestal a agrícola (viñedo) nunhas 10 ha na contorna da igrexa de San Romao de Moreda, concretamente na parcela 224, do polígono 36 do concello de Pantón, na que se talou unha ampla superficie de caducifolias autóctonas, incluidas abelairas centenarias.
Con data 14/04/2020 SGHN remitiu un escrito á D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático solicitándolle unha copia do expediente administrativo e da resolución autorizando o cambio de uso no caso de que houbera ou, no caso contrario, pedíaselle que informase de oficio ao órgano sustantivo (Consellería de Medio Rural) para que éste incoase o correspondente expediente sancionador no caso de que dito arroteamento non contase cos permisos ambientais preceptivos.
SdP: Este arroteamento foi permitido por Medio Rural? Cal foi a resposta da autoridade competente?
SGHN: O 22/04/2020 a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou á SGHN que no "Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos nos informan que non consta ningunha solicitude de cambio de uso de forestal a agrícola da parcela arriba mencionada" e que se "lle deu traslado de dita solicitude ao órgano competente para o seu coñecemento ao Servizo de Montes, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Rural". Transcorridos 4 meses, SGHN aínda non recibiu resposta da Consellería de Medio Rural pero, en calquera caso, a resposta da D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático deixa ben claro que non se solicitaran os permisos ambientais preceptivos.
Imaxe do presidente da SGHN, Serafín González.
SdP: Esta masa arbórea arroteada podería verse afectada dada a súa proximidad ao curso fluvial do río Carabelos integrado na Rede Natura 2000 ZEC?
SGHN: Un arroteamento destas dimensións na parte alta dunha ladeira sempre supón un risco para os ecosistemas fluviais próximos, neste caso o río Carabelos que é parte da Rede Natura 2000 ao estar incluido na ZEC ES1120016 Río Cabe
SdP: Nesta tala víronse afectadas abeleiras moi antigas. Cortas de árbores tan antigas están permitidas ou precisan dun permiso especial?
SGHN: Lamentablemente, a tala de abeleiras ou outras árbores moi antigas non está prohibida agás no caso de árbores senlleiras ou en espazos protexidos, ou coma neste caso no que era preceptivo un permiso xa que despois da tala o que se pretende é facer un cambio de uso de forestal a agrícola.
SdP: Este continuo arroteamento de bosques caducifolios, pon en perigo a propia existencia destes en Galicia?
SGHN: Sí, sen dúbida. Dende hai varios anos SGHN ten detectado que a meirande parte das solicitudes de arroteamento para cambio de uso afecta a bosques autóctonos, tanto caducifolios como perennifolios. A situación é moi preocupante, especialmente na provincia de Lugo, xa que en moitos casos quérense talar os poucos arboredos autóctonos que quedan (mesmo en terras marxinais dende un punto de vista agrícola), mentres na contorna inmediata proliferan as plantacións de especies exóticas (nomeadamente eucaliptos, pero tamén piñeiros de monterrei ou pseudotsugas) en terras que eran agrícolas ata hai ben pouco.
Unha serie de imaxes da área arroteada.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:
http://xornaldelemos.gal/opinion/23539-opinion-bosques-autoctonos-en-perigo/