top of page

Fogar do Pumar

Conversamos con Tania Arias Cancelinha, propietaria da vivenda de uso turístico "Fogar do Pumar", na parroquia de Tuiriz. Afondaremos no porque deste proxecto e as posibles consecuencias de aloxamentos así no rural.


Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que vós guste!!

Segredos de Pantón: Para comezar Tania, sabemos que vostede é historiadora, como foi que decidiu mudar este campo para adicarse ao do campo da hostelería?

Fogar do Pumar: O Fogar do Pumar forma parte do grupo de aloxamentos turísticos extrahoteleiros e polo tanto a principal actividade na que se inscribe é o Turismo. Como historiadora e arqueóloga unha das saídas profesionais que se nos presenta é neste sector. Dalgunha forma non me desvinculo da miña profesión senón que uso os meus coñecementos como historiadora en materia de Turismo.

Os viaxeiros e viaxeiras que se aloxen na nosa vivenda de uso turístico, reciben información da Ribeira Sacra desde o punto de vista do noso patrimonio material e inmaterial. Nós non ofertamos servizo de comidas, só aloxamento e información turística. Con este pequeno proxecto na miña aldea intento unir as miñas dúas paixóns, o patrimonio e a vida no rural.

54379888_2538435776227461_80339685045100

Tania Arias xunto ao Fugar do Pumar.

SdP: Na actualidade na Ribeira Sacra existe un gran mosaico de diferentes establecementos onde hospedarse. Cales pensa que son os aspectos diferenciadores do "Fogar do Pumar"?

FdP: Efectivamente existen varios tipos de aloxamentos na Ribeira Sacra, Fogar do Pumar é unha VUT (Vivenda de Uso Turístico). Esta categoría de aloxamento implica a primeira diferenza con respeto aos demais, aquí a recepcionista é a “anfitriona”, é dicir, a dona da casa (eu mesma) e recibo ós viaxeiros en persoa. O trato que reciben é directo, personal e familiar. Fáiselles entrega do que será a súa casa de vacacións, podendo coñecer a Ribeira Sacra desde unha aldea (Tuiriz) formando parte da veciñanza.

Daquí sacamos a segunda diferenza, o tipo de cliente que se hospeda no noso Fogar é moi consciente de onde se está aloxando e o por que. É un cliente respetuoso coa veciñanza e que decide viaxar e aloxarse nunha casa de aldea, onde sabe que a súa presenza contribuirá a un impacto positivo na comunidade local. A integración viaxeiro e veciñanza é clave, estamos comprometidos co concepto de Turismo Sostible e, polo tanto, non masificado.

Como terceira diferenza están os obxectivos do proxecto “Fogar do Pumar”. Non somos unha simple casiña para repouso, loitamos pola revitalización do rural dunha maneira sostible. Abrir as casas pechadas das aldeas e crear postos de traballo asociados á súa xestión.

Por último, dentro do grupo das propias VUT, Fogar do Pumar ten aspectos orixinais, tales como: a anfitriona ofrece información turística da zona aos viaxeiros e faino en varios idiomas si é preciso (inglés, portugués, mesmo alemán ou francés). Eu mesma valéndome da miña formación como historiadora e guía de turismo me dedico en pleno aos meus viaxeiros e viaxeiras. En breve tempo tamén ofreceremos actividades complementarias que realizar na nosa aldea aos nosos clientes.

SdP: A súa vivenda turística atópase nunha zona pouco coñecida. Que recursos lle recomendaría a unha persoa no entorno das parroquias de Tuiriz?

FdP: Os recursos turísticos están nas aldeas, polo tanto hai infinidade de opcións. Dentro da nosa aldea temos tres liñas a destacar. Dende o patrimonio histórico contamos cunha boa representación da arquitectura tradicional galega, cun conxunto de Casas Grandes ou señoriais do séculos XIX-XX, un Pazo do século XVII ,unha Reitoral do 1890, dúas Igrexas do s.XVI en honra a Santa Baia e Santa María e unha capela do s.XVII en honra á virxe do Carme. Así mesmo, contamos con fontes tradicionais, lavadoiros antigos comunais, escolas da etapa da dictadura, etc.

A nivel natural e paisaxístico contamos cunha xoia de Monte Comunal de 500 hectáreas cunha autoxestión veciñal comuneira, onde se poden facer rutas a pé, en bici de montaña,a cabalo, etc. e poder ver os diferentes aproveitamentos que os comuneiros realizamos nel.

No que respecta ao patrimonio inmaterial, levamos a cabo a Festa da Malla tradicional no mes de Agosto, recordando os tempos da seitura do noso cereal estrela que foi o centeo. Nesta festa participan os veciños como actores e organizadores principais da mesma, pero é de asistencia e desfrute público.

Nas aldeas próximas a Tuiriz pódese ver: o Pazo de Tor, o Ecomuseo de Arxeriz, o Cabo do Mundo, a adega Abadía da Cova, a Praia Fluvial da Cova, a Fervenza de Augacaída, a igrexa románica de Seteventos, o Camiño de Inverno, etc. Un sin fín de lugares e actividades que visitar e realizar moi pegadiños a Tuiriz.

126860888_1008022309693401_3322324411910

Unha vaca pinta no xardín traseiro do aloxamento.

SdP: De onde provén o nome do seu establecemento?

FdP: Fogar do Pumar toma o nome do barrio de Tuiriz no cal se atopa: “O Pumar”. Pumar vén da palabra “Poma” en latín, que significa mazá. O Pumar é o lugar das mazairas, de feito inda hoxe en día conservamos nesa zona hortas e árbores froiteiras, tales como as mazairas, que coidan os veciños nas súas fincas particulares. A mazá é o símbolo da nosa vivenda.

“Fogar” porque estamos comprometidos co uso do galego a tódolos niveis. Gustábanos apartarnos dos míticos nomes de “Casa de ...”e apostamos por un “Fogar” que sempre sona máis noso, máis da terra, menos impersoal.

SdP: Para rematar de forma máis persoal. Que factores mira vostede cando elixe un establecemento para hospedarse cando viaxa?

FdP: Coma todo o mundo miro a calidade-prezo nun primeiro momento. Pero dependendo do lugar ao que vaia, sempre que existan aloxamentos na liña do Fogar do Pumar, que aposten polo campo e polo Turismo Sostible, van ter a miña preferencia.

A razón é que neste tipo de aloxamentos o diñeiro que pagas por aloxarte ten un fin enriquecedor para a comunidade e non só se destina ao lucro do anfitrión sen máis. Ti mesmo coa túa presencia axudas a fomentar actividade nas zonas máis abandonadas e despoboadas, aloxándote en vivendas dedicadas a turismo nas aldeas.

Tamén é fundamental que te aloxes nun lugar onde te reciba o dono ou anfitrión da casa, iso fai que o trato sexa moito máis cercano e cálido, totalmente diferente a cando te aloxas por exemplo nun hotel. Este tipo de aloxamentos fan que cando viaxas esteas coma na túa propia casa. Para min isto é fundamental.

Un mosaico de imaxes do interior da casa.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/opinion/9305-o-turismo-pode-axudar-a-abrir-as-casas-pechadas-das-aldeas-e-crear-postos-de-traballo-tania-arias/

bottom of page