top of page

Estudio Alboio

Desta volta falamos na nosa entrevista con Adriana Rodríguez e Claudia Ares, dúas arquitectas socias no Estudio Alboio.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!

Segredos de Pantón: Como foi que quixeron crear un estudio?

C. A- Alboio é un estudio que nace do interese común de diversos profesionais do sector polo mundo da arquitectura popular e a rehabilitación. A rehabilitación como premisa, é un campo complexo, no que se busca poñer en valor as calidades que un obxecto xa ten en por si e como este se adapta para o seu uso aos requirimentos modernos, xa non só normativos, senón de confort e modo de vida contemporáneo.

A. R.- A arquitectura popular é un tipo de construción moi eficaz, que necesariamente debe entender o lugar e saber adaptarse a el para gastar os menos recursos posibles.

En Alboio reivindicamos a arquitectura EFICAZ E PASIVA e de como a tecnoloxía pode achegar valor xerando espazos de gran calidade ambiental, adaptados aos usos e ás persoas.

A. R- Coñecémonos no Master de Rehabilitación Arquitectónica da ETSAC, onde nos demos conta de que somos perfís moi parecidos. Nunca coincidiramos ata o MURA, e ambas temos unha maneira similar de afrontar os proxectos e de ver a arquitectura. Temos formación en Italia, Claudia Ares traballou en Roma e eu estudei en Ferrara no Norte de Italia, alí empezámonos a interesar polas técnicas de conservación patrimonial, e de como a arquitectura propia representa a nosa sociedade e cultura, é dicir, a nosa identidade.

C.A-Este brote do que partimos, a rehabilitación, non é excluínte e simplemente expresa a nosa visión ou o noso punto de partida á hora de enfocar os proxectos e ofrecer solucións aos nosos clientes.

SdP: De onde vén o seu nome?

A. R- Esta pregunta fáinola moita xente, o cal nos gusta, porque é xerar interese e achegar valor dunha maneira ou outra, xa que reivindicamos a arquitectura vernácula galega.

C.A- Alboio é un alpendre, unha edificación de tradición popular que leva o funcionalismo e a simplicidade construtiva ao máximo nivel.

A. R- A arquitectura popular busca aproveitar ao máximo o que ten na súa contorna para xerar espazos funcionais e económicos, realizados cos medios que están máis a man.

C.A- Este emprego do inmediato xera unha arquitectura que se integra moi ben no lugar. Iso é un alboio e esas son as intencións que nós queremos reflectir nos nosos proxectos.

adriana color.jpg
claudia color.JPG

Unha imaxe de Adriana e Claudia, esquerda e dereita, arquitectas de Alboio.

SdP: En que traballos están especializadas?

C.A- A nosa primeira liña de traballo é a rehabilitación arquitectónica. Con todo, tamén realizamos proxectos de obra nova, realizamos ITEs (inspección técnica de edificios), licenzas de uso de actividade, estudos ambientais, levantamentos gráficos, informes urbanísticos, informes sobre patoloxías e diagnósticos.

Temos un servizo de consultoría, xa que os proxectos de arquitectura cada vez son máis complexos debido á numerosa documentación a realizar, por tanto o asesoramento resulta esencial. Damos apoio desde o normativo e asuntos legais ata a definición de materiais, desenvolvemento de sistemas construtivos, consultoría sobre eficiencia enerxética e arquitectura pasiva, etc. Finalmente tamén somos soporte doutros estudos de arquitectura realizando infografías e modelos BIM.

 

SdP: Onde teñen a oficina?

A.R- Actualmente non temos oficina presencial, estamos en proceso. Debido a esta situación excepcional somos nós as que nos trasladamos ata os nosos clientes, visitas a obra, etc. Polo momento, teletraballamos desde as nosas casas. Claudia Ares abarca os territorios de Ferrol e Santiago de Compostela e eu a Ribeira Sacra e A Coruña.

Sdp: Vemos que teñen dentro dos seus traballos unha reforma dunha casa de labranza en Deade. Como foi este proxecto e como ven as reformas do rural?

A. R.- Este proxecto tomámolo con moito agarimo, pero tamén, con moita frustración inicial, debido a que partiamos de “remendos” que se realizaron anteriormente por construtores e albaneis sen criterio algún. Isto é un problema bastante acentuado en xeral no rural. Xa que ao final o orzamento acábase incrementando máis do debido para obter un bo resultado (desfacer para executar correctamente). Os técnicos estamos para solucionar este tipo de problemas, para analizar a viabilidade económica e comprobar que se executa correctamente. Non obstante, poucas veces se recorre a eles.

Trátase dunha vivenda familiar, a cal está moi ligada á súa historia. Queriamos rehabilitar a estrutura, pero tamén darlle un novo valor, xa que a vivenda no seu estado actual apenas tiña luz nin ventilación natural, xa que a planta baixa foi un engadido para cortes.

pepitas.jpg
pepitas 2.JPG
pepitas 3.jpg

Imaxes d o seu traballo da "Casa das Pepitas" en Deade.

SdP: Foron das participantes a optar ao deseño da polémica Ponte da Malecón de Monforte de Lemos. Que idea plantexaban e que opinan a respecto da devandita problemática do Malecón?

A. R.- A verdade é que sendo da Ribeira Sacra sentía, senón a obriga, si o deber de participar e achegar unha proposta que non danase o Malecón, e sobre todo, que resolvese o cruce entre a Rúa Corredoira e Santa Clara. Un dos aspectos fundamentais que nos animou a participar foi a premisa de eliminar o tráfico rodado pola Ponte Romana, algo que consideramos esencial e urxente.

C.A.- Con todo, somos conscientes de que o lugar de implantación da nova ponte quizais non fose o mellor lugar. Todos estes problemas que están a xurdir, non existirían de existir un Plan Urbanístico, ou de realizarse consultas ou estudos urbanísticos sobre onde emprazar unha nova ponte.

A. R- As cidades tenden a xerar medidas eficientes e sostibles e Monforte ten a oportunidade de selo, peonalizando o centro aos poucos, xerando prazas e espazos verdes, optimizando as redes de abastecemento e infrastructuras urbanas, equipamentos integrados na rede de espazos verdes e prazas, a xestión sostible do tráfico urbano, contemplando darlle prioridade ao peón e á bici.

Pero como diciamos anteriormente, todos estes problemas poderían solucionarse a través dun Plan Urbanístico acorde ás necesidades actuais.

SdP: En parte coñecemos o seu estudio por un proxecto que deseñaron para o poboado da Chaira. Cóntennos algo sobre este traballo.

C.A- Unha de nós, Adriana Rodríguez é de Pantón. Utilizou este poboado como Traballo de Fin de Master de Rehabilitación Arquitectónica, co fin de que servise para unha futura rehabilitación.

A. R- Así é. Sempre me sentín moi ligada á miña terra, é como un imán. Vivín en Italia, Granada e en Coruña e sempre volvín. Preocúpame como evoluciona o territorio, a súa xente e o abandono do rural e intento a través do meu traballo e da miña formación profesional dar resposta a estes problemas. A Chaira é un poboado hidroeléctrico polo que sempre pasaba de pequena coa miña familia e onde sempre o meu avó (antigo electricista de Fenosa) me contaba historias sobre a creación dese poboado.

Contábame como sendo un poboado de posguerra, en comparación coas outras aldeas que subsistían da agricultura e da gandería e as vivendas era pura arquitectura vernácula, este poboado estaba dotado de todas as necesidades (piscina, maestra propia con aulas escolares, igrexa, economato, galiñeiros, casino, diferentes tipoloxías de vivendas, etc). Actualmente atópase nun estado de deterioración moi avanzada.

A miña proposta era realizar unha aldea que servise como equipamento asistencial ao rural actual. Vivendas colaborativas para persoas maiores, onde teñan todas as necesidades cubertas.

Este modelo adáptase moi ben ao poboado da Chaira e afástase das Residencias Hospitais que tantos problemas están a xerar actualmente co COVID-19. Permiten aos seus usuarios levar as súas propias pertenzas, os seus mobles, as súas mascotas de compañía, os seus signos de identidade como menciona Alison&Peter Smithson. Paréceme que se trata dun poboado cun gran potencial e éunha pena que non se trate de rehabilitar e achegarlle valor, tendo en conta' o que necesita a sociedade do concello.  

SdP: Despois dos traballos mencionados, que outros realizaron ou están a realizar?

C.A- Actualmente estamos a realizar proxectos de obra nova, de rehabilitación pero tamén de demolición. Estamos a dar apoio a distintos estudos de arquitectura no groso de documentación de proxecto.

Doutra banda Adriana Rodríguez atópase colaborando coa universidade, traballando sobre un prototipo asistencial para persoas maiores, así como realizando o seu doutoramento sobre estratexias arquitectónicas para o rural. Por suposto, e non por iso menos importante, estamos coa rehabilitación dun alboio orixinal na Coruña, que foi o brote inicial deste proxecto arquitectónico conxunto e o que lle dá nome ao estudio.

ames 3.jpg

Imaxe dun proxecto que realizaron para o concello de Ames.

SdP: Para rematala entrevista, unha pregunta sobre a nosa terra. Que edificio de Pantón lles gustaría reformar?

A. R.- Obviamente encantaríanos realizar a obra de rehabilitación do poboado da Chaira. Outros lugares marabillosos son a Igrexa e a contorna de San Fiz de Cangas, a casa xunto á igrexa de San Adrián en Vila do Mato e a súa antiga Hospedería, a ruína orixinal do balneario de Augas Santas ou acondicionar a estación de tren próxima á Chaira e os Silos. Poderíase facer un miradoiro ou arquitectura de menor escala marabillosa. Ocórrenseme moitísimos lugares marabillosos no concello de Pantón, xa que considero que ten un gran potencial e é unha pena que non se tomen medidas para melloralo, xerar identidade, xerar emprego e evitar que os mozos teñamos que marchar do fogar.

ames 2.jpg

Outra perspectiva do seu traballo para o concello coruñés de Ames.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/en-profundidade/28597-alboio-un-estudio-de-arquitectura-popular-que-mira-para-a-ribeira-sacra/

bottom of page