top of page

O Canto da Terra

Desta volta falamos na nosa entrevista con Laura Rainer, propietaria do establecemento de aloxamento rural, O Canto da Terra, situado na freguesía de San Martiño de Pantón.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!

Segredos de Pantón: Antes de comezar coa entrevista unha serie de preguntas para situarnos:

 

● Que era o seu establecemento antigamente? O noso establecemento antigamente eran varias casas de aldea, pertencentes ao núcleo rural de Follés.

● De cando data? A escritura máis antiga data de 1940 pero hai constancia verbal de que as construcións son anteriores.

● Cando se fixeron con el? Compramos a casa principal no ano 2005, o resto das propiedades fóronse adquirindo paulativamente en sucesivos anos.

● Canto tempo leva aberta a casa rural? Abrimos as nosas portas no ano 2011.

● Porque “O Canto da Terra” ? Na nosa primeira visita á Ribeira Sacra quedamos fascinados coa presenza e a forza que aquí ten a Natureza. Quixemos facer unha homenaxe a esta Terra e tentar transmitir aos nosos clientes a primeira emoción que sentimos á nosa chegada.

SdP: Como foi meterse a montar unha casa rural e como foron os comezos?

CdT: Nunca tivemos a intención orixinal de abrir un establecemento de turismo rural, foi o resultado dun proceso de anos nos que o proxecto foi evolucionando. Nun comezo o proxecto estivo enfocado en compartir experiencias con outras persoas: espirituais, de convivencia, de autogestión… Chegou un momento no que atopar unha fórmula economicamente sostible foi prioritario e aí foi cando atopamos unha oportunidade dentro do turismo rural. Agora tentamos facilitar aos nosos clientes todas aquelas experiencias que estaban na orixe do proxecto: o sobrecollemento que se experimenta ao contemplar as paisaxes da Ribeira Sacra, o silencio da noite chea de vida, os ritmos das estacións tan marcados como se viven no rural, a calidade do auténtico, a elaboración artesanal con produtos autóctonos, a sabedoría ancestral das aldeas, o coidado do próximo… Todos valores apreciados por calquera ser humano de calquera cultura, sexo e relixión, e que hoxe en día son escasos. E esa é a nosa misión: acoller ao cliente co maior confort, respecto e calidez humana posibles para facilitarlle a experiencia de mergullarse na maxia da Galicia interior. O Canto da Terra é froito do esforzo, colaboración e achegas de innumerables persoas entre as que se atopan familia, veciños, amigos, colaboradores, clientes e traballadores, sen os cales non sería o establecemento coa calidade e o recoñecemento que actualmente ten.

 

SdP: O proceso de restauración da casa como foi? Canto tempo lles levou ?

CdT: A restauración das edificacións realizouse en 3 etapas ben diferenciadas: unha primeira etapa na que se restaurou a edificación principal para habilitala como vivenda; outra segunda onde se adaptou ao novo uso e á normativa de aplicación en canto ao turismo rural; e unha terceira onde se ampliaron as instalacións. Todas elas dentro dunha pinza temporal de 7 anos. Para a súa rehabilitación seguíronse criterios de bioconstrucción, arquitectura bioclimática, ademais doutros como permacultura, xeobioloxía ou feng- shui. Traballouse localmente, tanto cos equipos humanos como cos materiais.

 

SdP: A día de hoxe como ven o “Canto da Terra” dentro do gran número de establecementos de turismo rural da Ribeira Sacra?

CdT: Cada establecemento ten o seu lugar e a súa achega. Ao ser un destino de calidade debe ser o noso obxectivo común e entre todos achegar diferenza, respectar a riqueza da nosa contorna e enfocarnos en preservala e defendela como a nosa identidade. Nese sentido os aloxamentos de turismo rural da Ribeira Sacra estamos conectados e traballando conxuntamente con outros sectores do turismo en grupos de traballo promovidos polo Consorcio de Turismo. Neste momento está a tecerse unha consciencia local colaborativa que creo que arroxará luz nos próximos anos na definición da Ribeira Sacra como destino turístico, especialmente se se aproba a candidatura de Patrimonio da Humanidade.

 

126269175_4695623760508641_7435346577645

Unha imaxe de Laura Rainer, propietaria do aloxamento na entrada do mesmo.

SdP: Ofrecen diferentes paquetes de aloxamento, un sinfín de actividades pero chamounos en especial o do “Rural Meeting”. Que é? Qué clientes teñen e son moitos?

CdT: O Rural Meeting foi un intento de abrir as nosas instalacións a grupos de traballo de calquera sector onde puidesen combinar traballo e lecer na marabillosa contorna na que nos atopamos, gozar das instalacións do balneario de Augas Santas e afondar no seu traballo coa axuda do Coaching con cabalos, servizo que ofrece CrinCoach en Monforte. Desgraciadamente coa actual pandemia foi o primeiro servizo que descartamos xa que non é posible o traballo en grupos.

SdP: Por último, como foi para vostedes o parón pola Covid-19 e a volta á actividade?

CdT: O parón foi e segue sendo brusco, é difícil adaptarse a iso. Aínda que é certo que o turismo rural tivo un bo verán, o outono practicamente rematou na ponte de Todos os Santos. O Canto da Terra ten a vantaxe de que dispón de distintos tipos de aloxamento na propia casa, co cal aínda que o aluguer por habitacións se paralizou, a demanda de apartamentos subiu. Doutra banda, o noso perfil de clientes tamén é diverso. Aloxamos tanto a turistas como a empresas ou profesionais e está a aparecer un novo perfil de cliente de longa estancia, que busca aloxamento mentres atopa unha opción de compra na zona ou mentres rehabilita a súa propiedade. O reto que nos propuxemos neste momento é chegar a profesionais que teletraballan e que desexen facelo durante unha tempada desde unha contorna máis amable e en contacto coa Natureza.

126209081_4695645907173093_6042862974319
126348243_4695640137173670_2817348347250

Unhas imaxes da casa rural no seu interior.

A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio:

http://xornaldelemos.gal/en-profundidade/25904-luisa-rainer-unha-forasteira-que-chegou-a-panton-abraiada-pola-presenza-e-forza-que-ten-aqui-a-natureza/

bottom of page