top of page

Técnico de Turismo

SdP: Hoxe falamos con Francisco Javier González Díaz, un dos técnicos de Cultura e Turismo do Concello de Pantón, onde abordaremos o turismo nas ribeiras e no noso concello. Afondando nas nosas fortalezas e debilidades.

Agradecemos un montón a súa participación e esperamos que sexa do voso agrado!

Segredos de Pantón: Que supón para Pantón o turismo?

Javier González Díaz: Turismo se definiu como un conxunto de actividades de negocios que directa ou indirectamente xeneran bens e servizos que soportan actividades de negocios, lecer, placer, motivos profesionais e outras vencelladas a persoas fora da súa residencia habitual.

Sempre falando dende a miña óptica persoal supón para Pantón, dende hai uns anos, un motor de desenrolo económico e social.

Non so é a riqueza que poda xerar en distintos ámbitos da vida económica se non tamén o que supón de contacto social que pouco a pouco vai transformando a vida das nosas xentes e as súa forma de pensar. Unhas veces para ben e outras para non tanto.

SdP: Ten o noso concello elementos especiais, destacables digamos, para ser un municipio activo turísticamente?

JGD: O potencial do noso concello está empezando a ser explotado e coñecido. En tódolos procesos de valorar elementos deste sector, os pasos deben de ser lentos pero seguros e ter en conta as características propias do medio en que se actúa.

A terra de Pantón en particular e a comarca en xeral, ten un potencial moi forte pero deberemos dosificar a posta en marcha de proxectos para que estes sexan rematados e aproveitados totalmente.

Non hai peor mal para estes temas que crear expectativas que logo non se cumpren.

Por outra banda deberíase de valorar todo aquelo que fose singular sen abandonar o común a outros concellos. O turismo deberá de ser un obxectivo a acadar en conxunto por toda a comarca destacando cada concello as súas peculiaridades.

SAM_3923.JPG

Imaxe da portada do mosteiro do Divino Salvador do Castro de Ferreira.

SdP: Pensa que a forma de aproveitar os nosos recursos turísticos é a adecuada?

JGD: Todo proceso é susceptible de mellora.

En concellos pequenos como o de Pantón, onde non se conta con técnicos nas distintas parcelas da vida municipal, moitas veces a forma de avanzar e a través do ensaio con acerto-erro.

Todos os comezos son difíciles e este concello non escapa desa dificultade.

Non é tanto, si son ou non axeitados, como ir estudando aqueles recursos máis aproveitables, acadables e rendibles e non sempre levan a velocidade que se desexa.

Exemplo: Fai dez anos unha visita guiada polo románico era impensable, unha estancia en casas de turismo rural ou no balneario era cousa de xente con poder adquisitivo alto; hoxe o cambio é moi evidente e como dicía anteriormente os pasos foron curtos pero firmes.

Os medios son limitados e as actuacións moitas.

SdP: Pensa que habería algunha outra forma de xerar os recursos turísticos que posúe o noso municipio?

JGD: Por suposto, o que se está a facer é so o comezo dun proxecto que levará moito tempo e que necesita a colaboración de todos. Veciños e institucións debemos ir da man.

Non podemos xerar dinámicas turísticas que logo choquen cun medio ambiente degradado, un feísmo abondoso ou falta de profesionalidade en algúns campos e por outra parte a administración deberá de dar o asesoramento e moitas veces axudar con medios para este cambio.

SAM_3814.JPG

Imaxe da igrexa románica de San Miguel de Eiré.

SdP: Dentro do plan turístico na Ribeira Sacra, Pantón resulta ben difundido e aproveitado ou resulta un municipio desaproveitado?

JGD: Deberíamos de definir a palabra desaproveitada e comparada con que ou quen.

Si falamos de todo o que está por facer, ben por falta de medios ou implicación privada, si está desaproveitado. Pero si o comparamos co turismo que había hai dez ano vemos que o aproveitamento de recursos foi importante e todo é parte dun proxecto que está suxeito a uns orzamentos que non sempre son os que se conseguen e a uns tempos de execución.

Pero quero incidir en que este plan turístico da Ribeira Sacra non é algo que dependa unicamente das institucións. Cada un de nós temos algo que dicir e facer. A implicación nosa como veciños é imprescindible. Cando sexamos capaces de querer e valorar o noso será cando de verdade comecemos a aproveitar os nosos puntos fortes no turismo e na cultura.

SdP: Despois de tanta pregunta formal, agora ven a informal. Pensa vostede que o turismo debería de verse dende a óptica de aportar á zona e que iso se reflicta na poboación, non só en mellorar as instalacións para os visitantes senón en mellorar o entorno globalmente?

JGD: Por suposto que debe mellorar a entorna.

Cando algo troca, para ben ou para mal, iso incide tanto nos usuarios (“turistas”), como en todos nós. Na mesma forma en que se pide colaboración das institucións é moi importante a colaboración da veciñanza como parte integrante do medio onde se dá a actuación. Como veciño podo facer moito para acadar obxectivos e co tempo recibirei tamén os beneficios de esa acción-reacción.

O turismo non debería ser unha parcela que se xestione mediante números, accións e resultados que se midan ou melloren nun despacho, ten que transcender ao medio sobre o que se está a traballar.

Estou convencido que os programas que se pretenden levar a cabo sempre teñen como obxectivo a mellora do ben ou medio sobre o que se actúa e en paralelo que repercuta de forma positiva na entorna, entendendo por tal xente e paisaxe.

Calquera actuación vai ser aproveitada pola persoa que nos visite, pero quen realmente se debera beneficiar e desfrutar a diario da mellora ten que ser o veciño que vive e participa da súa conservación.

SAM_3985.JPG

Imaxe da ponte ferroviaria da vila dos Peares.

bottom of page