Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Arribeirados
Desta volta falamos na nosa entrevista con Edi e Nando, da empresa de turismo "Arribeirados", da freguesía de San Romao de Acedre. Unha empresa de nova creación, cunhas ofertas moi interesantes.
Agradecemos un montón a súa colaboración neste espazo e esperamos que vós guste a entrevista!
Segredos de Pantón: Para comezar coa entrevista, cal é a súa unión persoal con este recuncho de Pantón que é a parroquia de Acedre?
Arribeirados: A vinculación de “Arribeirados” con Acedre é por parte de Edi, filla de Edi, natural de Acedre, e de Pedro, natural de Santiago de Compostela; neta de Áurea e de Antonio (Acedre – Sernande); bisneta de Balbina e de Antonio (O Cotillón – Acedre), e de Esperanza e Dositeo (Vila Fiz – Sernande).
Dende moi pequena, vivindo en Vigo, viñamos pasar as vacacións en Acedre. Desta época nace o meu amor pola miña terra. E dende hai case 30 anos, Nando e máis eu vimos moitas veces a pasar fins de semana e vacacións coa nosa familia de Sernande. E, como non puido ser doutra maneira, namorouse disto.
SdP: Como naceu este proxecto? Cales foron as súas motivacións?
ArB: Dende sempre, tivemos a inquedanza de buscar un recuncho. Pero non so queríamos desfrutar nós do que acababamos de atopar, senón que sentíamos a necesidade de amosar o que atopabamos aos demais, así xurdiron as nosas saídas, ben con amigos, ben con familiares, ben sos, para buscar, atopar e desfrutar da zona.
Un día que nos atopabamos na ponte de Belesar, chamounos unha curmá que vive en Mallorca, a cal estaba cun grupo de amigos facendo enoturismo pola Rioxa. Fixemos un vídeo do que estabamos a contemplar e a nosa curmá amosoullo aos seus compañeiros, quedaron abraiados e preguntaron se podiamos prepararlles unha viaxe para poder visitar a Ribeira Sacra.
Estivemos un ano preparando unha ruta de 4 días para un grupo enolóxico de 19 persoas.
Durante ese período coñecemos máis miradoiros, visitamos románico da man de “Máis que Románico”, fixemos todos os percorridos de catamarán, recorremos todas as estradas para comprobar que puidese circular un microbús de 22 prazas, fomos de restaurantes para probar os seus pratos e comprobar que as instalacións fosen as idóneas, visitamos os museos da zona, repetimos varias veces no Ecomuseo de Arxeriz. Foron 12 meses moi intensos.
A viaxe estaba programada para finais do mes de xuño do 2019, no mes de xaneiro presentamos a nosa proposta de ruta e esta foi aceptada.
Tivemos, porque nós tamén nos incluímos, unha experiencia de 4 días que foi impresionante. Quedaron marabillados coas paisaxes, as sendas, a auga, os viñedos, a comida...a cantidade da comida, e amosaron a súa compracencia por como discorrera a experiencia, o equilibrio acadado entre as experiencias que lles presentamos e non ter que preocuparse por nada.
Tras esta experiencia puidemos comprobar que a nosa necesidade de amosar o que amamos a todos era compatible con poder pensar que podiamos vivir dilo, pero para iso tiñamos que dar un paso adiante e crear unha axencia de viaxes.
Edi e Nando, compoñentes de Arribeirados.
SdP: Que vai atopar de diferente unha persoa contrata os seus servizos?
ArB: Todos os que somos daquí, sabemos que as distancias son curtas pero o tempo que leva percorrelas é longo. Os que veñen a coñecer a Ribeira Sacra, pensan que poden abarcar a Ribeira nun día…iso é imposible!.
O carácter diferenciador é: preparar paquetes con todo incluído: comida, transporte (con recollida e volta a calquera punto de Galicia), estadía con almorzo nos mellores hoteis da zona, visita con cata a adegas, visitas guiadas con profesionais do románico, paseo fluvial, miradoiros, estradas con encanto, rodeiros de sendeirismo, museos etnográficos, visitas a artesáns. Non van ter que preocuparse de nada, só de sentir e vivir a Ribeira Sacra.
Son experiencias personalizadas, preparadas para un grupo de persoas determinado, que o que busca é poder chegar a coñecer e comprender o que significa a Ribeira Sacra.
E sobretodo que sempre estarán acompañados por nós, xa que somos os seus anfitrións na Ribeira Sacra.
SdP: Que plans ou paquetes son os que máis venden a súa clientela?
ArB: Os máis demandados son os de 3 ou 4 días. Xa que a maioría da xente que acude a nós é xente de fóra de Galicia. Os que son de Galicia solicitan rutas para dous días.
Logo de "Arribeirados".
SdP: Sendo das ribeiras do Cabe, teñen algunhas rutas para amosar este río tan descoñecido?
ArB: A ruta que máis nos gusta para coñecer o Cabe é a baixada ao apeadeiro de Areas dende Acedre, é un percorrido de case 4 km de ida e volta.
Outro recorrido que nos gusta facer para ver o río Cabe, esta vez no coche, é baixar por Acedre, ata San Román e de alí ata o cemiterio para coller a man esquerda e ir ata a ponte de Areas. Cruzamos a vía do tren, con sentidiño, e subimos a Sober para buscar as vistas que podemos contemplar do Cabe dende o recén feito miradoiro da Pena do Conde ou da Barca, pobo onde o Cabe entrega as súas augas ao Sil.
SdP: Dentro do noso territorio que paraxes ou monumentos son os seus preferidos?
ArB: Do concello de Pantón é moi difícil poder cinguirnos a un so monumento ou a unha soa paraxe, pero destacaríamos:
Románico:
San Miguel de Eiré, igrexa románica do S. XII que nos encanta pola súa torre–campanario.
Non queremos deixar atrás, por motivos sentimentais e porque o merece: San Fiz de Cangas, pequena igrexa de finais do S. XII cun precioso e orixinal tímpano, uns canzorros moi fermosos e unhas licenzas do canteiro que non teñen desperdicio.
As paraxes:
Pena Pombeira asómbranos coa súa visión do río Sil, os barrios de Pombeiro e o cenobio de Santo Estevo de Ribas de Sil.
A senda da Fervenza de Augacaída, xa non sabemos cantas veces a fixemos.
Pero non todo son monumentos nin paisaxes, para nós o máis salientable da nosa terra son as xentes que a habitan que son quen de transmitir todo o amor e o respeto que teñen por esta terra…son un valor engadido.
Un grupo de turistas con Arribeirados na Adega Sernande.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: