Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
El Tallercillo del Bubaá.
Hoxe falamos con Jesús Benavides, almeriense afincado en Pantón e con alma de escultor. Tomando as súas verbas, ten a ben definirse a miña maior paixón é totalmente subxectiva, cando todo o meu razoamento o baseo sobre feitos obxectivos. Non se que sairá, pero faime máis feliz que un can con 2 rabos.
Grazas polo seu tempo e traballo!
- Como chega un cociñeiro almeriense a unha aldea de Pantón?
Circunstancias da vida. Un consello da miña neuróloga. Un paraíso. E agora unha paixón infinita.
- De que forma comeza a traballala madeira para facer esculturas? E que técnicas emprega para facelas?
Pois o primeiro é elixir o tronco, o que me chame. Logo, cun cigarro doulle voltas, obsérvoo, pregúntolle, charlo con el ou ela. Chegamos a un acordo e fágoo inmortal.
A técnica é tan sinxela como divertida. Xogar coa motoserra coma se fose un pincel. E co tronco coma se fose un lenzo en 3 dimensións.
Quitarlle o que lle sobra e acabar dándolle o detalle a man, sempre. A máquina axúdame, non me fai o traballo. As miñas mans corrobórano .
Fotografía de Guillermo Sotelo.
Jesús traballando nunha das súas creacións.
- As súas esculturas toman tanto formas da natureza, coma de películas de culto ou de seres extraplanetarios. De onde toma a súa inspiración? E xa ten vendido algún dos seus traballos?
A inspiración é caprichosa. Ás veces é pueril e quero facer un monstro de Tasmania. Ás veces tórnase melancólica e todo se volve retorto. Ás veces permítome un freestyle e fago un predator. A cuestión é xogar. Son un neno duro.
Algunha peza vendín, aínda que realmente non é a miña prioridade (segundo a miña muller debería selo) peeero, é a miña terapia, é a miña enfermidade e só eu sei e podo xestionalo. Con todo son realista, non levo nin un ano facendo isto e fago o que fago, necesito tempo, e présa que non teño....a ecuación dá o resultado que eu quero. A putada é cando che rouban o teu traballo. Iso é duro.
- Por un cartel que hai na súa aldea, Cangas, sabemos que houbo un incidente coa Deputación de Lugo. Que foi o que aconteceu?
Pois que esa mañá tocoume a min. Teñen grandes ideas para o pobo como poñernos fibra óptica....infinitamente máis importante que ter rede de sumidoiros pública que non temos, por exemplo. E ben, pouco máis. Péchanme unha porta, pois motosérroa e convértoa en arte.
Fotografías de Guillermo Sotelo.
Diferentes pezas elaboradas, un coñecido pirata de augas caribeñas e unha escultórica forma de gardalas botellas de viño.
- Ten obras súas por moitos lugares do concello. Onde as podemos ver e por que están neses lugares?
Gústame encher a miña aldea de arte. De cousas raras. De sorpresas nun camiño que nun principio se tornaba aburrido. Converter o meu pobo nun vértice de arte multidisciplinar, aproveitando a Ribeira Sacra e as habilidades dos meus veciños coas súas mans e diferentes materias e materiais. É o que máis me sorprendeu cando cheguei aquí. E creo que algo se me contaxiou.
Agora mesmo teño unhas esculturas en Cangas e o alcalde de Ferreira, Don José Luis, por mor do problema coa deputación, tivo a ben cederme un espazo. Deume a opción de elixir e elixín o merendeiro de Casebio. Desde Ferreira dirección Serode, Arribada, etc. A 300 metros estou a montar unha expo ao aire libre aproveitando a beleza da contorna.
Fotografía de Guillermo Sotelo.
O temible "Predator" de madeira pantonés.
- Ten en mente algún proxecto ou algo especial?
Teño un proxecto guapísimo, pero para todxs. Unha casa da arte. Un lugar onde collan todas as disciplinas. E poder vender os nosos produtos sen ter que depender de ninguén. E sobre todo, darlle vida a Ferreira. Posibilidades ten, agora hai que ver se sabemos aproveitalas. Moitas grazas polo apoio e pola axuda. Sodes xeniais.
Fotografía de Guillermo Sotelo.
Jesús falando das súas obras en Cangas no seu taller.
Resaltar que tódalas imaxes desta entrevista son obra de Guillermo Sotelo Fotografía (enlace á páxina web deste artista das fotografías), quen fixo un traballo incrible con Jesús Benavides.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: