Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
FeltDecor.
Hoxe neste espazo de conversas, temos o pracer de falar con Eva María Castillo Rodríguez, un catalana agora afincada no Castro de Ferreira ca súa familia. Así a nosa entrevistada de hoxe é unha artesá, realiza todo tipo de encargos relacionados cas decoracións con tea, así está especializada cas coroas. Mais fai de todo.
Isto e como comezou con isto verémolo hoxe, non a perdades e mil grazas a Eva por darnos un pouco de seu tempo e amosarnos a súa paixón!
Para comezar esta entrevista imos cunhas preguntas rápidas:
-
Dende cando desfruta coa costura?
Na miña casa sempre vin coser: miña nai bordaba na casa, miña tía cosía e miña avoa facía punto e ganchillo. Eu desde moi pequena miraba como facían e nas vacacións de verán sempre facía cousiñas de costura e punto.
Cando casei, o meu marido, tamén moi aficionado ás manualidades, apuntouse a u curso de patchwork (o único rapaz entre un monte de señoras!) e compramos unha supermáquina de coser. Pouco a pouco fun practicando con ela e aficionándome eu tamén á costura e ó patchwork.
-
Como é vivir da súa paixón? E dende cando o fai?
Cando as miñas fillas mellizas (as medianas de 4 fillos) fixeron o seu primeiro ano, fíxenlles unhas coroas de cumpleanos de feltro. As amigas empezaron a pedirme que lles fixera pra seus fillos e, mirando por internet, vin que había xente que as vendía e pensei: tal vez podería facer eu o mesmo e vender as miñas coroas por internet! E así empecei pouco a pouco, pero pronto comecei a ter moitos pedidos e tiña que repartir o tempo entre a miña paixón e o meu traballo normal, ademais da casa, os nenos... Cando nos trasladamos a vivir ao Castro de Ferreira desde unha aldea próxima a Barcelona foi cando comecei a dedicarme plenamente á costura.
-
Na súa casa arranxará toda a roupa non?
Si, moita roupa arránxoa eu, sobre todo os baixos dos pantalóns.
O fermoso logo de FeltDecor.
Coméntenos cales son os produtos que oferta aos seus clientes e destes os que máis saída teñen.
O noso produto estrela son as coroas de cumpleanos de personaxes de debuxos animados, que lle encantan a pais e nenos. Alén diso, tamén facemos camisetas de cumpleanos a xogo coas coroas, varitas e bandeiriñas, todos estes produtos personalizados co nome do neno/a.
Tamén preparamos decoracións de Nadal, sobre todo teñen moita saída as estrelas de tela co nome de cada persoa.
O seu taller de confección elabora sobre todo elementos de decoracións. Tivo algunha vez algún encargo fóra disto? Plantexouse ampliar máis a súa gama de produtos?
Si, tamén me teñen pedido detalles para bautizos e comunións, bolsos, babeiros e detalles para bebés... E, a verdade, cando me xorde un encargo fóra das coroas, desfruto moito facéndoo. Encantaríame ir ampliando a nosa gama de produtos. A verdade é que na miña cabeza hai un monte de proxectos novos, pero fáltame tempo pra levalos a cabo.
Sabemos que nestes tempos os suministros ou escasean ou son máis caros. Vostede onde consegue o seu material e como está a ser para vostede este 2022?
Cando vivía en Barcelona fai un ano, tiña alí as tendas de telas e materiais que me ofrecían moi bos produtos e a baixo prezo. Ó trasladarnos a Galicia pouco a pouco fomos encontrando tendas onde atopar as nosas materias primas, inda que algunhas conseguímolas a través de internet, pois é máis difícil encontralas en tendas físicas.
Unha imaxe de Eva, unha artesá 100% artista.
Se un cliente quixera mercar algún dos seus produtos como podería facelo e onde pode velos?
Os nosos produtos pódense comprar a través de Amazon Handmade (somos FeltDecor) e a través de Etsy (FeltDecorHandmade).
Para ver os nosos produtos e novidades poden visitar a nosa páxina de Instagram e Facebook (FeltDecor). Alí poden pórse en contacto directo con nós mediante mensaxe, onde podemos conversar para personalizar o produto ó gusto do cliente.
Por último sabemos que vostede e a súa familia se mudou de Cataluña a Galicia, como foi o cambio? E como é iso de vivir nun concello rural galego?
A familia do meu home vive en Monforte de Lemos, inda que el naceu en Barcelona. Pola contra, eu nunca tiña estado en Galicia. A primeira vez que me trouxo o meu “daquelas” mozo, quedei namorada desta terra, das súas paisaxes, a súa xente, a súa gastronomía... Casamos aquí en Galicia e xa queriamos quedar a vivir aquí, pero resultábanos moi complicado polos traballos, a familia, etc. Pero a idea sempre estivo aí.
Despois de 17 anos casados e 4 fillos, cansos da vida en Cataluña por distintos motivos, decidimos dar esta paso, inda que nos levou moito tempo tomar a decisión. Pero foi unha das mellores cousas que fixemos na vida, en ningún momento nos arrepentimos do cambio, todo o contrario. Por que non o fariamos antes! É un luxo pra nós vivir nunha vila pequena como é Castro de Ferreira, onde atopamos todos os servicios que necesitamos mentres temos a tranquilidade dun lugar pequeno, cuns veciños excepcionais e a dous pasos da fermosa cidade de Monforte.
Unhas imaxes dos traballos que realiza esta artista.