Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
José Antonio Nóvoa
Hoxe imos desfrutar conversar con José Antonio Nóvoa Fernández, avogado pantonés que ten un despacho na cidade das Burgas. Así falaremos de como comezou neste mundo, do seu traballo e da avogacía en xeral.
Primeiro de todo, unha serie de preguntas para coñecelo un chisco máis:
Cando soupo que quería adicarse ao mundo da avogacía?
No bacharelato, non antes. Ademais de Pantón, medrei na tras-estación do barrio da Ponte de Ourense. A Ponte é un barrio maioritariamente obreiro que xirou sempre ao redor da estación de tren, de multitude de negocios e pequenas empresas comerciais e da escola universitaria de Maxisterio. Máis alá dos valores recibidos na casa, este ambiente pontino fíxome ter unha gran sensibilidade social, ter unha visión moi concreta do que é o estado e os servizos públicos, así como á vez sentirme atraído polo mundo da empresa. A avogacía pareceume que era a mellor maneira de canalizar estas inquedanzas e aportar algo ao mundo que me rodea. Para min foi unha elección bastante natural.
Onde estudou a carreira de dereito?
Estudei Dereito na Facultade de Ourense e un ano na Universidade LUMSA de Roma, considerada unha das cinco mellores escolas de Dereito de Italia, onde me deron clase incluso xuíces do Tribunal Supremo Italiano. Posteriormente, fixen o Máster de Avogacía e preparei o exame para colexiarme en Ourense.
Con que desfruta máis no seu ámbito profesional?
Para min o momento máis agradable da profesión (ademáis de cando unha sentencia che dá a razón) é cando alguén ven ao despacho cun problema, indefenso e sen saber a que se enfronta, e despois de despachar con el/ela, ver que lle deches a certeza de saber cal é a súa problemática, como enfrontala e de facerlle ver cómo de grave é o problema. Darlle esa certeza ó cliente é para min dos momentos máis agradables da profesión.
Recoméndenos unha película ou serie que reflexe ben aos avogados e o seu traballo.
O clásico por antonomasia e imprescindible de películas de avogados é To Kill a Mockingbird (Robert Mulligan, 1962). Pero os meus fetiches, aos que sempre retorno son, aínda que cinematográficamente son tirando a malas, El Caso Almería (Pedro Costa, 1984) e a primeira tempada da serie Turno de Oficio (Antonio Mercero, 1986).
No seu día a día cales son os traballos que máis realiza? Algunha anécdota na súa labor.
O meu día a día é estudar, estudar e estudar. A avogacía obriga a botar centos de horas sentado no despacho, e na casa, diante da pantalla preparando os casos e os xuízos. Certo é que tamén hai a parte dos propios xuízos no Xulgado, de pasar consulta, de formación no Colexio de Avogacía... pero as horas de despacho non chas quita ninguén e son a base da profesión.
Respecto a anécdotas, sentíndoo moito, nunca comento ningún feito relacionado cos clientes nin co traballo. Dice o proverbio: un bo avogado e un bo amante teñen que destacar pola súa discreción.
Unha imaxe de José Antonio no seu despacho.
Na actualidade sabemos que traballa nun bufete onde é un dos socios do mesmo. Como foi a súa traxectoria profesional? E como vai iso dos socios nos gabinetes de avogados?
O meu primeiro contacto real coa profesión ven da man das prácticas do Máster, que me permitiron facer unha breve pasantía no despacho do avogado don Alfredo Bermúdez, ao que lle estou eternamente agradecido polo trato recibido e pola formación exemplar que me deu, tanto dende o punto de vista xurídico coma deontolóxico. Posteriormente, según me colexiei, entrei a formar parte do despacho de don José L. Mondelo, a quen lle estou tamén moi agradecido e onde aprendín todo o que sei sobre Dereito da Construción. Unha vez que se xubilou, xunto co outro compañeiro que tamén formaba parte do mesmo, formamos o despacho que temos agora.
Respecto a como vai o tema dos socios, igual que noutra profesión calquera. No noso caso somos dous profesionais que eliximos exercer a profesión complementando os nosos coñecementos e intelixencias e colaborando con profesionais externos, sempre que son necesarios para procedementos concretos (economistas, médicos de valoración de danos, psiquiatras, arquitectos, enxeñeiros, outros xuristas, etc.)
Hoxe en día semella que cada vez facemos máis uso dos avogados, e da xustiza en xeral, para solventar problemas de diversa índole. Pensa que isto é así? E por que?
Sí que creo que é así e non é necesariamente malo. A realidade que vivimos cada día é máis complexa, o noso estado de dereito (inda que as veces parece o contrario) é cada vez máis avanzado e os dereitos dos cidadáns son cada vez máis e son cada vez máis complexos. Ante estas novas realidades e novas complexidades, nacen novos conflitos e, por tanto, novas necesidades de aplicar o bisturí que é o dereito para darlles solución.
Cousa distinta é o que vemos moitas veces no mundo da política, o lawfare ou guerra xurídica, no que se emprega a Xustiza coma unha arma e non coma un contrapeso dos poderes do estado. Na provincia de Lugo e en Ourense cidade tivemos moito disto... pero iso xa daría para outra entrevista.
Unha fotografía do despacho onde traballa José Antonio Nóvoa.
Somos coñecedores de que en Pantón oferta asesoría xurídica aos veciños de balde. Como xurdiu isto e por que?
Non é exactamente así. Explícome: cando empecei a exercer como avogado, a resposta por parte dos veciños de Pantón foi excelente, e cando digo excelente, quero dicir excelente. A xente traíame auténticos pleitazos e eu dicíalles: “pero mira que levo unha semana colexiado, eu non che podo levar isto” e a resposta era sempre: “dame igual, isto levalo ti”. Esta confianza inicial foi un piar básico (e segue séndoo) para que me puidese dedicar a avogacía, e para min representa unha auténtica débeda moral con toda a xente.
E a miña maneira de compensar esa débeda moral, ademais de aportar algo por todo o que me leva dado Pantón, é que cando un veciño ten unha dúbida que poda resolver no momento, non cobrala. Cousa distinta é que se trate dunha dúbida que para respostala me leve todo o día comprobar documentación, ou que pola complexidade teña que mirar durante horas precedentes xudiciais, etc. Pero por regra xeral, o tempo presencial que paso con un veciño/a non o acostumo a cobrar nunca.
Ademais, para non facer baixar a xente ó despacho a Ourense, só para os veciños de Pantón, sempre ofrezo consulta a domicilio sen coste. Ademais de coñecer lugares do noso concello nos que nunca estivera, lévame a situacións curiosas, como un día estar traballando nunha notaría do barrio de Salamanca de Madrid e ó día seguinte estar pasando consulta ó calor dunha cociña de leña bilbaína nunha das nosas parroquias.
Se algunha persoa quixera contactar con vostede para contratar os seus servizos, como debería facer e onde acudiría? Ten algún medio por onde informarse dos servizos que oferta?
Nós só atendemos de maneira presencial solicitando telefónicamente cita previa no 988 98 97 68, pero para os veciños de Pantón o meu teléfono móbil está sempre a disposición: 660 210 146.
Respecto aos nosos servizos, temos páxina de Facebook, que nos serve coma escaparate (José Antonio Nóvoa Abogados & Asociados), e na nosa páxina web (www.novoayasociados.com) temos un elenco da multitude de servicios xurídicos que ofertamos, así como os datos para localizar o noso despacho que está na Rúa do Progreso nº 143, fronte ao Pazo de Xustiza.