Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
O Nadal en Pantón
Noiteboa
Na noite do 24 de decembro, en moitas aldeas de Pantón acostumaban festexar a "Noite dos Cancelos" ou "Noite das Trangalladas". Así nesta noite ían roubar carros, arados, cancelos, cubas de viño ou burros. Tamén facían falcatruadas coma quitar a roupa dos tendedeiros ou atrancar os camiños con troncos.
A maioría das cousas roubadas levábanas ao carón da igrexa da parroquia, como facían en Eiré. En Santa María de Ferreira de Pantón colgaban as cousas de cordas na ponte no río Ferreira.
En Vilar de Ortelle tiñan a tradición de ir, coma noutras parroquias, tocalas campás á medianoite. Mesmo nunha Noiteboa, foron tocalas campás e viron unha muller vestida de branco e baixar e estar no lugar de Outeiro foi todo un.
Preguntade ás vosas avoas, avós, tías, tíos, nais ou pais sobre estas tradicións tan nosas!!
Unha imaxe da igrexa de Santiago de Vilar de Ortelle.
Tizón de Nadal
En Pantón aínda fai uns anos facíase o "Tizón de Nadal", un cepo grande xeralmente de carballo que se puña na lareira na Noiteboa a arder ata o Aninovo; algunhas veces con oliveiras e loureiro bendito.
Un tizón na cheminea no Nadal.
Meigas no Nadal
Antigamente pensábase que as meigas o 31 de decembro se metían nas casas a bañarse nas olas con leite, que estaban nas cociñas para sacarlles a manteiga. Para evitar isto, puñan unha toalla ben atada e por riba desta unha medalla, rosario, estampa ou calquer elemento relixioso para espantalas.
Polo día de San Silvestre, 31 de decembro, contaban que no lugar dos Cancelos ao carón de San Romao, na freguesía de Santiago de Vilar de Ortelle, xuntábanse as meigas para dispoñer tódalas tarefas para o ano entrante.
Con todo isto: "En decembro, meigas fóra" e mesmo outro refrán case igual dicía " Por San Silvestre, meigas fóra".
Un camiño misterioso en Pantón.
Noitevella
Na noite do 31 de decembro, noutras parroquias, celebraban a "Noite dos Cancelos" ou "Noite das Trangalladas" neste día, como acontecía en Eiré.
Así unha vez na Noite dos Cancelos, foron roubar un carro a Pedragude e os donos do mesmo estaban na casa. Ás rodas do carro puxéranlle uns fíos de electricidade e cando un dos que foran roubalo carro botou as mans, electrocutouse. E os da casa sairon pola fiestra a rirse del.
Canto de Reises
Esta tradición consiste en ir cantar diferentes paxoliñas ou cantos de Reises polas aldeas. Esta tradición realizábase na Noite de Reis do 5 ao 6, pero antigamente comezaba o 24 de decembro ata o 6 de xaneiro.
Mesmo nas casas os máis cativos cantábanllos aos seus familiares e dábanlles cartos ou o tradicional aguinaldo.
Así para que lles deran algo a cambio cantaban diferentes cantigas coma as seguintes:
"O señor Antonio
moi ben lle queda o sombreiro;
mete a mau no bolsillo,
tíranos un peso inteiro."
"A señora Encarnación
é pequena e ben feita;
hanos da-lo aguinaldo
coa súa man direita."
"Ó señor César
moi ben lle queda a chaqueta;
mete a mau no bolsillo,
tíranos unha peseta."
O aguinaldo podía ser: touciño, chourizo, latas de sardiñas, parte de atrás do dente, castañas ou o que tiveran.
Se non querían darlles nada, cantábanlle o seguinte:
"Cantámosche os reises guedellos de cabra;
cantámosche os reises non nos deches nada;
Cantámosche os reises do quiquiriquí;
como non nos deches nada cagámosche eiquí"
A parte de facerlles falcatruadas como: cambiar de sitio as galiñas, abrirlle aos animais, quitarlles os cancelos ou, se era un familiar, roubarlle algún chourizo.
Mesmo en aldeas coma Bazal despois de ir pedilo aguinaldo, xuntábanse todos nunha adega a tomalo conseguido e comíano acompañado de viño fervido con azucre e unto. Esta tradición segue a celebrarse.
No que respecta aos Cantos de Reises, o colectivo Lucecús e Cadela Asesina teñen organizado foliadas para revivir esta tradición e que non quede no esquecemento.
Unha foliada polos Cantos de Reises na Cantina de Serode.
O cartaz duns cantos de Reises organizado polas Lucecús.
Comida no Nadal
Nestas datas uns dos pratos máis consumidos era o bacallau; o coñecido e famoso prato de bacallau con coliflor. Así este alimento aparece nas coplas de reises, ao ser coma falamos un prato típico destas datas. Aquí un exemplo:
"Dianolo aguinaldo
inda que sea pouco:
un bo bacalao
e máis a mitá doutro."
Outro alimento tradicional nesta época son os figos secos, o postre por antonomasia por estas datas.
Así no Torrón, na parroquia de San Vicenzo de Pombeiro, estaba a tenda da Concepción, quen polo Nadal daba figos secos e uvas pasas.
Bibliografía
Lendas e tradicións da Ribeira Sacra Vilar de Ortelle Os Estraloxos.