Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Noite das Ánimas
Tradicións.
Noite dos Cancelos.
Na parroquia de Ribeiras de Miño, en diferenza co resto de freguesías do concello de Pantón, a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro ten o nome da "Noite de Cancelos", e festéxase nesta data a costume de roubar por unha noite: burros, arados, carros ou cancelos dos veciños para colocalos na igrexa de Ribeiras de Miño. Ao día seguinte ao ser a misa de Tódolos Santos a xente podía recuperar os seus obxectos roubados.
Esta mesma tradición atopámola en Irlanda onde recibe o nome de "Gatelifting Night" traducido ao galego sería "a noite de levar as cancelas". Este costume tanto en Ribeiras de Miño coma en Irlanda, sería para despistar os demos que que andan soltos nesa noite e evitar que fagan dano á xente viva.
Magosto.
Na maioría das parroqias os magostos realizábase a comezos de novembro, así era moi habitual facelo o día de Tódolos Santos ou días próximos. Ao final eran momentos de xuntanza, ao vir familiares doutros lugares a visitalos seus mortos ao cemiterio.
Unha imaxe da igrexa de Santiago de Vilar de Ortelle.
Novena de Ánimas.
Celebrábase a comezos deste mes dos Santos. Facíase de mañá cedo, aínda sendo noite, por isto facían fogueiras ao haber moitas veces xeadas. Acudía ao acto tanta xente coma se fora unha misa de domingo e viñan dende Santa Mariña e Nadal á novena.
Seres escuros e mitolóxicos.
Sempre que estamos en torno ao 31 de outubro ou ao 1 de novembro, pensamos en seres coma os zombis ou os vampiros . Pero nós temos un rico imaxinario popular cun montón de seres arrepientes.
Quitasangues ou Quitapés.
En moitas aldeas de Pantón, contan a existencia dun ser do máis aló que aparece ao anoitecer ou cando non hai ninguén nas aldeas e no monte. Son unhas persoas misteriosas que veñen a quitala sangue aos pequenos e noutros lugares tamén comentaban que quitaban os pés. A súa descrición son de estranas criaturas enormes que son negras coma as escuras noites de inverno onde a néboa todo o invade.
O demo.
Moitas veces cando sucedían estranos sucesos botábanlle a culpa ao diaño ou a un mal de ollo. Pero en moitos lugares tíñanse visto seres vestidos de branco vagar pola noite polos vieiros das aldeas. Non eran poucos os homes e mulleres que afirmaban ter visto ao demo. Na aldea de Marce, a día de hoxe hai un carreiro onde a xente recea andar por aló de noite...
Trasnos.
Estes seres travesos poden coller diversas apariencias e acostuman gastar bromas simpáticas que non acostuman ser con mala intención. Poden adquirir formas de animais coma dun raposo. A continuación relataremos unha historia dun señor que tivo un encontro cun trasno:
"Viña de andar de troula da Cova, serían as dúas da mañá e facía un luar que se vía coma de día. Ao pasar Ribeiras de Miño, púxose diante miña un raposo, que viña a saltos facéndome a mofa. Eu traía un balouco (caxato) aínda grande e corría tras del pero o demo do raposo daba un salto e diante de min outra vez. Pero eu xa comecei a desconfiar de se non sería un trasno en forma de animal. Así que decidín non perseguilo máis. Púxenme a rezalo noso Pai e non me digas por que esvaeceuse e non o volvín ver."
Meigas.
No noso concello non son poucos os lugares famoso polas bruxas, coma son Trasulfe, Toldaos ou Següín. En case tódalas aldeas se buscamos sempre houbo algunha muller que dicían ou que era meiga ou que tiña algunha relación co diaño. Mais nunca puideron amosalo. Estas bruxas facían moitas cousas:
- Podían mover de lugar á xente, así aconteceulle a un veciñ que estaba no fiadeiro en Tribás e rematou a 4 quilómetros ou a outro veciño de Marce un caso similar.
- Puñan tolo ao gando, morrían, non camiñaban, comezaban a comportarse coma tolos ou mesmo subían polas paredes.
- Facían que a xente perdera o seu camiño, así un día uns veciños de Toldaos por tirarlles unhas pedras aos cans dunha bruxa andiveron toda a noite perdido polo monte camiñando en círculos.
Moitos eran as cousas que podían facer pero ante todo, tende coidado ao andar de noite e ver ao lonxe un baile de luces, iso diravos que aló andan as meigas.
Mapa de lendas e historias.
Para amosar tódolos lugares con lendas e historias sobre diaños, Santa Compaña, meigas, pantasmas ou mesmo posesións.
No enlace debaixo do mapa podedes visualizalo, ir pinchando nos iconos e ver as historias e lendas. Non dubidedes en contarnos algunha lenda que coñezades!!
Unha imaxe do mapa das lendas cos iconos.
Enlace do mapa:
https://www.google.es/maps/@42.4960061,-7.7804004,12z/data=!3m1!4b1!4m2!6m1!1s1JiTSTdVtqYPYEg9KvipJa5ub5AK608m2?hl=es&authuser=0
Bibliografía.
Lendas e tradicións da Ribeira Sacra Vilar de Ortelle Os Estraloxos.