Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Pantón Rural.
Hoxe imos falar con Marcos García Varela, impulsor da iniciativa de "Pantón Rural", unha empresa que aglutina dous xogos de caza do tesouro ao aire libre en San Martiño de Pantón, 1 xogo de escape para agasallar e 2 aloxamentos turísticos.
Deixámosvos con esta interesante entrevista, agradecemos un montón a Marcos, o seu tempo, o seu traballo e tamén que puideramos ter desfrutado deste proxecto.
Desfrutádea!
Para comezar Marcos, contamos algo máis sobre "El Secreto del monje" co que todo comezou.
É un actividade diferente que ofertamos para tentar pasar un anaco divertido e ameno, xa que procuramos facer unha mistura entre un escape room e unha caza do tesouro, tentando así coller un pouco de cada un deles.
A acción do xogo desenvólvese no exterior, nuns viñedos que son da nosa propiedade. Deste xeito, imos encamiñándonos entre as cepas coas pistas que o eremita nos deixou. As devanditas pistas farannos descubrir unhas palabras chave que nos facilitarán o paso polos cofres que hai neste xogo e que nos levarán ó premio final.
De premio final teremos unha recompensa, iso si, antes teremos que resolvelo todo. De ser así tomaremos unha copa dos nosos mellores caldos. Todo isto coas vistas da nosa comarca, onde veremos a nosa parroquia San Martiño de Pantón, ata Monforte de Lemos e ao lonxe as montañas do Courel.
Unha imaxe de Marcos e Reda con varias das esculturas que teñen no seu xogo.
Como foi que tivo a idea de montar esta actividade na súa viña?
A verdade é que foi porque un día fun facer os escapes rooms da "Casa dos Muros", que por certo están moi, moi logrados. Dende ese momento comecei a ter a mosca detrás da orella de facer algo semellante. Mais foi un día a pasear pola miña viña cando pensei en facelo aló entre os acios.
Todo isto non tería sido posible sen a inestimable axuda da miña muller, Reda, a quen lle estou eternamente agradecido. Así puxémonos mans á obra e non paramos ata dar coa forma de facer un xogo de escape ao noso xeito. E o traballo e o tempo tiveron o seu resultado con "El secreto del monje".
Puidemos desfrutalo e foi moi divertido. Polo de agora como está respondendo a xente?
O certo é que a acollida foi unha sorpresa para nós. Como esta modalidade de escape room-caza de tesouro é algo novidoso, non pensamos que ía ser tan ben aceptada entre o público, pero a xente sorprendeunos moi gratamente.
Dentro dos nosos visitantes tivemos xogadores de todas as idades. Lembramos dúas parellas duns 70 anos que, a verdade, desfrutaron coma nenos pequenos, foi un placer para nós ver o ben que o pasaron e ver o que conseguimos co noso xogo. Tamén temos xente máis nova. Temos moitos grupos de rapazada de entre 12-15 anos que collen como reto facelo noso xogo. Iso si, para os menores de idade temos un mosto feito por nós mesmos, para cando rematan a actividade con éxito.
Mesmo gran parte das persoas que veñen ata aquí a pasar o tempo e desfrutar coa nosa actividade, nos animan a facer outra sala de escape.
Unha imaxe da web empregada para poder xogar.
Polo que sabemos, o seu primeiro xogo tivo tan boa aceptación que montou "El secreto de la abadesa" e outro ben diferente "Los enigmas del monje".
Dado que "El secreto del monje" tivo tan boa acollida moitas veces moitas persoas quedaban sen poder xogar ou tiñan que agardar moito tempo, foi o que nós fixo plantexarnos facer un novo xogo.
Deste xeito "El secreto de la abadesa" conta parte da historia da abadesa do mosteiro do Divino Salvador de Ferreira, este está ambientado parte nun viñedo e noutra parte nunha devesa. As persoas que participen desfrutarán, se resolven os acertixos claro está, dunha botella de viño branco e as fermosas vistas dende un columpio.
O último xogo que sacamos que é así un pouco diferente é "Los enigmas del monje". Onde nunha caixa con cadeados, enigmas e moitas preguntas poñemos a proba o coñecemento da xente sobre a coñecida "Ribeira Sacra". Desta forma damos a coñecer a súa xeografía, monumentos e historia:
Unha idea orixinal e diferente para agasallar pra aniversarios ou para calquer ocasión que se preste.
Imaxe da caixa de enigmas pra agasallar, "Los enigmas del monje".
Alén destes entretido xogos, ten unha vivenda de uso turístico. Cóntenos un pouco destoutra actividade.
O certo é que montar esta iniciativa empresarial xurdiu a posteriori de reformar as vivendas. Nese momento saiu a idea de adicalas pra un desfrute turístico. Cabe destacar que estamos moi satisfeitos coa clientela, a quen lle agradecemos novamente que nos escollan. Entre os nosos clientes temos unha gran diversidade, tanto temos parellas de idades bastante dispares como grupos de amigos que veñen a desfrutar das súas vacacións. Sen esquecermos que tamén somos escollidos por aquelas persoas que optan por facer turismo coas súas mascotas, un grupo en claro auxe.
Imaxes dos seus establecementos onde poder aloxarse.
Retomando a conversa e tendo en conta todo o que estivemos falando, cales serían para vostede as actividades básicas para facer en Pantón?
Para min as actividades que son imprescindibles en Pantón serían primeiro, como non, o noso xogo, pero non marcharía do noso concello sen facer unha ruta en lancha ou en 4x4 coa empresa de turismo activo "Turismo Pantón". Outra proposta orixinal e moi divertida serían os escape room de "Búscalo". Tamén dentro das ofertas que casan terra e turismo, recomendo a visita a calquera das adegas que temos no noso municipio, así pódese coñecer máis das nosas muras e da nosa historia vitivinícola.
Ademais, para desfrutarmos da nosa paisaxe e do noso entorno, sen dúbida sería recomendable ir aos miradores de Pena Pombeira e da Pena da Cruz. Por último, pero non menos importante, cabe destacar a importante mostra de románico que ten Pantón, algo diferente e auténtico.
Unha imaxe do banco que da a benvida aos participantes e as botellas de viño que de rematar con éxito o xogo catan as xogadoras.
Agradecemos un montón a súa vontade de participar nas nosas entrevistas e agardamos que o seu proxecto siga tendo o maior dos éxitos.
Aquí deixamos o enlace para poder desfrutar dos seus divertidos e enigmáticos xogos ou do seu establecemento.
Deixámosvos o enlace a súa páxina web onde poder reservar a estancia ou pra poder pasar un rato agradable xogando: https://pantonrural.com/