Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Patricia González.
Na entrevista de hoxe temos o pracer de falar coa nosa veciña Patricia González Vidal, Traballadora Social do Concello limítrofe de Sober, que ao longo dos dous últimos anos levou a cabo, xunto a súa compañeira Ana De La Torre Alvaredo, tamén con raíces en Pantón, varios proxectos relacionados coa igualdade de xénero, converténdose en dúas referentes nesta área.
-Para dar comezo, agradecerche Patricia que nos adiques este tempo para falares de ti e das túas inquietudes. Cóntanos, cal é o teu vínculo co término municipal de Pantón?
Moitas gracias a todas e a todos vós por contar conmigo. Faime moita ilusión poder compartir este ratiño con vós!
En relación o meu vínculo con Pantón, a miña familia paterna é natural deste municipio e eu nacín e crieime nun dos seus pobos, Deade. E a día de hoxe, continúo a vivir nel. É moi difícil separarse deste lugar.
-Cal foi a motivación que te impulsou a cursar os estudos de Traballo Social?
Non recordo ter unha motivación clara, pois escollín o grado con 17 anos e, con esa idade, aínda descoñecía moitas das miñas inquietudes e paixóns. Somos moi novas e novos para escoller o que, en principio, será a nosa profesión durante toda a vida. Pero, sen dúbida, motivábame o cambio, tornar a sociedade e convertela nun lugar máis xusto. Está claro que non fun nada mal encamiñada na miña elección.
- E tempo despois, finalizados ditos estudos, como é o teu día a día no mundo laboral?
Pois como xa dixéstedes, eu son Traballadora Social no Concello de Sober. A miña labor desenvólvese nos Servizos Sociais deste municipio, traballando cun amplio abanico de poboación e promovendo o cambio social que lles permita acceder a unha calidade de vida digna. É un traballo duro, pero moi reconfortante.
-Fálanos un pouco dos dous proxectos que levaches a cabo dende o Concello de Sober. Que aspectos positivos e negativos atopáches na súa execución?
O ano pasado creamos o proxecto "NOSOUTRAS", o cal narraba a historia, en formato papel e audivisual, de seis mulleres soberinas co fin de homenaxear a todo o xénero feminino e de visibilizar as conductas machistas que xerminan nas nosas vidas por o simple feito de ser mulleres. Este ano levamos a cabo o proxecto "INMARCESIBLES", unha exposición fotográfica sobre a beleza real feminina. Nela, mostramos mulleres e corpos reais, querendo loitar contra un canon de beleza que nos dirixe a querer encaixar nel, perxudicándonos física e mentalmente. Esta exposición é itinerante, expúxose e continua a amosarse en todos aqueles concellos e institucións que así o desexaron e cos cales estamos moi agradecidas.
A verdade é que ambos os dous tiveron moi boa acollida, incluso, nos permitiron realizar charlas en diferentes centros educativos e este último, tamén, na prisión de Pereiro de Aguiar. Aprendimos moito deles como traballadoras sociais e, sobre todo, como mulleres.
Como aspecto negativo non destacaría nada, a verdade. Creo que todo paso cara adiante, aínda que sexa pequeno, é bo.
Unha imaxe de Patricia cunha das campañas que desenvolveu.
-En que perfís cres que calou máis as ideas de ambos proxectos?A verdade e que, en ambos, a acollida foi moi boa, habendo persoas de todas as idades e de ambos sexos. A retroalimentación que se fixo con cada unha delas foi moi enriquecedora, pois fumos conscientes de que foi algo que removeu e que invitou a reflexión e, sen dúbida, esa foi sempre a nosa intención.Pero con INMARCESIBLES e coas charlas que executamos en torno a el, quixemos adicarnos, especialmente, a xuventude. Somos conscientes de que o canon de beleza estalles afectando moito, feito que se agrava se se une o mal uso que se está a facer das redes sociais. Queremos que sexan conscientes da presión social que existe en torno o corpo feminino e que adquiran habilidades para evitar que isto as e os condicione.
- Cóntanos quen foron os teus referentes femininos, tanto no ámbito profesional como persoal.Tiven a sorte de atoparme con mulleres marabillosas ó longo da miña vida, empapándome moito de cada unha delas.
No ámbito profesional, estou eternamente agradecida a unha das miñas profesoras do grado de Traballo Social, Malena de Jesús. Foi a miña tutora do TFG e foi ela quen despertou en min as ganas de querer loitar a favor da igualdade de xénero.No ámbito persoal diríache que cada unha das mulleres que están ao meu carón me ensinan algo e, eu, aprendo moito delas. Pero, sen dúbida, o meu gran referente feminino é a miña nai. As ganas de loita que mostra no seu día a día para que as súas e os seus estemos ben son fonte de admiración, inspiración e motivación. E máis, observando o gran amor co que o fai.
-En segredos de Pantón, estamos a elaborar un proxecto onde cobra importancia a figura da muller de antano, do século XIX e XX, e cun claro obxetivo de que non se esqueza a situación de desventaxa que viviu a muller e que segue a vivir. Para elo, invitamos a que nos narren historias femininas de mulleres pantonesas. Que che parece a nosa intención?
Noraboa por a idea, pareceme marabillosa e animo as veciñas e os veciños a poñer o seu gran de area. A igualdade é unha loita conxunta e temos que remar todos na mesma dirección, axudándonos a non retroceder nin a caer se a auga está brava, e estao.
-En relación con el, relátanos ti algún feito familiar feminino que nos sirva de inspiración.
A miña familia materna é moi amplia e, na súa maioría, somos mulleres. Así pois, a miña avoa e o meu avó tiveron sete fillas e dous fillos. Adicábanse ó mundo agrario e viviron nun momento histórico que lles fixo pasar diversas dificultades e nunha época, certamente, machista, cuxa condición de mulleres poñía en dúbida a súa valía. Sen sabelo, demostraron todo o contrario, rompendo cos prexuízos.E con respecto a miña familia paterna, natural de Pantón, reservoa para contárvolo no voso proxecto, como o resto de veciñas e veciños ja ja ja (ri).
Patricia con outra das campañas que levou adiante.
-Gustaríache levar a cabo algún proxecto no concello onde naciches, coas e cos habitantes de Pantón?Con Inmarcesibles tiven a sorte de poder amosar o proxecto en moitos concellos da nosa comunidade e, incluso, fóra dela. Pantón foi un deles e, sen dúbida, xunto a Sober, o que mais ilusión me fixo.Non se trata de dende onde traballas, senón cara onde o fas. É unha loita conxunta, polo que sempre vou estar a crear e a participar en proxectos cun fin común para toda a sociedade.-Consideras que aínda queda moito por recorrer no camiño da igualdade?Creo que foron moitos os cambios que se produciron nos últimos anos. De feito, un exemplo moi ilustrativo observámolo nos medios de comunicación, cando vemos unha serie ou unha película de fai anos onde se amosan aspectos que en calqueira audivisual actual non terían cabida. Pero nesta mesma vía, continuamos a ver, de forma habitual, noticias de asasinatos por violencia de xénero, sendo esta a cara máis escura do patriarcado. Continua a pasar porque as mulleres seguimos a estar nunha situación de desventaxa. Temos moito camiño que facer, moito que berrar e hai que aproveitar todas as oportunidades para facelo e, senón, saír a buscalas.
-Para finalizar, Patricia, recoméndanos un libro de temática feminista, que cale nos lectores.
Tendo en conta que continuo a traballar co proxecto de INMARCESIBLES e impartindo charlas educativas sobre a beleza real e a importancia da aceptación, recoméndovos "Bellas para morir. Estereoripos de género y violencia estética contra las mujeres" de Esther Pineda.
Moitas grazas de novo Patricia, por adicarnos parte do teu tempo, esperamos poder contar contigo nun futuro non moi lonxano.