Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Semana Santa.
Nesta época festiva de celebracións rememoraremos tódalas tradicións celebradas nestas datas e os diferentes días festivos. Así repasaremos os seguintes puntos:
Datas sinaladas da Semana Santa:
- Domingo de Paixón.
- Domingo de Ramos.
- Xoves Santo.
- Venres Santo.
- Sábado Santo.
- Domingo de Pascua.
- Luns de Pascua.
Tradicións neste tempo:
- Confrarías.
- Ovos de Pascua.
- Decoración de igrexas.
Domingo de Paixón.
Este día é o domingo anterior ao de Ramos, nesta festividade tiñan por costume cubrilos Santos e Virxes con panos de cor morada.
Domingo de Ramos.
Esta data é o comezo oficial da Semana Santa. Neste día antigamente nadie faltaba á misa, a xente nova competía por ver quen levaba o ramo máis grande e fermoso de loureiro.
Despois con ese loureiro bendecido a xente acostumaba a repartilo polas leiras do pan ou mesmo facían unha cruz con el para poñelo na porta da entrada das casas.
Campanario da igrexa de Santo André de Següín.
Xoves Santo.
Esta data é un dos días de maior afluencia á igrexa de Semana Santa. así neste día tiñan por costume xuntar a cera das candeas deste día e co día da Candeloria e daba unha candea á cal tiña uns poderes especiais.
Venres Santo.
Esta data xunto ao Xoves Santo era un dos dous días con maior afluencia de xente á misa.
Sábado Santo.
Neste día a xente non acostumaba ir á misa, mais normalmente sempre ía unha persoa da famila á misa e coller auga bendita.
Torre do templo románico de San Miguel de Eiré.
Domingo de Pascua.
Os lugares onde máis sona tiña era na parroquia de San Romao de Moreda e na aldea ribeirá de San Cosmede.
San Cosmede
A festa máis grande desta aldea era o domingo de Pascua.
Viña xente dende Lornís, Pombeiro e e Os Peares. O cura que oficiaba a misa, viña dende Pombeiro e cruzaba a San Cosmede en barca.
Da capela sacaban as imaxes en procesión, ata onde comeza a baixar cara a aldea, ao volver ían por detrás da capela. Ao chegar á entrada celebrábase unha poxa para ver quen metía ao Santo dentro.
Por esta data comían sopa e carne, normalmente año e carne asada. Así dicían que non chegaban 3 becerros pra alimentar a toda a xente que acudía á festa. Logo remataban o xantar con licor café e roscón. A sobremesa era moi longa, así sentábanse ás 14h e ata á noite non levantaban.
San Romao de Moreda
A festa celébrase o domingo de Pascua. Este evento trae consigo unha serie de tradicións. Pode dicirse que toda festa conta con tres elementos principais: os oficios relixiosos, a romaría e a comida que cada casa ofrece aos seus convidados.
Nacín na década dos oitenta e nunca acordei romaría ningunha, mais os rituais de preparación do día grande perduran na miña memoria dende a infancia. Lembro os preparativos na igrexa, cando a miña nai e o resto de veciñas, a Marta, a Loli, a Fina, a Marina…, se reunían para limpar a igrexa, lavar os manteis do altar e colocar as mellores galas. Lembro tamén que a tarde do sábado se xuntaban para preparar os doces. ¡Nunca esquecerei o brazo de gitano da Chelo! O Cesar do Cuco tamén recorda que na súa época, súa nai, a Vitoria, e o resto de veciñas se reunían no forno da casa do Pepe de Salcedo para preparar os doces. Un dos doces máis típicos e que miña bisavoa Inés preparaba tódolos anos é a tarta de amendoas. O ritual era o de ir mercar a amendoa á tenda do Picante e as obleas ao convento das Bernardas en Ferreira. ¡Comer os recortes das obleas tamén era un pracer!
A misa que cada semana se celebraba ás dez da mañá, pasaba no día grande ás doce ou unha do mediodía, por aquilo de darlle maior relevancia.
Como vos digo, nunca asistín a romaría ningunha na miña parroquia, pero podo relatarvos moitas historias sucedidas nela grazas á maxia dos contos que viven no limbo do tempo e na memoria dos veciños e veciñas.
O Julián da casa do Cuco era o ramista “oficial” da parroquia. A súa labor era a de recadar os cartos para contratar aos músicos. Encargábase tamén de tirar o folión, que segundo recorda miña avoa Elisa tiraba dende Outeiro. O Suso tamén recorda que un ano, cando transportaba os foguetes, estoupáronlle todos xuntos. Contrataba aos músicos, que tocaban nos oficios relixiosos e no baile posterior, que se facía no campo de Paderne. Algún ano que o tempo non acompañaba e o campo estaba enlamado, os pais da Carmen, tal e como ela recorda, abrían o portalón da súa casa para celebralo alí.
A tocar viña moitas veces a banda de música de Sober. Cada casa acollía a un dos músicos para darlle o xantar. E o Julián dáballe a cada veciño que acollía a un músico un foguete para tirar.
O luns tamén había romaría e á semana seguinte, o domingo posterior ao domingo de Pascua, celebrábase a Pascuilla e outra vez a comer e troulear.
O texto respecto o domingo de Pascua, foi escrito por Elena dos Santos.
Capela de San Cosmede.
Luns de Pascua.
En San Romao de Moreda o luns de Pascua celebraban un baile, no patio do Priorado, e misa no templo da freguesía. Mais todo cambiaría a partires de 1899, por un desafortunado incidente.
Incidente de 1899
Segundo a crónica do 6 de abril de 1899 do xornal "El Regional":
"Na tarde do luns ocurriu en Pantón un lamentable conflicto.
Celebrábase unha romaría na parroquia de San Romao de Moreda e reclamada polo alcalde, asistía a ela a forza da Garda Civíl do posto de Pantón para mantela orde. Mandaba a forza o cabo Domingo Fernández y Fernández.
A consecuencia de iniciarse un bailde no patio da casa do cura , contravindo isto un bando do alcalde, a Garda Civíl ordenou que cesase o baile en semellante lugar, ao cal opuxéronse os asistentes á romaría, dando lugar ao conflicto da úa actitude, pois pronto víronse agredidos os gardas cunha verdadeira choiva de cantazos, non faltando tampouco disparos de armas de lume saíndo de entre os protestantes.
A forza tivo que replegarse ao portal do patio, ante tan violenta acometida, pero todo foi foi en vano.
Da pelexa sairon varios damnificados. O garda de 2º grao Vicente Bacerra feriuse dunha bala na cabeza e ao home Esteban García Ulloa mancáronlle o brazo dun brazo.<
Para tentar atemorizar aos agresores a Garda Civíl fixo dúas descargas ao aire. Todo inútil, a loite son se interrumpía e esta revistiu tales proporcións que a Garda Civíl aínda que dun modo moi lento e disparando só nos momentos indispensables tivo que seguir a disparar durante hora e media.
Resultou ferido na batalla o paisano José Arias González, un dos promovedores do motín segundo afirmaban os asistentes."
Tralo incidente varios dos asistentes tiveron que ir ata Lugo a declarar polo suceso.
Despois de todo isto o lugar da festa comezou a ser no campo de Paderne.
Confrarías.
Neste partado faremos un pequeno repaso por dúas das únicas cofradías que temos constancia en Pantón.
Vilar de Ortelle
En 1685 D. Alonso González de Otero, restaurador da igrexa de Vilar de Ortelle e da capela de Marce. Funda neste ano a cofradía do Santísimo Rosario. Para esta fundación veu un monxe dominico dende a Coruña, que redactou a acta de constitución. A maiores foron socios fundadores da cofradía o párroco D. Luis Castelo e o licenciado D. Pedro Guedella, da casa de Amboade.
Bazal
Nesta aldea no ano de de 1707 fundouse a Cofradía da Visitación, para o coidado da ermida de Santa Isabel e honrar aos defuntos.
Igrexa e cruceiro de Santiago de Vilar de Ortelle.
Ovos de Pascua
Aínda que hoxe en día comamos en Pascua ovos de chocolate, antigamente había outra tradición.
Tíñase por costume ir bendecilas casas co sacristán, e a este dábanlle ovos ao sacristán ou incluso un cuarto de real.
Así esta tradición rematou entorno a comezos do século XX en Pantón.
Igrexa de San Vicente de Castillón.
Decoración das igrexas.
Nestas datas de Semana Santa antigamente acostumaban decoralos templos para tódala serie de actos litúrxicos que ían desenvolverse neles. Deste xeito lembran como en San Xulián de Eiré ían ata a veciña parroquia de San Vicente de Castillón na procura de flores de camelias para empregalas na decoración da igrexa. Así contan coma os pétalos rosas destas plantas eran extendidos por todo o chan do recinto relixioso.
Imaxe dunha flor de camelia.