Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Talleres Vitor Lopes
Hoxe imos conversar con Vitor Lopes, quen o pasado 2021 abriu o seu establecemento de reparación de coches e demáis vehículos motorizados. Este é o segundo establecemento deste tipo no noso concello. Agardamos que vos guste esta entrevista e agradecemos un montón a súa disposición e o seu traballo!
Que é co que máis desfruta do mundo dos vehículos?
Co que máis gozo desta paixón, pois como din por aí andarlle nas tripas. Pero tanto dá que sexa un tractor, como un coche, como unha rozadora, todo o que teña motor apaixóname
- Coche favorito?
Como todo na vida os nosos pensamentos e gustos cambian co tempo. A verdade é que sempre me gustou moito o Citröen Xsara pero a día de hoxe decántome polo Golf 6.
- Andar polo monte co coche ou por estradas con curvas?
A verdade polo monte a bicicleta, co coche por estrada con curvas e rectas. Pero sempre con certa moderación que non están as cousas hoxe en día para andar malgastando gasoil.
- Cal é a súa formación?
Despois da ESO, fixen electromecánica de vehículos aparte de trece anos na mesma empresa de
mecánica de coches, tractores e apeiros, cos seus respectivos cursos nestes anos para seguir
avanzando.
A fachada exterior deste novo taller.
- Sabemos que deu comezo a este taller localizado no Castro de Ferreira en novembro de 2021, como foi que decidiu montalo?
Pois decidín facer un pequeno estudo de mercado de talleres na zona, tanto no Saviñao coma en Pantón e decateime que Pantón non tiña practicamente ningún servicio relacionado coa mecánica agrícola e un só taller de mecánica de coches. Entón mirando o volume de coches e tractores na zona de Pantón e falando con amigos e coñecidos, pareceume unha boa iniciativa montar una empresa de mecánica agrícola e de automóbiles ́.Foi un proxecto longo e duradeiro, de moita obra, permisos etc.nAcondicionar unha nave destinada a carpintería e pasala a un taller mecánico, todo un reto. Pasamos moitas horas e días derrubando medios tabiques, descombrando e sobre todo limpando, imaxinade o pó acumulado na nave nuns 40 anos . Tívose que facer falso teito, toda a instalación nova de electricidade, sanear paredes e chans, dar escaiola a todo o interior e logo pintar todo, foron moitos días de traballo.
- Dende que deu comezo a súa iniciativa empresarial como a valora? Como foi a resposta da xente?
Pois valorar, valóroa moi positiva, nestes meses a carteira de clientes non parou de subir e estou moi contento coa resposta da xente e sobre todo moi agradecido.
Unha fotografía de Vitor pillado in fraganti mentres traballaba.
- Cales son os arranxos que máis realiza no seu día a día? E cos que máis desfruta?
Facer fanse avarías de todo tipo, non hai ningunha en especial porque aínda que pareza mentira cada coche é un pequeno mundo. No tempo que levo aquí quizais: embragues, freos, cambios de aceite e filtros, tanto de coches como de tractores. E tamén moito cambio de neumático. Engadir que nestes meses téñenme pasado moitas cousas que non contaba con elas , das que quedas sorpendido e ao mesmo tempo pégache a risa. Por destacar algunha, un día aparecéronme cunha amasadora de cemento e tívena que arranxar. O máis gracioso de todo é que outro cliente (moi bo cliente por certo) apareceume cun sacacorchos o que lle tiña moito cariño e non quedou outra máis que arranxalo.
- Se unha persoa non coñecera o seu taller mecánico, que arranxos pode ofrecerlle?
Podemos ofrecerlle en coches: arranxos de todo tipo, mecánica en xeral, cambios de aceite e filtros, diagnose, pre-ITV, alumeado e sinalización, sistemas de control (suspensión, dirección e freos), sistemas de trasmisión (embrague, caixa de cambios e distribución) , baterías , alternadores, un pouco de todo. En tractores tamén arranxos en xeral, tanto destes coma de todo tipo de maquinaria agrícola. Sen esquecer que arranxamos desbrozadoras, motoserras, todo o relacionado co día a día no campo.
Unhas instantáneas do taller mecánico.
- Por último , onde estades situados e cal é o voso horario? E algo a maiores para dicirlle á potencial clientela.
Estamos situados no Castro de Ferreira, na rúa alcalde Ramón Pardo Arias, número 14. O noso horario é de luns a venres de 09:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 e sábados de 10 a 13:30.
Á potencial clientela só lle podo dicir que aquí estamos para o que necesiten, que somos xente responsable e seria, valoramos moito as opcións para que o cliente saia satisfeito dentro dos parámetros de calidade e responsabilidade. Moitas veces cando chega un cliente ao taller podemos percibir o frustrado que ven e entendémolo, por iso miramos sempre cal é a solución que se encaixa mellor as suas necesidades, analizando a urxencia da situación. Penso que non me queda máis nada que dicir, só que temos uns prezos moderados, é costume nosa sempre ata non vir o cliente gardar todas as pezas sustituídas. E a mellor forma de comprobalo é vindo a talleres Vítor, aquí en Pantón e, se a situación o require, estamos equipados para arranxar tractores ou maquinaria na casa do cliente.
Imaxe do vehículo co que realizan os servizos a domicilio.