Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Teresa Lamela
Hoxe no noso espazo de entrevistas, falamos con Teresa Lamela, deseñadora e modista orixinaria da parroquia de San Vicente de Castillón, concretamente de Outeiriño. Teresa montou fai uns anos un taller de costura en Monforte de Lemos e especialízase en roupa medieval, aínda que fai traballos moi variados. Vamos coñecela un pouquiño máis.
Segredos de Pantón: Para comezar, gustaríanos que nos falase da súa infancia en Outeiriño e como acabou vivindo en Monforte de Lemos.
Teresa Lamela: A miña infancia en Outeiriño foi moi feliz. Non había nenos cerca pero aínda así nunca me aburría porque sempre había algo que facer. A min encantábame ir ca miña tía á horta, levar as vacas ao monte, facer a vendima, ver como se facía a malla, que me deixaran subir no carro...daquela as aldeas estaban cheas de vida e de actividade.
A razón pola que acabei vivindo en Monforte foi simplemente porque os meus pais viñeron vivir eiquí.
Segredos de Pantón: Gustaríalle volver á súa aldea natal algún día?
Teresa Lamela: Nunca deixei de ir pero agora mesmo non iría vivir alí porque co meu traballo non sería viable.
Segredos de Pantón: Falenos da súa formación en costura, é vostede autodidacta ou fixo algún estudo relacionado? Como comezou no mundo da costura?
Teresa Lamela: A costura interesoume dende pequena, xa daquela lles facía vestidos ás miñas bonecas. Con 20 anos decidinme a estudiar deseño de moda e corte e confección na escola Goymar na Coruña. Tiven unha tenda de vestidos de noiva durante uns anos e despois diso deixei de adicarme profesionalmente á costura ata que me decidín a retomalo hai 4 anos.
Segredos de Pantón: Cando e como se decidiu a montar un taller de costura?
Teresa Lamela: Hai 4 anos diso. Un día fixen un bolso pra min e á xente gustoulle, entón animáronme a adicarme a isto profesionalmente. Empecei facendo bolsos pero empezaron a facerme encargos de todo tipo, así que me decidín a montar un taller de costura.
Segredos de Pantón: Encontrou boa aceptación entre o público da contorna? Cales son os encargos máis habituais?
Teresa Lamela: A aceptación foi moi boa dende o primeiro momento. Os arranxos de roupa son con diferencia os encargos máis habituais pero tamén me encargan con bastante frecuencia disfraces pra o entroido ou traxes pra feiras medievais ou pra o Arde Lucus.
Segredos de Pantón: Poderíanos contar cal foi o encargo máis peculiar que recibiu?
Teresa Lamela: O encargo máis peculiar que recibín foi replicar o vestido dunha noiva e os das súas damas de honra pra unhas bonecas.
Segredos de Pantón: Vimos que confecciona traxes medievais, tanto para homes como para mulleres ou nenos. Cando se comezou a interesar pola vestimenta histórica? Realiza tamén traxes doutras épocas alén da Idade Media?
Teresa Lamela: A min sempre me encantou a vestimenta histórica, xa desde nena. Encántame non so a Idade Media senon todas as épocas históricas.
Confecciono traxes de calquera época histórica pero os que máis fago son de época medieval ou de época celto-galaica.
Segredos de Pantón: Vostede forma parte da asociación recreacionista Trebas Galaicas. Cree que sería bo que se creasen asociacións deste tipo na contorna?
Teresa Lamela: Si, sería moi bo, sobre todo de cara á feira medieval, xa que este tipo de asociacións incentivan a participación e implicación da xente neste tipo de eventos e ademáis axudan a coñecer a historia dun xeito lúdico e ameno.
Segredos de Pantón: Por último, como ve o futuro do deseño artesanal na nosa zona? Cre que comezamos a apreciar máis as pezas únicas feitas preto de nós?
Teresa Lamela: Penso que si, estase notando que cada vez a xente valora máis a artesanía e o comercio de proximidade pero aínda queda moito camiño que percorrer nese sentido.
A maiores de saír publicada nas nosas redes sociais a entrevista sae publicada no Xornal de Lemos, no seguinte enlace podedes acceder á entrevista na páxina web do medio: