top of page

Vendaval
Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra

Hoxe temos a sorte de poder falar con Tamara González, encargada da Dirección e programación do Vendaval, graduada en Comunicación Audiovisual na UPL pasando pola Escola Superior de Teatro e Cinema e pola Universidade Nova, ámbalas dúas en Lisboa.
 

Agradecemos moito o tempo que brindounos e todo o seu traballo, así que agora a desfrutar desta entrevista!

SdP: Pra comezar unha serie de preguntas rápidas:


- Cantas películas serán programadas?

 

Serán programados 17 filmes: 5 longametraxes e 12 curtas. En relación as longametraxes, temos dúas de ficción, dous documentais e unha película de animación, aínda que nesta edición os límites entre o documental e a ficción son moi tenues e tanto “Grand Tour” como “Deuses de Pedra” ou “À Procura da Estrela” transitan ente o documental e a ficción. Con respecto ás curtas, temos unha sesión de animación, outra que mistura filmes documentais e de ficción, e unha instalación que será visitable en A Casa da Memoria, o sábado e o domingo, das 12h ás 17h. 

 


- En cantos lugares levaredes a mostra?

 

Vamos proxectar en varios lugares da Ribeira Sacra. Empezamos en Sober, na Praza do Toural o mércoles dia 20, continuamos no concello de Sarria, no espazo de A Palleira o xoves 21, e o venres, o sábado e o domingo estaremos no concello de Bóveda, principalmente en A Casa da Memoria, aínda que o venres teremos unha sesión no Centro Sociocultural de Bóveda, ás 16h30.


- Algunha actividade fóra da proxección dos filmes?

 

Sí! Moitas! Temos outras actividades en A Casa da Memoria desde o venres ata o domingo:  observación das estrelas con Francisco J. Garcia o venres 21 á medianoite, e o sábado 23 e o domingo 24 temos sempre: pola mañá, Yoga con Patricia Castro e dúas conversas con convidados relacionados con os filmes (o sábado entre Rita Maia e Meduza e o domingo entre o crítico galego Martin Pawley e o actor e realizador portugués Miguel Nunes),  e, á tarde,  dous obradoiros infantís, con eRibeira e Micaela Iglesia.

 

Pero tamén temos música,  no fin de semana ás 13h en A Casa da Memoria. O sábado temos un Dj Set con Rita Maia, a realizadora de un dos filmes que proxectamos o ano pasado, “Batida de Lisboa”, que este ano tocará música angolana relacionada co filme “Nayola” e colaborará coa rapeira Meduza, a actriz que dá voz a unha das personaxes de Nayola e que tamén estará presenta na proxección desta película para responder ás preguntas do público.

Despois, o domingo, teremos a banda Colmeia, un colectivo de Coimbra que pretende preservar a cultura popular portuguesa a través da música, contribuíndo para a transmisión das memorias e vivencias do pobo, das súas voces e loitas até hoxe e que mistura o folklore popular portugués con outras influencias.


- Son dobradas as películas?

Non, un dos obxetivos do Vendaval é divulgar a lingua portuguesa, lingua irmá do galego. Por iso, e porque defendemos o cinema en versión orixinal, todos os filmes son na versión na que foran rodados pero con subtítulos ao castelán ou ao galego.

 

- Como seleccionades as películas?

 

Todas as edicións teñen un tema definido a partir do cal buscamos filmes actuais ou mais antigos. A primeira edición foi sobre memoria histórica aproveitando que en 2024 se cumpriron 50 anos da revolución dos caraveis. Este ano, o punto de partida foi o recoñecemento que o director portugués Miguel Gomes tivo en Cannes co filme Grand Tour, que foi a primeira vez que un realizador portugués recibiu o premio ao melhor realizador, para traer este filme e outros que exploran distancias através de viaxes.

Damos sempre especial destaque a coproduccións entre Portugal e Galicia, unha tendencia que non para de medrar.

 

SdP: Despois de coñercermos a vosa mostra de cinema, contádenos como naceu?

 

VMCP: O Vendaval naceu do desexo de achegar o cinema portugués a Galicia, xa que a pesar de estar moi próximos xeográficamente, non se coñece moito do cinema que se fai en Portugal, e é moi interesante. Tamén naceu por unha cuestión persoal: vivo en Lisboa desde 2012 onde traballo no sector audiovisual e son de Pantón… Cando coñecín a Patricia e a Julio de A Casa da Memoria pareceume que era o momento de iniciar esta proposta.

 


SdP: Resúltavos complicado convidar a realizadores ou actores portugueses? Ou  están encantadas?


VMCP: No xeral gústalle moito vir, pero o complicado son os transportes desde Lisboa ou desde o Porto, para os que non teñen coche particular. A falta de conexión en transporte público cara o interior de Galicia dificulta algo as cousas.

 

SdP: Como foi a edición do ano pasado? Algo que vós marcou?
 

VMCP: Foi moi ilusionante. A pesar de ser unha primeira edición feita con poucos apoios, cremos que tivemos unha acollida bastante boa e quedamos con moitas ganas de repetir, non só no verán, senón tamén durante o curso escolar, cando hai menos programación cultural na zona. O ano pasado fixemos unha edición en primavera por varios lugares e coa participación de escolas e institutos e este ano repetiremos tamén en outuno, en Pantón e na Pobra do Brollón, e en primavera.

 

SdP: Como facedes para proxectar películas co tema dos dereitos de autor?
 

VMCP: Todos os filmes son solicitados ás empresas productoras ou distribuidoras dos mesmos aos que lles pagamos por facer unha ou duas proxeccións, pero tamén tivemos algunha vez filmes recibidos gratuitamente por realizadores ou realizadoras.

 

SdP:Que apoios institucionais tendes? Algún patrocinio?

 

VMCP: O Vendaval é posible grazas ao apoio financeiro da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, do Instituto Camões de Vigo e do Concello de Sober, pero tamén contamos con colaboracións co Concello de Bóveda, da Residencia Neuralmentalia de Bóveda, e de algunhas marcas como o Restaurante e Cerveceria Chamouco, Super Bock, Abadía da Cova, Alybex, Vending Lucus, e outros negocios da zona. Estamos moi agradecidas a todos polo seu apoio!

 

SdP: Como esperades que transcurra a edición deste ano?
 

VMCP: Esperamos chegar a máis persoas, xa que ampliamos a programación, e que veña mais xente a acampar ao espazo de A Casa da Memoria, de venres a domingo, para que sexa máis sinxelo desfrutar de tódalas  actividades. A acampada, así como todo o programa, é de balde, e temos bar e comida entre os eventos.

Esperamos tamén que amaine un pouco a calor para estar mais cómodas, aínda que xa estamos acondicionando o espazo de A Casa da Memoria para adaptarmos a estas temperaturas.
 

SdP: Pensades que en Galicia a xente coñece as películas feitas no veciño luso?

 

VMCP: No xeral non se coñece moito, algunhas pasan en festivais nas grandes cidades,  pero a maior parte delas non son moi coñecidas e non se proxectaron nunca nesta zona. Tamén contamos con filmes de realizadores galegos que foron filmados en Portugal e coproducidos con empresas portuguesas como “Noite sem Distância” de Lois Patiño,  Deuses de Pedra de Iván Castiñeiras Gallego ou À Procura da Estrela de Carlos Martiñez-Peñalver Mas.

 

SdP: Se tivérades que convencer a alguén para que asisitira á mostra que lle diríades?
 

VMCP: Que vai descubrir filmes moi interesantes e recoñecidos nos maiores festivais de cinema internacionais e que levaron moitos premios. Por poñer un exemplo, o mércores abrimos en Sober con unha sesión de curtas de animación (que será repetida o sábado en A Casa da Memoria) e na que contamos con varias curtas moi premiadas, entre elas “Ice Merchants”, de João Gonzalez, o primeiro realizador portugués nominado aos premios Óscar por este filme, e que vai estar presente na sesión para presentar o filme e responder ás preguntas do público.

Pero non vai ser só cinema, quen se achegue ao festival vai coñecer realizadores galegos e portugueses e música, nun ambiente cercano e informal, desfrutar do rural e do entorno natural e descubrir doces e bebidas portuguesas. O ano pasado os pasteis de nata e as bolas de Berlín foron un exitazo!

Contacto

Correo electrónico:

segredosdepanton@gmail.com

Tlf:

662 669 223 (Lucas Vázquez)

Redes Sociais

  • Facebook
  • Instagram
Marca segredos de pantón.png
RPCentidade.png
bottom of page