
Entrevistas 2022
Asoc. Cult. "Segredos de Pantón"
Xurxo Ayán Vila
Hoxe entrevistamos a un dos grandes arqueólogos de Galicia e ao arqueólogo por excelencia da Pobra do Brollón, don Xurxo Ayán Vila. Qune está a facernos descubrir o xacemento do Preguntoiro (San Vicenzo de Pombeiro) entre outras tantas cousas.
Sen máis dilacións aquí a entrevista e mil grazas por todo Xurxo!
SdP: Para comenzar ca entrevista unha serie de preguntas rápidas:
Reino de Galicia, opinión?
Non é unha cuestión de opinión, é unha realidade. O reino suevo foi o primeiro Estado xermánico europeu. Na época altomedieval tivemos xa reis e os cronistas musulmáns tiñan ben clara a existenza desta estrutura política. Na catedral compostelá podemos visitar o Panteón Real. O Reino de Galiza perdurou até a instauración do rexime liberal após 1833. De feito, a súa disolución é a cerna do movemento provincialista decimonónico, alicerce do que será despois o rexionalismo e o nacionalismo. Incluso o Reino de Galiza era reivindicado, loxicamente, polo tradicionalismo carlista da man de Alfredo Brañas, Blanco Cicerón, López Ferreiro, etc…
Monumento favorito
Teño dous. O primeiro, o castro de San Lourenzo, na miña parroquia de Cereixa (A Pobra do Brollón), por razóns afectivas, familiares, emocionais. O segundo, a estrutura rupestre de O Cotillón (San Román de Acedre, Pantón) polo seu carácter enigmático e misterioso.
Celtas, un mito?
Habería que discutir conceitos como o de etnicidade e identidade. Así e todo, creo que a variabilidade cultural no noroeste hispánico na Idade do Ferro era ben grande, e así o souberon recoñecer os propios xeógrafos grecorromanos coas súas referencias a populi Celtici, mais tamén Lemavi, Límicos, etc… Hai xa ben anos nun dossier na revista Complutum algún colega se preguntaba “Para que serven os celtas?” Sexa como for, semella haber datos abondo para defender unha certa koiné céltica a nivel de lingua e relixiosidade, dacordo cos especialistas noutras disciplinas. Doutra volta, cómpre ter en conta as conxunturas políticas que foron modelando a nosa percepción dos pobos “prerromanos”: celtas no celtofascismo, castrexos-galaicos na conformación da autonomía galega na década de 1980 e, arestora, comunidades da Idade do Ferro na Unión Europea. Isto no referido á arqueoloxía. Obviamente, si é unha paisaxe mitificada e imaxinada todo o ámbito da música céltica como produto no mercado.
Período histórico favorito
Nos últimos anos estou moi interesado no século X en Galicia, un período que nada ten que ver cunha época escura, e no que xermola a realidade vixente ao longo do resto da Idade Media. Creo é un período que podemos ler en clave do presente: xénero (mulleres aristócratas empoderadas e cultas como Aldara e Senior), multiculturalidade (hibridación no caso dos mozárabes, intercambios con bizantinos, vikingos e Al-Andalus), ecoloxismo (panteísmo priscilianista, eremitas e anacoretas), autonomía política (reino de Galiza), paisaxe (xénese da paisaxe rural tradicional galega), conflicto e violencia (proceso de incastellamento, razzias), promoción do culto xacobeo (rede de tránsito e conformación de vías de comunicación históricas).
Cales son os seus estudos?
Son Licenciado en Historia con Premio Extraordinario (1998), Diploma de Estudios Avanzados en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela (2000). Defendín a miña tese de doutoramento na USC Casa, familia e comunidade na Idade do Ferro do noroeste (2012), Premio Cultura da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra á mellor tese en Humanidades. Fun Investigador postdoutoral na Universidade do País Basco (2014-2017) e investigador principal da FCT no Instituto de História Contemporânea da Universidade NOVA de Lisboa (2019-2025).
SdP: Como foi que colleulle gusto á historia? E ás escavacións?
XAV: Débollo a meu pai, Xulio, profesor galeguista, nado en Chavaga (Monforte de Lemos) e amante do cicloturismo. Cando eu era neno, iamos en bici a explorar paraxes da terra de Lemos, castros, modorras, castelos, casas con emblemas heráldicos. No ano 1987, con dez anos de idade, chantouse en min definitivamente a vocación arqueolóxica. O castro de San Lourenzo, na miña parroquia de Cereixa, ardera, e alí fomos visitar o lugar. A experiencia impactoume de tal maneira que me entrou a nacida da arqueoloxía (véxase a curta documental en Youtube As pedras de San Lourenzo). Papá mercoume un par de libros de teoría e método da arqueoloxía e levoume ver unha escavación de verdade, a que estaba levando a cabo Antonio Álvarez (despois praticante en Pantón en na Pobra) no castro de Penalba (Campolameiro, Pontevedra). Naquela mesma época veu impartir unha charla ao meu coelxio Álvarez Limeses o arqueólogo do Museo de Pontevedra Antonio de la Peña Santos, que me encantara. Foi a conxunción destes tres eventos: a visita a San Lourenzo e Penalba, e a charla de Antonio. Meu pai sempre quixo que eu estudase Arquitectura, pero a paixón arqueolóxica (e o meu odio ás matemáticas) puideron máis.
SdP: Como diría que foron as campañas realizadas no "Preguntoiro"? Agarda realizar algunha máis?
XAV: É un lugar esencial para comprender a xénese e evolución da Ribeira Sacra. Cando chegamos alí da vosa man (Segredos de Pantón), unicamente se vían dous sartegos escavados na rocha, entre unha manigua de acacias. As catro campañas desenvoltas entre 2021 e 2024 forneceron unha secuencia estratigráfica fundamental para comprender o paso da fraga á ribeira, a conformación da paisaxe vinícola, os cambios nos patróns de relixiosidade e de organización eclesiástica entre a Alta Idade Media e a Plena Idade Media. Pola súa vez, avanzamos na interpretación dos testemuños epigráficos asociados ás estruturas, documentamos a capela románica de San Xoán Degolado, dous sartegos antropomorfos novos (un deles co seu depósito orixinal) e atopamos novos xacementos arqueolóxicos como A Pena das Donas, petróglifos., etc… A rendibilidade científica do proxecto está fóra de toda dúbida e débese en grande medida a implicación en medios, recursos e persoal por parte do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.
Pero quizabes o máis importante foi acadar a implicación total da veciñanza de Cibrisqueiros e Pombeiro, cos que temos organizado visitas guiadas e magostos arqueolóxicos. As escavacións contribuíron a reforzar o sentimento comunitario identitario e de pertenza, e puidemos recoller o que fica no imaxinario coleitivo, as lendas e tradicións vencelladas con esta paisaxe, coa colaboración do benquerido etnógrafo Alfonso Campos.
Entre setembro e outubro encetaremos a quinta campaña de escavacións no Preguntoiro, novamente financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e en colaboración co Concello de Pantón.
SdP: Desexaría traballar nalgún proxecto en concreto das ribeiras do Sil e do Miño?
XAV: Levo anos embarcado nun proxecto sobre a conformación da paisaxe electrofascista na actual Ribeira Sacra e agardo adicarlle tempo e recursos a partir de 2026. A miña intención é estudar a arquitectura e a microhistoria dos campos de redención de penas (nos que se aloxou a man de obra escrava republicana que axudou a erguer os encoros, facer estradas e mesmo levar a cabo a repoboación forestal do que sería ICONA), os poboados de empresa de Saltos de Sil e FENOSA e investigar a fallida colonización agraria do val de Lemos (rede de irirgación coñecida como O Canal). Doutra volta, temos localizados dous xacementos arqueolóxicos espectaculares ao pé do río Sil, nos que queremos intervir, se ben non podemos por agora desvelar o seu emprazamento.
SdP: Pensa que en xeral tenemos un coñecemento aceptable da historia? Que período debería de divulgarse máis?
XAV: Veño dun acto de memoria na Illa de San Simón, onde puiden ver como unha adolescente lle preguntaba a seu avó polas dúas bandeiras que había alí chantadas: recoñecía a bandeira galega pero non tiña nin idea da bandeira republicana. Así están as cousas, sobre todo entre as xeracións máis novas. Son moi pesimista neste sentido. En relación con isto, o período que cómpre divulgarse máis é o dramático século XX, sobre todo nun territorio como a Ribeira Sacra onde o Poder aposta por un relato narcotizante, ahistórico e aséptico (A paisaxe da Auga), cando non se pode entender sen falar de fascismo, estado totalitario e ditadura.
SdP: Como historiador como ve todo o referido ca venda da marca "Ribeira Sacra" e a creación do seu relato histórico?
XAV: É unha historia de éxito, unha imaxe de marca imbatible que non ten marcha atrás. Sen embargo, as esixencias do mercado global e os intereses do lobby adegueiro non deben estar reñidos, na miña opinión, co rigor da investigación histórica seria. Durante moitos anos vivimos instalados nun esperpento no que os medios de comunicación controlados pola Xunta seguían a manter o tópico da paisaxe do viño romana, censurando a opinión dos expertos (isto vivino eu en primeira persoa). Creo que o punto de inflexión cómpre situalo no investimento por parte das administración en investigación arqueolóxica co gallo do proceso de patrimonialización derivado da proposta a Patrimonio da Humanidade. No último lustro, diferentes proxectos (universitarios, académicos e de empresas privadas de arqueoloxía) comezar a alicerzar un relato máis acaído sobre o pasado alto e plenomedieval da Ribeira. Outra cousa é que este relato sexa tido en conta ou non polos tecnócratas e sexa útil aos intereses económicos dos responsábeis da mercantilización da Ribeira, da Denominación de Orixe, do Consorcio de Turismo, etc…
SdP: Se puidera dar unha charla na contorna con afluencia de público masiva, de que falaría e porque?
XAV: Nos últimos anos temos organizado, probablemente, un cento de actividades abertas ao público, e sabemos que contamos cun pequeno exército de afeccionados e amadores do patrimonio que veñen a todo, pero ningunha charla ou conferencia ten ese carácter masivo que sinalades. O interés polo pasado é relativo e unha porcentaxe moi ampla da poboación ten cousas mellores que facer. Calquer pregón dun botarate televisivo nunha feira do viño congrega máis xente. Así e todo, coido que hai temas que si acadan ter certo éxito de audiencia, como é o da guerrilla antifranquista. Na recente presentación do noso libro Repil 20 de abril de 1949 (Compostela, Edicións Positivas, 2025), coordenado por Olga Novo e eu mesmo, acadamos xuntar cen persoas en plena ola de calor no local social da Asociación de Veciños de Cereixa. Iso pretendemos repetir na libraría Agrasar o vindeiro 6 de agosto e na sinatura de libros na próxima Feira do Libro de Monforte.
SdP: Na nosa bisbarra que período histórico tense pouco traballado? E que faría para revertilo?
XAV: Sen dúbida, o paso da tardoantigüidade ao Reino Suevo. A diferenza do período altoimperial das explotacións auríferas, esta época apenas foi tratada arqueoloxicamente, malia o enorme potencial existente. Contamos con castros que sabemos estaban habitados nesa época (Chavaga, Penedos do Castro, por exemplo), con achádegos de xoias e moedas xermánicas e con reocupacións serodias de antigas atalaias e castros mineiros romanos. Cómpre facer unha revisión e encetar un proxecto do estilo dos levados a cabo polo doutor Carlos Tejerizo García (Universidade de Salamanca, Sputnik Labrego) para a zona de Valdeorras.
Agradecemos de todo corazón o traballo de Xurxo e a súa disposición para esta entrevista. Mil grazas por todo!