top of page

Zeltia Valcarce

Aldeas cada vez máis debilitadas, silencio e máis silencio. Casas pechadas, camiños de soidade anciá. Mobles aferrados en gobernos locais, carentes de motivación, incapaces de disuadila caída poboacional. Realidade da maioría das aldeas galegas, como o concello de Pantón, que além diso, son testemuñas da emigración do futuro, das súas sementes, condenadas a brotar lonxe do fogar. Un de tantos é o caso da nosa veciña, Zeltia Valcarce González, a nosa entrevistada do decembro, que tivo que deixar a casa familiar, como a súa irmá maior, para exercer a medicina.

SdP: Cóntanos, brevemente, o teu nexo co noso concello de Pantón.

ZV: Son da Vila do Mato, unha pequena aldea do concello na parroquia de San Xulián de Serode, onde me criei e medrei, de onde é tamén miña nai e era tamén miña avoa materna.

SdP: Fálanos da túa experiencia, no ámbito escolar, no CEIP MONTE BALIÑO.

ZV: O noso cole, recórdoo con moita tenrura, foi unha etapa bonita que pasou voando, gustábame ir ao colexio e xogar no recreo. Recordo especialmente o rica que era a comida aínda que daquela eu non era moi boa comedora.

SdP: Como foi o salto a Monforte de Lemos, para cursar a secundaria e o bacharelato?

ZV:Foi unha etapa bonita , teño bos recordos do IES A Pinguela e das novas amizades que fixen e desas persoas que quedan para sempre. Os primeiros anos foron sinxelos, creo que do Monte Baliño saimos con boa base, desas clases pequeniñas e familiares. A medida que ía pasando de curso recordo que me poñía bastante nerviosa nas tempadas dos exames.

SdP: Fálanos, do recoñecemento académico polo bo expediente acadado.

ZV: Pois foi o resultado de ter boas notas no instituto, que por outra parte o vía como normal porque me educaron así. Recordo que meu pai sempre dicía que o meu traballo era ese “estudar”.

SdP: Cando e como xurdiu o desexo da túa actual profesión?

ZV: Xurdiu uns meses antes de acabar o segundo ano de bacharelato. Creo que era o soño da miña avoa materna, que entón era xa moi maior e tiña múltiples patoloxías. Ela sempre me dicía que estudara para intentar axudar no futuro a persoas coma ela (referíndose as súas doenzas pero especialmente a sintomatoloxía que lle producía a Enfermidade de Parkinson que era o que máis a limitaba na súa vida diaria). Ela faleceu cinco meses antes de presentarme á Selectividade. Cando eu tiña 17 anos despedinme dela na planta de Medicina Interna do noso hospital comarcal. E tan so uns meses despois aventureime a escoller Medicina, con moitas dúbidas de estar facendo o correcto e ser capaz de chegar a ser médica algunha vez.

IMG-20231022-WA0010.jpg

Unha imaxe de Zeltia, ao carón do mar.

SdP: Como foi o abandono do fogar para cursar a licenciatura de Medicina na capital galega?

ZV: Pois foi unha etapa bonita, moi dura e esixente no académico pero moi bonita. Como a miña irmá xa levaba dous anos alí estudando e vivimos xuntas os primeiros anos foi como seguir na casa en certo modo, somos bastante inseparables.

SdP: Que cousas crees que che aportaron eses anos en Santiago?

ZV: Os anos en Santiago aportáronme moito, recordo eses anos con especial cariño. Regaloume novas amizades e coñecín persoas moi interesantes. Ademais de moitas horas de estudo, recórdoa como a cidade das festas, de saír, dese ambiente da zona vella que me gustaba tanto.


SdP: Cal é a túa especialidade e por qué?

Son especialista en Medicina Interna. Diría que é a especialidade máis bonita que hai e agora non a cambiaría por ningunha outra. Elixín Medicina Interna porque tiña claro que quería facer unha especialidade xeneralista que se encargue dos múltiples problemas que poda ter un doente e que vexa a persoa coma un todo, e ademais gústame o ámbito hospitalario. Ao ser tan extensa é un reto
diario xa que moitas veces non sabes o que lle pasa ao doente e tes que estudar para axudar as persoas e intentar buscar solucións. Outras veces tamén acompañamos e aliviamos, a medicina paliativa tamén forma parte do noso día a día.



9. Como foi prepararse pro MIR e onde tiveche que ir?

ZV: Foi duro, foron 7 meses de estudo intenso desde que acabei a carreira ata presentarme ao exame MIR, creo que eran unhas 10 horas ao día de estudo de luns a venres, os sábados ía a academia, pola mañá clase e pola tarde simulacro de exame (que duraban 5 horas) e os domingos libres. Se non fora polo apoio que tiven na casa houbera sido aínda máis difícil.
No momento de escoller decidín facer a residencia fóra de Galicia, para ver outro sistema sanitario, fixen a residencia en Vitoria, no País Vasco. Alí estiven cinco anos, onde fixen a especialidade, sempre digo que foi a mellor decisión que tomei. Eses cinco anos foron marabillosos pero especialmente duros xa que me tocou vivir o inicio da pandemia nos últimos anos da residencia, creo que aínda non son consciente de todo o que vivimos.

SdP: Na historia da medicina, hai algunha figura que a tivera impactado especialmente?

ZV: Máis que figuras da historia teño varios exemplos de médicos ou os que eu chamo os meus pais da Medicina. Son médicos con moita experiencia profesional e que sempre dan o mellor polos seus pacientes, son sensibles, xuntan a ciencia co corazón e o que sae é arte. Pois esas son as miñas figuras da Medicina as que admiro.

FotoHospitalPúblicoMariña (1).jpg

Hosòtal público da Mariña, onde traballa Zeltia. Imaxe: Sergas.

SdP: E no ámbito familiar, existe influencia relevante dalgún familiar (ou varios) para a túa vida, o apoio ao longo de todos eses anos de estudo ?


ZV: Os tres, meus pais e miña irmá, que creron en min cando eu non o facía, que sempre estiveron aí, en cada exame, en cada mal día de estudante pero especialmente de residente. Si as preocupacións con exames foron frecuentes cando falamos de vidas de persoas multiplícanse por moito. Sen soporte familiar non houbera sido posible, son o que son por eles.

SdP: Plantéxaste, nun futuro traballar no interior da provincia lucense, voltar mesmo ao concello?

ZV: Por suposto, son un cruce do Lugo Sur, son media guímara da Pobra do Brollón por meu pai, tamén son de Pantón e luguesa de nacemento. A medio prazo gustaríame achegarme as miñas raíces, que están aquí. A Pantón concretamente non sei, ter certa distancia e
non ser a médica dos teus veciños e daqueles que te viron medrar as
veces creo que é o mellor.

SdP: Que opinas do desmantelamento do centro de saúde de Pantón?

ZV: É terrible, enfádame moito. Sinto unha pena tremenda co desmantelamento progresivo da sanidade pública a todos os niveis e especialmente nos centros de saúde do rural e hospitais comarcais, como si os usuarios da periferia foran de segunda categoría. Creo que é algo que como sociedade non deberiamos cansarnos de denunciar, pois sen saúde non temos vida. Se os nosos políticos non saben xestionar nin garantir o dereito fundamental á protección da saúde, deberan marchar. Á poboación anímoa a que se acorden das listas de agarda e da falta de persoal sanitario en xeral cada vez que hai eleccións, xa que nas urnas tamén votamos si queremos ter unha
sanidade pública de calidade.
 

SdP: Cando escoitas Pantón, que sentimentos invaden a túa mente?

ZV: Veñen a min moitos sentimentos felices da miña infancia, rodeada de animais e natureza compartida con miña irmá e tamén cos avós. Tamén sinto a sensación de liberdade de cando me tiraba por unha costa cun triciclo que usamos coma tolas ata que rebentou. É paz, porque é volver a casa cos meus, é descanso. Tamén é orgullo dos anos que participei na organización do Festival do Castro, do ben que o pasei formando parte da asociación cultural O Castro e como non da alegría que me daban as muiñeiras quebailei de pequena.


Dando por rematado este encontro, agradecémosche adicarnos o teu tempo e esperamos volver conversar convostede nun futuro próximo.

bottom of page